O censo electoral galego no estranxeiro disparouse en 100.000 persoas nunha década

Sobres e papeletas das pasadas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

O adianto das eleccións xerais ao 28 de abril deixou polo camiño múltiples medidas sen rematar de tramitar tanto no seo do Goberno de España como no Congreso dos Deputados. Unha delas é a contrarreforma da lexislación electoral no que atinxe á participación das persoas que integran o censo de residentes ausentes (CERA), o censo do popularmente mal chamado "voto emigrante", que en apenas unha década se disparou en 100.000 persoas en Galicia. Este acordo, de chegar á súa conclusión, eliminaría un dos requisitos máis controvertidos da reforma do ano 2011, que implantou o "voto rogado". Isto é, a necesidade de solicitar participar nos proceso electorais dende o estranxeiro para poder facelo.

O adianto das xerais implicou o freo á contrarreforma do voto emigrante, que supuxo atrancos á participación da poboación emigrada máis recentemente, pero tamén un freo a unha importante bolsa de fraude

O voto rogado tivo multitude de detractores dende a súa implantación. Fundamentalmente, porque equiparou os requisitos impostos ás persoas inscritas no CERA -que poden levar décadas emigradas ou que mesmo apenas pisaron territorio do Estado español- cos que ten que esquivar a poboación que emigrou temporalmente, por exemplo, a causa da crise económica, cuxa participación se enfronta a complicados trámites burocráticos. 

Pero, no caso galego, a aprobación do voto rogado supuxo tamén un freo inmediato a un practicamente incalculable abano de prácticas fraudulentas que ían dende o envío masivo de papeletas sen comprobación de identidade ata a participación nas eleccións de persoas xa falecidas, todo isto xestionado en gran medida por empresas de correo estranxeiras e coa influencia de 'axentes electorais' dos grandes partidos. Non en van, dende a instauración dos controis a abstención do CERA en Galicia roldou en todos os comicios o 90%.

A 1 de xaneiro de 2019 as persoas inscritas no CERA das circunscricións galegas eran xa case 460.000

Un eventual regreso a un sistema sen filtros dabondo de seguridade tería na actualidade moito máis impacto que antes da reforma de 2011, cando tamén se eliminou a participación do voto CERA en eleccións municipais. Non en van, as sucesivas reformas que facilitaron a nacionalización de descendentes de persoas emigrantes e a propia emigración real provocou que este censo non deixase de medrar e xa superase, a 1 de xaneiro de 2019, as 450.000 persoas na suma das catro circunscricións galegas. Ata chegar, concretamente, ás 456.668, un incremento superior ao 30% a respecto das algo menos de 348.000 inscritas hai dez anos, a comezos de 2009.

O CERA aumentou en todos os concellos agás nun; en Burela e Lugo o incremento foi superior ao 100% nunha década

Mostra do incremento xeneralizado do censo dos teóricos residentes ausentes nestes anos é que as súas cifras aumentaron en todos os concellos agás nun, Val do Dubra, onde se reduciu un 2%. No resto o incremento foi xeral con especial impacto en concellos como Burela e Lugo, con subas superiores ao 100%. A capital lucense pasou de pouco máis de 5.000 persoas no censo exterior no ano 2009 a máis de 11.000 no 2019. Na Coruña e Ferrol o incremento estivo por riba do 50% e en Pontevedra e Santiago tamén superou o 40%, valor do que quedaron preto tanto Vigo como Ourense.

Aínda que en termos porcentuais estes incrementos do censo exterior non foron porcentualmente tan elevados en concellos do interior ourensán onde o peso da emigración sempre foi moi significativo, os valores dalgúns destes municipios seguen a ser elocuentes polo feito de que o seu CERA é claramente superior ao censo interior. Isto é, a teórica emigración é maior que a poboación residente no concello. 

É o caso de Avión, con 1.108 inscricións máis no CERA que no censo interior ou Bande, con 803 persoas máis no CERA. Boborás, con 500; ou Gomesende, con case 400 persoas máis inscritas no censo emigrante que no censo interior, son outras mostras deste fenómeno, que atinxe xa a unha vintena de municipios do país.

As propostas de reforma do sistema debatidas na lexislatura que remata implicaban, a priori, maiores garantías de identificación da persoa que vota dende o estranxeiro

Aínda que a reforma electoral non chegará para o ciclo electoral que comeza, todo semella indicar que o debate volverá estar sobre a mesa na vindeira lexislatura estatal, polo que si podería estar vixente para as próximas eleccións galegas, previstas para o ano 2020. As últimas proposta que estiveron sobre a mesa, tanto a pactada por PSOE e Unidos Podemos como a defendida polo PP suporían, a priori, maiores garantías de identificación da persoa votante que o sistema anterior.

Así, o modelo acordado por socialistas de Podemos baseábase no envío a domicilio dunha papeleta en branco ao electorado do exterior, que escribiría o nome do partido elixido e a enviaría de volta xunto cunha fotocopia do carné de identidade ou pasaporte, todo isto xunto a unha flexibilización de prazos. Os populares, pola súa banda, agregaban a introdución de máis centros de votación en urna no estranxeiro e a descarga por internet das papeletas dos partidos. 

Ambas reformas foran presentadas coa intención declarada de incrementar a participación do electorado do exterior. No caso do CERA, de saíren adiante, abriríase a porta a un censo próximo ao medio millón de persoas das que, polo menos de momento, nin sequera existen garantías de que todas continúen con vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.