O Goberno central pretende eliminar o voto rogado antes das eleccións de maio

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno central quere eliminar o voto rogado antes das eleccións municipais, autonómicas e europeas previstas para o 26 de maio de 2019. O presidente Pedro Sánchez instou o resto de formacións a acelerar esa modificación nun encontro coa comunidade española en Bolivia. Como cada vez que un dirixente político visita a diáspora en Latinoamérica nos últimos anos, a promesa para eliminar o actual sistema de votación desde o exterior volveu aparecer. 

Sánchez instou os grupos parlamentarios a "porse de acordo" para que o voto exterior sexa distinto ao que "existe na actualidade"

O xefe do Executivo central instou os grupos políticos a "porse de acordo" para que o voto exterior sexa distinto ao que "existe na actualidade", que minguou a participación pero acabou coa fraude. Este sistema, o do voto rogado, é co que queren acabar desde hai tempo PP e PSOE, os mesmos partidos que acordaran poñelo en marcha hai sete anos co apoio de BNG, CiU e PNV. Agora, ambos están dispostos a modificalo. 

Axiña lles deixou de gustar este sistema ás dúas grandes formacións, que instaban a dar marcha atrás neste aspecto da nova lei electoral aos dous anos de implantalo e que seguiron intentando acabar con el nesta lexislatura. Co cambio no Goberno de Madrid, os socialistas volveron deixar clara a súa prioridade no caso de impulsar outra modificación lexislativa: rematar de vez cun método que puxo fin á fraude sistemática nos comicios pero que tamén fixo descender a mínimos históricos a participación. Así o reiterou Consuelo Rumí, a nova secretaria de Estado de Migracións, durante a súa primeira intervención no pleno do Consello Xeral da Cidadanía Española

O apoio aos españois que viven no estranxeiro e a promesa de cambiar o voto rogado foron as principais mensaxes de Sánchez en Chile e Bolivia

Na súa primeira visita a Suramérica, Pedro Sánchez insistiu. Emprazou as forzas políticas a acelerar a reforma para que estea en marcha antes dos comicios de maio do próximo ano. Non se referiu en ningún caso ás eleccións xerais. A maioría de grupos parlamentarios, ademais, están de acordo en levar a cabo esa modificación para facilitar o voto dos emigrantes. Con todo, non se alcanzou un acordo no que levamos de lexislatura no marco da comisión de reforma electoral.

O apoio aos españois que viven no estranxeiro e a promesa de cambiar o voto rogado foron as principais mensaxes de Sánchez nos dous encontros que mantivo por agora coas colectividades españolas de Chile e Bolivia no marco da xira latinoamericana que está a levar a cabo. A alusión a ese cambio no xantar con españois residentes en Chile foi recibida con aplausos dos asistentes ao acto organizado na residencia do embaixador no país andino.

Nas últimas eleccións galegas, a abstención no voto exterior chegou ao 98%: votaron menos de 12.000 persoas dun censo de 446.000

Nas últimas eleccións autonómicas de setembro de 2016, a participación das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) volveu estar marcada por unha elevadísima abstención. Roldou o 98%, porcentaxe semellante á de cada convocatoria electoral desde que en 2011 se instaurara a obrigatoriedade de solicitar formalmente a votación. Das máis de 446.000 persoas galegas con dereito a voto no exterior, tan só unhas 19.700 completaron os trámites para exercer o seu dereito. Delas, unicamente 10.777 remitiron o seu sufraxio en tempo e forma. Nos últimos comicios xerais, no conxunto do Estado, só votaron o 7,6% dos españois que viven fóra

A baixísima porcentaxe, por exemplo nas últimas eleccións galegas, contrasta coa que se deu nos últimos comicios autonómicos sen voto rogado: Nos de 2009 --cando figuraban no CERA unhas 335.000 persoas--, chegaran a Galicia un total de 101.708 votos e a taxa de participación superara o 30%, chegando ao 35,2% en Lugo. Xa que logo, uns 30 puntos máis que na actualidade.

Nas últimas eleccións galegas sen voto rogado a participación exterior foi de máis do 30%, 30 puntos máis que na actualidade

Ao tempo que descendía a participación, desapareceron tamén as sospeitas ou denuncias de fraude, os votos de persoas falecidas e o descontrol na recolleita de papeletas, as mesmas dúbidas que volverán pairar agora sobre a posible (e máis que probable) reforma, de non aplicarse maiores e mellores garantías nos comicios. Porque non só PP e PSOE apoian acabar co voto rogado, tamén Unidos Podemos ou Ciudadanos deixaron clara a súa aposta por derrogalo.

A contundencia no rexeitamento xorde, en moitos casos, do intento por acabar cos atrancos que a nova, moza e recente emigración atopou nos últimos comicios autonómicos e estatais. Son residentes temporais que denunciaron as dificultades para votar tamén nas municipais, vetados para integrantes do CERA, malia terse apuntando como transeúntes nos consulados. Pouco o nada que ver censo de persoas emigradas e asentadas desde hai décadas noutros países.

Co anterior sistema, todos os inscritos no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen que se comprobase a súa identidade

O sistema anterior ao do voto rogado implicaba que todas as persoas inscritas no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen necesidade de que ninguén comprobase a súa identidade e os votos incorporábanse ao resultado electoral do interior sen controis que permitisen acreditar, por exemplo, se o elector de que se tratase era unha persoa viva ou, pola contra, xa falecera e alguén votara no seu nome. No entanto, estes controis implicaron tamén notables obstáculos para votar ás persoas que residen temporalmente no exterior, malia ser a súa situación obviamente distinta.

Para o Goberno socialista, como destacara Rumí, o "prólogo" dese "grande acordo" para unha reforma electoral "podería ser" a proposición de lei impulsada por Unidos Podemos no Senado e aprobada por unanimidade que multiplicaría a colectividade galega e española no exterior coa concesión da nacionalidade a milleiros de familiares de emigrantes. De aprobarse esta modificación lexislativa, tal e como prevén todos os partidos, non só o censo da diáspora galega aumentaría en moito a actual cifra de 516.000, senón tamén a de persoas inscritas no CERA e con dereito a voto, que na actualidade anda roldando as 450.000.

A reforma impulsada no Senado multiplicaría o censo de residentes ausentes para as eleccións galegas ou estatais

"De saír a reforma adiante, practicamente toda a illa de Cuba podería pedir a nacionalidade", explican a Praza.gal fontes expertas no censo electoral galego. A proposta tomada en consideración no Senado corrixiría diferentes discriminacións e ampliaría a posibilidade de adquirir a nacionalidade a milleiros de netos e netas de emigrantes, entre outros casos. Como paradoxo, mentres os descendentes da diáspora aumentarán o CERA, as persoas galegas emigradas --e empadroadas-- noutras partes do Estado seguirán sen poder votar nas eleccións en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.