As solicitudes de voto emigrante volven anticipar unha influencia mínima do exterior o 26X

Sobres de votación nas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

Hai tempo que o coñecido popularmente como "voto emigrante" xa non é sinónimo de emigración -cando menos non completamente- e o sufraxio do exterior adoita ser noticia en máis ocasións polas dificultades que teñen para participar nos comicios as persoas que viven temporalmente no estranxeiro que quen teñen a súa residencia fóra de xeito permanente. Dende a reforma que, no ano 2011, introduciu a obrigatoriedade de solicitar o voto en cada elección -o "voto rogado"- os niveis de participación caeron a mínimos históricos. Cara ás xerais do 26 de xuño estas solicitudes diminuíron un chisco a respecto de decembro, cando o seu peso sobre o total do CERA xa permitiu anticipar que nada se ía mover nas circunscricións galegas por mor das papeletas do estranxeiro.

A Oficina do Censo Electoral confirma que recibiu unhas 3.000 solicitudes menos de voto CERA para estas eleccións que para as do 20 de decembro. Foron, nomeadamente, 20.082 entre as catro circunscricións galegas fronte a 23.036 rexistrados nos comicios de hai medio ano. As solicitudes diminuíron en todas as provincias, se ben A Coruña segue a ser a primeira en número de solicitantes, con máis de 7.400, seguida por Pontevedra, cunhas 6.000, Ourense, con algo menos de 4.000, e Lugo, que apenas supera as 2.600.

Estes números son discretos en si mesmos a respecto do censo global, pero son aínda menos relevantes na súa influencia sobre o resultado electoral porque non todas as solicitudes de voto adoitan converterse en sufraxios efectivos. Así, por exemplo, nas eleccións de decembro á provincia da Coruña chegaron algo menos de 4.000 votos CERA, menos da metade dos solicitados. En Lugo, de 3.000 solicitudes só houbo uns 1.500 votos, en Ourense tamén votaron menos da metade das persoas que o solicitaran, unhas 2.000, e en Pontevedra houbo 3.500 votos fronte ás máis de 7.000 solicitudes.

Con estes números sobre a mesa, o peso do voto emigrante que se fai efectivo e mesmo das propias solicitudes é mínimo sobre o conxunto do propio censo de residentes ausentes. Cara a este 26-X está composto por máis de 443.000 persoas, un incremento dunhas 3.000 a respecto das anteriores xerais e unhas 60.000 inscricións máis que nos comicios de 2011.

Así e todo, sería erróneo contar todas as inscricións do CERA como persoas emigradas dende Galicia. Tal e como se recolle en detallados estudos ao respecto, caso dos elaborados polo xornalista Anxo Lugilde -por exemplo, neste recente relatorio ou no seu libro O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española (Galaxia, 2007)-, este censo aumentou moi notablemente en 1995, cando o Goberno de Felipe González decidiu inscribir a emigración no CERA sen que o tivese que solicitar, e fíxoo moito máis dende 2007, cando a lei de memoria histórica do Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero abriu a porta a que netos e netas de españois expatriados solicitasen a nacionalidade.

Ata a reforma de 2011, a do voto rogado, sucedéronse as denuncias de fraude e as vitorias no CERA do partido que gobernase en España

Mentres as inscricións aumentaban dous fenómenos repetíanse constantemente: os casos de voto fraudulento -dende sufraxios a nome de persoas xa falecidas ata electores que declaraban poder votar varias veces- e as vitorias, elección tras elección, do partido que gobernase en España por amplas marxes. Isto sucedeu así ata a devandita reforma de 2011, cando se vetou a participación do exterior nas eleccións municipais e se impuxo o voto rogado para os demais procesos. Deste xeito reduciuse o risco de fraude -non se pode votar sen solicitalo-, pero tamén se complicou o proceso para as persoas que, efectivamente, están emigradas ou residen temporalmente fóra por motivos diversos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.