A reforma do voto emigrante abre a porta a 450.000 sufraxios en Galicia sen control previo de identidade

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

O Goberno de España xa trasladou ao Congreso a súa proposta de modificación do sistema de voto rogado para os cidadáns no exterior. O informe que elaboraron Exteriores, Migracións e Interior, en consonancia co portavoz do PSOE na subcomisión de reforma electoral, aposta por que os inscritos fóra de España reciban directamente a documentación electoral sen necesidade de ter que rogar o voto e cunha particularidade á hora de exercelo: terán que escribir a súa opción electoral na papeleta. Este cambio abre a porta a que máis de 400.000 persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) dalgunha das catro provincias galegas sen control de identidade previo. 

O portavoz socialista, Gregorio Cámara, trasladou ao resto de portavoces a proposta na que traballou xunto aos técnicos do Executivo central e a Oficina Electoral. "A proposta parte da eliminación do rogo de voto", afirmou Cámara tras a reunión. 

O Goberno de Sánchez xa trasladou ao Congreso a súa proposta para eliminar o sistema de voto rogado

O voto rogado, que se puxo en marcha en 2011, obriga os electores no exterior a solicitar previamente o voto en cada convocatoria de xerais, autonómicas e europeas. A participación dos inscritos no CERA caeu a niveis mínimos nas últimas convocatorias electorais, tamén en Galicia, ao rexer un sistema que minguou moitísimo o número de votantes pero acabou tamén coa fraude que pairou durante décadas en todas as citas electorais, nomeadamente en territorios con importantes colectividades emigrantes, como no caso galego. 

A principal novidade da proposta do Goberno é que os electores recibirían directamente a información electoral sen necesidade de facer un trámite administrativo exclusivo para as eleccións. Nesa documentación recibirán, de aprobarse este procedemento, a papeleta en branco e terán que escribir a súa opción. Para Cámara esa solución permite acurtar os prazos. Unha vez cuberta a documentación, os electores teñen dúas opcións: acudir ao correspondente consulado a votar --terán catro días para votar presencialmente fronte aos dous que se habilitan actualmente, segundo o deputado socialista-- ou facelo por correo. O envío poderá facerse por correo ordinario sen a obrigatoriedade de que sexa certificado. Para o deputado socialista é unha forma de garantir a gratuidade á hora de exercer o dereito ao voto.

A proposta do Executivo é que os inscritos no CERA reciban a documentación e escriban o partido na papeleta para logo votar no consulado ou enviala por correo

Para Cámara este procedemento busca "mellorar e facilitar o voto dos españois residentes no estranxeiro sen diminución de ningunha garantía e ao mesmo tempo permitindo unha ampliación de prazos". "Con esta medida gañamos 17 días para que os electores poidan dispor de toda a información electoral e poidan emitir o seu voto", dixo Cámara. Ademais, a proposta do Executivo expón que a lei habilite ao Goberno a establcer xunto coa Xunta Electoral un procedemento exclusivo para "algúns países onde non sexa posible seguir ese procedemento".

A dúbida é se esa "ampliación de prazos sen diminución de ningunha garantía" implica volver a un sistema, o anterior a 2011, onde as sospeitas ou denuncias de fraude, os votos de persoas falecidas e o descontrol na recolleita de papeletas eran comúns. O mesmo problema que chegará de non aplicarse maiores e mellores garantías nos comicios e de non controlarse previamente a identidade antes do envío das papeletas. 

O sistema vixente a tal hora, o do voto rogado, é co que queren acabar desde hai tempo PP e PSOE, os mesmos partidos que acordaran poñelo en marcha hai sete anos co apoio de BNG, CiU e PNV. Os dous grandes partidos instaron xa dar marcha atrás neste aspecto da nova lei electoral aos dous anos de implantalo e seguiron intentando acabar con el nesta lexislatura, co apoio tamén de Podemos e Ciudadanos. Co cambio no Goberno de Madrid, os socialistas volveron deixar clara a súa prioridade no caso de impulsar outra modificación lexislativa.

