Apenas o 5% do 'voto emigrante' galego participará nas eleccións xerais do 28A

Sobres de votación nas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

Unha elección máis, como todas dende a reforma legal de 2011, a noite electoral das xerais do 28 de abril finalizará en Galicia cun elevado grao de certeza a respecto da posibilidade de que os votos das persoas inscritas no censo de residentes ausentes (ERA) -o popularmente mal chamado "voto emigrante- modifique o reparto de escanos que ditaminen as urnas no interior. Non en van, a participación dos integrantes deste censo non pasará do 4,6%.

Unha vez rematado o prazo do 'voto rogado' para as persoas inscritas no CERA foron aceptadas un total de 21.110; as restantes 437.000 xa non poderán participar nas eleccións

Unha vez rematado o prazo de solicitudes para emitir o voto nas eleccións do 28A, o coñecido como voto rogado, foron aceptadas un total de 21.110 para as persoas inscritas no CERA das catro circunscricións galegas, segundo datos provisionais da Oficina do Censo Electoral (OCE). Daquela, as outras 437.387 que forman parte deste censo, o 95,4% xa non poderán participar. 

Por provincias, a maior proporción do CERA que tramitou a participación nos comicios está en Pontevedra e apenas pasa do 5%. A Coruña ficou no 4,91%, Ourense apenas superou o 4% e Lugo non pasa do 3,90%. Estes niveis son notablemente inferiores á media estatal, que tamén é moi baixa, do 8,41%, sempre segundo o balance provisional da OCE. Estas cifras non queren dicir que se vaian corresponder coa participación final, xa que non todas as solicitudes aceptadas se traducen posteriormente no envío do voto.

A implantación do voto rogado freou de raíz as fraudes asociadas ao CERA, pero tamén complicou notablemente a participación das persoas que están temporalmente emigradas

Estes datos rexístranse nun contexto no que, como en cada campaña dende 2011, estiveron sobre a mesa os atrancos para exercer o dereito ao voto dende o estranxeiro. A implantación do voto rogado equiparou os requisitos impostos ás persoas inscritas no CERA -que poden levar décadas emigradas ou que mesmo apenas pisaron territorio do Estado español- cos que ten que esquivar a poboación que emigrou temporalmente, por exemplo, a causa da crise económica. A participación destas persoas, inscritas no censo de residentes temporalmente no exterios, non no CERA, enfróntase a complicados trámites burocráticos.

No caso galego, así e todo, a aprobación do voto rogado supuxo tamén un freo inmediato a un practicamente incalculable abano de prácticas fraudulentas que ían dende o envío masivo de papeletas sen comprobación de identidade ata a participación nas eleccións de persoas xa falecidas, todo isto xestionado en gran medida por empresas de correo estranxeiras e coa influencia de 'axentes electorais' dos grandes partidos. Un eventual regreso ao modelo anterior -a prometida contrarreforma non chegou a culminarse polo adianto electoral- sen novos requisitos de identificación e seguridade suporía abrir as urnas galegas a case medio millón de sufraxios sen control.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.