As solicitudes de voto por correo para as eleccións xerais do 10 de novembro descenderon en Galicia, incluíndo as das persoas residentes temporalmente no estranxeiro, un 10% con relación aos comicios xerais do 28 de abril. A observación illada destas 60.348 solicitudes aceptadas, segundo os datos da Oficina do Censo Electoral, podería convidar a pensar nunha desmobilización do electorado motivada pola repetición electoral. Pero existen, cando menos, algúns matices.
As peticións de voto por correo baixan un 10% con relación ao 28A, pero o seu número é o terceiro maior no que vai de século en eleccións xerais en Galicia
Efectivamente, as solicitudes de voto por correo descenderon. Son ese 10% menos que o 28A e están case un 20% por baixo con relación ás xerais repetidas de xuño de 2016. Sendo isto certo, non o é menos que as 60.348 solicitudes formuladas -contando as 896 dende de residentes temporais no estranxeiro- supoñen a terceira maior cantidade de peticións para votar por correo nunhas eleccións xerais en Galicia no que vai de século.
En catro das sete eleccións xerais -contando o 10N- convocadas neste século, as solicitudes de voto por correo aumentaron con relación aos anteriores comicios do mesmo tipo en Galicia. Así, unha ollada á base de datos da Oficina do Censo Electoral amosa como as máis de 60.000 solicitudes rexistradas desta volta son practicamente o duplo das rexistradas nas xerais de 2004, as da primeira vitoria do PSOE de Zapatero, e 12.000 máis que nas xerais de 2008, por exemplo.
As persoas residentes temporalmente no estranxeiro que poderán votar por correo nas circunscricións galegas son menos de 1.000
O récord de peticións de voto por correo nas xerais que van celebradas neste século segue sendo no caso galego o das repetidas de 2016, con máis de 83.000 peticións. Así e todo, o rexistre 10N segue sendo maior, por exemplo, que o das eleccións xerais do ano 2015, que se celebraran ás portas do Nadal, cando as peticións do voto postal aumentaran un 22%.
Por circunscricións, as solicitudes de voto por correo rexistradas en Galicia foron 22.594 na Coruña, 8.103 en Lugo, 9.319 en Ourense e 19.184 en Pontevedra. No que atinxe especificamente ás peticións de persoas residentes temporalmente no estranxeiro -incluídas nun censo diferente ao CERA-, a redución é no caso galego do 20% con relación aos comicios de abril e o volume é escaso con relación ao global: 413 na Coruña, 88 en Lugo, 81 en Ourense e 314 en Pontevedra.