O consenso para rematar co voto rogado xorde das dificultades da nova e moza emigración, nada que ver co censo de persoas emigradas hai décadas

A contundencia no rexeitamento xorde, en moitos casos, do intento por acabar cos atrancos que a nova, moza e recente emigración atopou nos últimos comicios autonómicos e estatais. Son residentes temporais que denunciaron as dificultades para votar tamén nas municipais, vetados para integrantes do CERA, malia terse apuntando como transeúntes nos consulados. Pouco o nada que ver co censo de persoas emigradas e asentadas desde hai décadas noutros países.

O sistema anterior ao do voto rogado implicaba que todas as persoas inscritas no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen necesidade de que ninguén comprobase a súa identidade e os votos incorporábanse ao resultado electoral do interior sen controis que permitisen acreditar, por exemplo, se o elector de que se tratase era unha persoa viva ou, pola contra, xa falecera e alguén votara no seu nome. No entanto, estes controis implicaron tamén notables obstáculos para votar ás persoas que residen temporalmente no exterior, malia ser a súa situación obviamente distinta.

Nas últimas eleccións galegas, votaron menos de 12.000 persoas dun censo exterior de 446.000; en 2009, antes da aplicación do voto rogado, fixérono máis de 100.000

Nas últimas eleccións autonómicas en Galicia de setembro de 2016, a participación das persoas inscritas no CERA volveu estar marcada por unha elevadísima abstención. Roldou o 98%, porcentaxe semellante á de cada convocatoria electoral desde que en 2011 se instaurara a obrigatoriedade de solicitar formalmente a votación. Das máis de 446.000 persoas galegas con dereito a voto no exterior, tan só unhas 19.700 completaron os trámites para exercer o seu dereito. Delas, unicamente 10.777 remitiron o seu sufraxio en tempo e forma. Nos últimos comicios xerais, no conxunto do Estado, só votaron o 7,6% dos españois que viven fóra.

A baixísima porcentaxe, por exemplo nas últimas eleccións galegas, contrasta coa que se deu nos últimos comicios autonómicos sen voto rogado: Nos de 2009 --cando figuraban no CERA unhas 335.000 persoas--, chegaran a Galicia un total de 101.708 votos e a taxa de participación superara o 30%, chegando ao 35,2% en Lugo. Xa que logo, uns 30 puntos máis que na actualidade.

A proposta que fixo chegar o Goberno á subcomisión de reforma electoral, que lle mandatou facelo, ten que ser analizada agora polo resto de grupos. O certo é que existe bastante consenso sobre a necesidade de eliminar o rogo do voto que se introduciu no ano 2011 e Pedro Sánchez pediu ao resto de grupos que  acelerasen os traballos para acabar co sistema para as próximas eleccións europeas e autonómicas do 26 de maio. Foi unha das súas propostas máis aplaudidas nos seus encontros coas colectividades de expatriados durante a súa xira por Latinoamérica este verán.

A reforma impulsada no Senado multiplicaría o censo de residentes ausentes para as eleccións galegas ou estatais

O Executivo socialista esta reforma electoral tería un prólogo, que sería a proposición de lei impulsada por Unidos Podemos no Senado e aprobada por unanimidade que multiplicaría a colectividade galega e española no exterior coa concesión da nacionalidade a milleiros de familiares de emigrantes. Aínda que o PSOE pretende excluír os netos de emigrantes desta modificación lexislativa, de aprobarse tal e como está formulada, non só o censo da diáspora galega aumentaría en moito a actual cifra de 516.000, senón tamén a de persoas inscritas no CERA e con dereito a voto, que na actualidade anda roldando as 450.000, un censo aínda por depurar. Un sistema de voto, moito máis sen as garantías necesarias, que convertiría a diáspora nun factor moito máis fundamental do que o é agora en calquera convocatoria electoral. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.