O Consello de Europa reclama a España por non regular os lobbies nin revisar as portas xiratorias para combater a corrupción
Un lobby ou grupo de interese fai referencia á actividade dun conxunto de persoas, de empresas ou agrupacións que tratan de influír nas decisións políticas ou na xestión pública. O termo ten unha connotación negativa porque se asocia a unha forma de conseguir cambios para favorecer intereses particulares. En España o último escándalo no que ecoa esta práctica é o do que terminou coa imputación do ex-ministro do PP Cristóbal Montoro. Varias denuncias sinalaban a un bufete fundado por el —xunto con antigos altos cargos da Administración de José María Aznar—, de operar como un lobby ao que as empresas debían acudir para conseguir favores gobernamentais.
No auto de imputación que se coñeceu recentemente definen a actividade do despacho de avogados Equipo Económico da seguinte maneira: “A cambio de importantes pagos, e con presunto abuso do exercicio da función pública, interveñen de forma decisiva en reformas lexislativas co fin de que estas se desenvolvan conforme aos intereses dos seus clientes”, neste caso, empresas gasistas. É un exemplo dun dos escollos que, de acordo cun informe da Comisión Europea, fai tropezar as medidas anticorrupción en España.
O documento emitido o 1 de agosto polo Grupo de Estados contra a Corrupción (GRECO), dependente do Consello de Europa, pedía a España “intensificar” os seus esforzos para implementar medidas anticorrupción máis efectivas. Un dos puntos centrais do documento está, precisamente, na regulación dos lobbies. Ademais pide mecanismos de control sobra as chamadas “portas xiratorias”, que serven de chave, moitas veces, para favorecer ilicitamente a grupos de interese.
Avances, pero non solucións
A lexislación actual resulta insuficiente para os expertos europeos, aínda que si recoñecen que o chamado plan de rexeneración democrática que se aprobou o ano pasado, supuxo pasos adiante. En relación cos grupos de interese, esta norma contempla sancións para os deputados e senadores que non sexan honestos nas súas declaracións de bens, así como a obriga de facer públicas as súas reunións con persoas físicas ou xurídicas que busquen modificacións lexislativas.
Con todo, non é sinxelo trazar unha liña no tema dos lobby, determinar quen son considerados como tal, regular as relacións informais dos políticos en ceas ou encontros, a publicación das axendas, establecer sancións ou definir estándares claros de transparencia son puntos que aínda se poderían concretar máis. De feito, a plataforma cidadá +Democracia pediu nun documento aberto que as normas en España se achegasen máis ao marco europeo “en materia de transparencia, rexistro, código de conduta, pegada lexislativa e transparencia das axendas dos membros da Cortes Xerais”, sinalan nun texto que contén outras 40 medidas anticorrupción.
O informe do GRECO insiste en que o control das relacións con lobistas só se cumpre “en parte”, pide máis atención sobre as “persoas con funcións executivas” e constata que en materia de transparencia a práctica é “moi desigual” a nivel nacional. Tamén afea o feito de que as axendas dos políticos aínda non se publicasen.
Do público ao privado e viceversa
O caso Montor: "A cambio de pagos, e con presunto abuso do exercicio da función pública, interveñen de forma decisiva en reformas lexislativas"
Para exercer influencia é necesario poder acceder a quen a ten ou moverse nunha esfera onde se propicien eses contactos. Por iso é polo que as denominadas como portas xiratorias son outro dos puntos nos que incide o documento elaborado polos expertos do Consello. No caso da imputación de Montoro e Equipo Económico, os presuntos delitos cometéronse en parte grazas a este mecanismo.
Así en 2004 Aznar sae do Goberno e moitos dos seus ministros e altos cargos pasan da política ao sector privado. O camiño de Cristóbal Montoro —economista de formación e sempre vinculado a cargos en Economía e Facenda— pasa por fundar un despacho no ano 2006. Nos nomeamentos que se van publicando a medida que se consolida o negocio figuran nomes que pasaran pola Administración e que, presuntamente, facilitarían coa súa posición que os lobby chegasen a exercer influencia na xestión política. Está, entre outros, Salvador Ruiz Gallud, ex-director da Axencia Tributaria e tamén Manuel de Vicente Tutor Rodríguez, nomeado en xaneiro de 2008 tras ocupar distintos cargos de responsabilidade na Axencia Tributaria.
Este caso foi o último en coñecerse, pero hai centos de exemplos que contribúen a enturbar a imaxe das institucións e comprometen a percepción dos cidadáns en materia de corrupción. Ademais, o informe europeo pide regular a figura dos asesores, que tamén poden operar de forma opaca na xestión pública. De feito, o Índice de Percepción da Corrupción (IPC) 2024, presentado por Transparencia Internacional, amosa que España descendeu catro postos con respecto a 2023 e ocupa o posto 46 de 180 países analizados.
Unha estratexia anticorrupción para a Policía
O Consello de Europa tamén puxo o foco na forma de realizar os nomeamentos e na falta dunha estratexia específica anticorrupción na Policía. De feito, como explicaba infoLibre, nas forzas armadas tamén se dan portas xiratorias que aproveitaron, por exemplo, membros da Unidade Central Operativa (UCO) para pasarse a grandes empresas privadas.
O informe do GRECO apunta que os avances nas recomendacións para mellorar a transparencia na Policía Nacional e na Garda Civil tamén quedou a medias. Nun documento previo, publicado seis anos atrás, o organismo europeo pedía "mellorar os mecanismos de prevención de corrupción", medidas en materia de igualdade entre homes e mulleres e unha maior "transparencia" na concesión de cargos, medallas e outras cuestións relacionadas coa carreira profesional nos devanditos corpos.
Con todo, ao valorar os cambios que se foron introducindo, insisten de novo en que non hai unha "estratexia específica contra a corrupción" e tampouco uns estándares de transparencia suficientes. Por iso pide "melloras estruturais" e protocolos de actuación ética máis precisos.
Tras a publicación do informe, a reacción do Partido Popular foi esixir a dimisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Ademais, o secretario xeral do PP, Miguel Tellado solicitou a comparecencia do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños. Do lado do Executivo, remarcan que o Goberno de coalición cumpriu parcialmente 16 das 19 recomendacións emitidas no anterior informe da Comisión e poñen o foco nos avances realizados.