Día crucial para a lexislatura. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou no Congreso un plan estatal de loita contra a corrupción dotado con 15 medidas, elaborado xunto á OCDE e que supón, segundo as súas palabras, o "maior impulso á prevención" en décadas tras a irrupción do caso Cerdán.
O presidente do Goberno de España comparece no Congreso para dar explicacións polo 'caso Cerdán' e advirte: "Non vou tirar a toalla"
Sánchez comparece desde as 9 da mañá no Congreso dos Deputados, onde defendeu: "Son un político limpo, descoñecía as corruptelas nas que Ábalos e Cerdán puidesen estar inmersos. Entendo que haxa cidadáns que teñan dúbidas sobre o que sabía e non. Eu non as teño. Por iso, vou defender a integridade do proxecto político".
O presidente do Goberno recoñeceu que pensou en dimitir e en convocar eleccións cando se coñeceu o informe da UCO, pero que logo reflexionou e decidiu continuar: "Non vou tirar a toalla".
Sánchez defendeu a necesidade de que continúe o proxecto progresista fronte á "involución" que suporía un Goberno do PP e Vox e presentou ese plan, que inclúe unha Axencia de Integridade Pública Independente. Ademais, propuxo controis aleatorios do patrimonio de altos cargos e a realización de auditorías externas dos partidos.
Medidas do plan
O plan presentado inclúe estender a metodoloxía aplicada á adxudicación dos Fondos Next Generation a toda a Administración e introducir aplicacións de Intelixencia Artificial na Plataforma de Contratación do Sector Público para automatizar e optimizar a identificación de patróns anómalos ou indicios de fraude.
Sánchez citou tamén a esixencia de sistemas de compliance anticorrupción ás empresas que queiran contratar coas Administracións e o despregamento de pactos de integridade para determinados contratos públicos, como fan xa outros países europeos.
O plan inclúe unha Axencia de Integridade Pública e controis aleatorios sobre o patrimonio de altos cargos
O paquete inclúe que a nova Lei de Administración Aberta reforzará a obriga de transparencia activa e establecerá mecanismos de alerta temperá. Respecto dos partidos, tamén se pretende profundar na transparencia nas doazóns e financiamento privado, reducindo o limiar de publicación de doazóns a 2.500 euros e o prazo de publicación a un mes desde a súa recepción. Neste punto, engádese a aprobación da lei de transparencia e integridade dos grupos de interese.
Sánchez ofreceu introducir na nova lei de Axuizamento Criminal que calquera persoa que acuda directamente ante a Fiscalía, a Policía ou un xuíz a denunciar actos de corrupción conte con garantías plenas de confidencialidade, protección e apoio legal. O presidente detallou que se esixirá ás empresas ter canles internas de denuncia e obrigarase a todas as administracións públicas a incorporar estas canles nun sistema xeral de integridade institucional.
O Goberno prevé seccións especializadas en delitos contra a Administración Pública dentro dos novos tribunais de instancia, con xuíces especializados, o que axudará a axilizar os procesos xudiciais e aumentar a súa eficacia. Ademais, continuará o Executivo co reforzo da Fiscalía Anticorrupción con máis medios e a remisión ás Cortes Xerais do anteproxecto da devandita lei de Axuizamento Criminal que incluirá unha reforma estrutural do modelo de instrución penal, atribuíndo esta competencia ao Ministerio Fiscal.
Endurecemento de penas e medidas contra empresas corruptoras
Sánchez prometeu o endurecemento das penas por delitos contra a Administración Pública no Código Penal e a duplicación dos prazos de prescrición, xunto ao aumento das multas ás empresas corruptoras, calculándoas non sobre os beneficios obtidos, senón sobre os seus ingresos anuais. A coalición pretende pór en marcha dun sistema de exclusión e listas negras para impedir que as empresas condenadas por corrupción poidan seguir contratando coa Administración.
"Imos cumprir até a última coma. Acordamos coa OCDE un sistema de seguimento e avaliación, que dará conta dos avances realizados aos 12 e aos 24 meses, e emitirá un ditame técnico que será de dominio público"
Con outro punto sobre a mesa dentro dos partidos: endurecemento das sancións por infraccións contables e retirada de subvencións públicas a aqueles que manteñan nas súas listas, estruturas ou órganos de dirección a persoas condenadas por corrupción.
O tamén secretario xeral do PSOE comprometeuse a aumentar os medios e o persoal da Oficina de Recuperación e Xestión de Activos, encargada de localizar e administrar os bens obtidos ilicitamente. Á vez que avanzou a introdución da figura do comiso administrativo ou preventivo, que permitirá incautar bens vinculados a actividades delituosas sen necesidade de condena penal previa, evitando que os responsables oculten ou dispoñan do diñeiro roubado antes de que chegue a xustiza.
O último punto, agregou Sánchez, pasa pola realización de estudos demoscópicos anuais sobre a percepción e experiencia directa da corrupción en España, lanzamento de campañas de concienciación cidadá e reforzo da formación dos empregados públicos en integridade e prevención.
"Imos cumprir até a última coma. Acordamos coa OCDE un sistema de seguimento e avaliación, que dará conta dos avances realizados aos 12 e aos 24 meses, e emitirá un ditame técnico que será de dominio público", explicou o presidente ante a Cámara Baixa.
Os avisos críticos dos socios da investidura
Díaz descarta romper o Goberno pero esixe "un cambio de rumbo" e políticas sociais que freen un Executivo das dereitas
Despois da intervención de Sánchez, tocou a quenda dos grupos parlamentarios. A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, quixo responder directamente no nome de Sumar ao presidente e descartou romper o Goberno, pero esixiulle un "cambio de rumbo" e aplicar políticas sociais para frear que chegue un Executivo de dereitas.
Desde o PNV, a través de Maribel Vaquero, lanzouse esta mensaxe: "A nosa confianza vai camiño da UCI. Señor presidente, está a tempo, pero o reloxo corre, decida". Para que asuma a súa responsabilidade, expúxolle tres posibilidades: presentar unha cuestión de confianza, dimitir e propor no seu lugar como presidente do Goberno a outro candidato do PSOE ou convocar eleccións.
Outro aviso chegou por parte de Gabriel Rufián (ERC), que fixo as seguintes reflexións: "Se isto queda en tres listos, vostede ten que quedar". Para engadir acto seguido: "Se isto escala, ímolo obrigar a que a xente decida". E Míriam Nogueras (Junts) remarcou que o tempo de "prórroga" non dura toda a lexislatura: "Nós non viñemos tomar cervexa, a facer amigos, a dar estabilidade a ningún goberno español, estamos aquí para defender a Cataluña".
Ione Belarra (Podemos) cualificou de "cosméticas" as medidas e remarcou "Vostedes non poden ser parte da solución, porque son parte fundamental do problema, porque vostedes forman parte dun sistema político e económico que se deixa comprar polas grandes empresas deste país a través de mordidas ou a través de portas xiratorias. Un sistema corrupto que hai que cambiar de arriba a abaixo".