O informe da Unidade Central Operativa vincula o xa ex-número tres do PSOE coa xestión de presuntas comisións ilegais por adxudicacións nas que, din os investigadores, interveu irregularmente Koldo García
O nome de Koldo García, asesor de José Luis Ábalos na súa etapa como ministro de Transportes, saltou aos titulares a comezos de 2024 tras ser detido por, segundo transcendeu daquela, estar presuntamente implicado en operacións corruptas en torno á compra de material sanitario en plena pandemia da COVID. O caso seguiu xerando titulares nos meses seguintes e estoupou de vez este pasado xoves, ao ser público o informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que implica o xa ex-secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, en supostas xestións para o cobro de comisións ilegais a cambio de concesións irregulares de obras públicas.
O informe da UCO entregado ao Supremo precipitou este xoves á caída política de Cerdán como número tres do partido e mais como deputado e motivou as desculpas públicas de Pedro Sánchez. As pescudas da Garda Civil, admitiu Sánchez, amosan "indicios moi graves" de corrupción. Entre as supostas prácticas corruptas investigadas están as ligadas a cando menos unha obra en Galicia, encadrada na agardada modernización da vía férrea entre Monforte e Lugo nos tempos en que o Adif estaba presidido pola galega Isabel Pardo de Vera (2018-21), despois secretaria de Estado de Transportes (2021-23).
No folio 140 do informe, a Garda Civil constata que as empresas Obras Públicas y Regadíos (OPR) e mais ASCH Infraestructuras y Servicios foron, en alianza ao 50%, as adxudicatarias en 2021 do contrato para mellorar túneles e pontes e outras actuacións en parte desa liña. Naquela altura, din os investigadores, OPR tiña na súa dirección os irmáns Daniel e Antonio Fernández Menéndez, cuñados dun directivo de Acciona, Fernando Merino, o cal "aproveitando a súa relación con Koldo" -sempre segundo a UCO- favoreceu que fosen "introducidos" no Ministerio de Transportes que dirixía Ábalos.
A UCO tira de conversas intervidas a García que premeu a prol de adxudicacións á construtora OPR e a cambio obtivo "contraprestacións" como un emprego para a súa esposa
Segundo a UCO, Koldo García premeu a prol de adxudicacións de obras para OPR. E como unha das "contraprestacións presuntamente derivadas das adxudicacións", obtivo un posto de traballo para a súa esposa, Patricia Uriz, que previamente traballara como secretaria no Ministerio.
"Despois da saída [do Goberno] de Ábalos e Koldo, Patricia e o seu irmán cesaron na súa relación laboral co Ministerio", di o informe, no que consta que meses despois "se produciu a contratación de Patricia" por parte dunha empresa chamada Áridos Arfensa, "sociedade que estaría directamente vencellada a OPR", cuxos directivos intermediaron no contrato, acusan.. Os seguimentos a Koldo García e a súa familia, agrega a Garda Civil, "suxiren que [Patricia Uriz] non desenvolveu actividade laboral ningunha, polo menos de maneira presencial".

Con este contexto, en febreiro de 2024 a UCO detecta unha mensaxe de Daniel Fernández Menéndez a Koldo García para "informalo de que caera un noiro" das súas obras entre Monforte e Lugo e que o Ministerio ía "sacar unha [obra de] emerxencia" para reparalo. "Na mesma mensaxe solicitáballe" que o contrato o levase OP e "tivesen coidado para que non llela adxudicasen a ningunha das sociedades" que, na mesma obra, tiña adxudicado os labores de mantemento.
A Garda Civil sinala entre as "posibles consecuencias" da detención do ex-asesor que a obra na liña Monforte-Lugo na que lle atribúe manobras non fose para OPR, senón para a súa asociada
Neste punto, explica o informe, Koldo García chama a Daniel Fernández Menéndez "dende o que el consideraba o seu terminal de seguridade" para pedirlle que "lle escribise unha mensaxe" simulando que a comunicación inicial fora un erro e que non se dirixía ao asesor de Ábalos, senón a un compañeiro da propia empresa OPR. "Ante o previsible temor de que as súas conversas por WhatsApp puidesen ser intervidas, pediu ao seu interlocutor a través da súa liña segura que lle mandase unha nova mensaxe para simular unha comunicación errónea".
Estas conversas cos irmáns Fernández Menéndez producíronse, concretamente, o 19 de febreiro de 2024. Pouco máis de vinte e catro horas antes de que Koldo García fose detido. A UCO sinala que "como posible consecuencia da detención, un día despois das conversas (...), a obra de emerxencia foi adxudicada" a ASCH Infraestructuras y Servicios por 1,45 millóns de euros". Non obstante, segundo consta na Plataforma de Contratación do Estado, o acordo de adxudicación produciuse por parte do Adif en maio dese ano, tres meses despois.