Trinta puntos para que o voto emigrante volva ser decisivo en Galicia

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

O 19 de xuño de 2005 convocárase unha festa na Praza da Quintana a partir das 8 do serán. Ao abeiro do movemento Hai que botalos, no que creadores e creadoras do audiovisual aglutinaran os motivos que consideraban dabondo para desbancar o PP de Fraga da Xunta, prevíase que esa convocatoria serviría para celebrar o cambio político en Galicia e a chegada a San Caetano da coalición de PSdeG e BNG. O PP perdeu, efectivamente, a maioría absoluta, pero podía sumar o escano 39 que lle daría a maioría absoluta se o denominado voto emigrante así o ditaminaba. Cunha participación do 34,70% os coñecidos como residentes ausentes podían inverter o veredito das urnas en Galicia. Eses algo máis de trinta puntos de participación son os que busca recuperar a contrarreforma do voto emigrante.

Contra o final do derradeiro mandato de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado as Cortes Xerais aprobaron unha reforma da lei electoral orientada, entre outros aspectos, a evitar a fraude no voto emigrante. Ademais do PSOE gobernante apoiaron a modificación o PP, CiU, o PNV e o BNG. Os principais cambios eran dous: a emigración ía deixar de participar nas eleccións municipais, as consideradas máis próximas á cidadanía e, sobre todo, implantábase o voto rogado, isto é, para participar nos comicios dende o exterior habería que solicitalo antes, ao xeito do voto por correo ordinario.

O censo exterior incrementouse en 100.000 persoas nos últimos anos

Esta mudanza normativa chegaba en plena expansión do Censo de Residentes Ausentes (CERA). A extensión da nacionalidade española derivada da Lei da Memoria Histórica -os netos de persoas emigradas ou exiliadas podían acceder a ela-, entre outros factores, provocou un importantísimo incremento das persoas inscritas neste censo, ata o punto de en 2014 son case 100.000 máis que antes da reforma. Así as cousas, en caso de manterse os niveis de participación na contorna do 30% a influencia nos resultados electorais da Galicia interior sería cada vez maior, máis aínda tendo en conta que na emigración adoitaba impoñerse o partido que ostentaba o Goberno de España.

Pero a reforma entrou en vigor. As persoas inscritas no CERA deixaron de recibir as papeletas de votación automaticamente na súa casa, pedírano ou non e sen comprobación previa de se seguían vivas. Nas eleccións municipais de 2011 xa non puideron participar e nas xerais de 2011 a súa participación caeu en picado. Daquela a circunscrición galega con máis participación do exterior, Lugo, apenas pasou do 5%, na Coruña subiu levemento do 4% e en Ourense e Pontevedra ficou en algo máis do 3%. Nas eleccións autonómicas de 2012 a tendencia mantívose e a abstención do CERA roldou o 96%. Nas europeas deste 2014 a participación non chegou nin ao 2%.

Nas eleccións de 2012, as primeiras autonómicas tras a reforma, a abstención entre o CERA estivo no 96%

Esta baixa participación a causa da instauración de controis legais é, precisamente, a causa que alude o Goberno central para darlle a volta á reforma. Co apoio do PSOE, que agora tamén cre que aquela operación foi "un erro". Ademais, unha proposta do Parlamento de Galicia promovida en 2008 para estender o voto en urna entre o CERA serve agora de punto de apoio para darlle a volta á situación e pórlle fin ao sufraxio rogado. O voto do exterior vai poder, en definitiva, ser decisivo para os resultados globais no caso dun panorama electoral moi axustado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.