Medio ano sen tren a cambio de que o tren si sexa unha alternativa entre Lugo e Ourense en 2024

Vías do tren en Monforte CC-BY-SA Praza Pública

Tras elaborar nos últimos anos os proxectos técnicos previos, Adif afronta o comezo de obras que cuantifica en 546 millóns de euros para mellorar a liña no marco do impulso xeral ao Corredor Atlántico de mercadorías

O último trimestre de 2023 para o treito Ourense-Monforte e o primeiro trimestre de 2024 para o Monforte-Lugo é o prazo que Adif fixa oficialmente para o remate das “obras de renovación, electrificación e adecuación para a alta velocidade” da liña. Así o establece no documento oficial no que a empresa pública comunica ás compañías ferroviarias as súas previsións de obras na rede ferroviaria estatal que poidan afectar ao tráfico, o denominado Catálogo de Restricións de Capacidade, que actualizou o 10 de marzo. 

Dous días despois a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Segio Vázquez Torrón, lucenses os dous, publicitaron en Monforte as actuacións que teñen previstas para liña Lugo-Ourense, que cuantificaron en 546 millóns de euros, e das que avanzaron que implicarán cortar o tráfico durante tres meses a finais deste ano entre Lugo e Monforte e outros tres meses a finais de 2022 entre Monforte e Ourense. Será medio ano sen tren para que o tren poida ser unha alternativa para as viaxes entre Lugo e Ourense pero tamén para impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto da península a través do Corredor Atlántico ferroviario que pasa por Ourense e Monfrote.

Tren Alvia na estación de ferrocarril de Lugo © Adif

As obras de mellora da liña Ourense-Lugo comezarán a executarse máis dunha década despois de que o daquela candidato Alberto Núñez Feijóo prometese o 10 de xaneiro de 2009 que, se o Goberno central non construía un AVE a Lugo, faríao el desde a Xunta e despois pasaría “a factura”. Malia á promesa, e como se confirmou durante os gobernos centrais de Mariano Rajoy, Lugo non terá AVE senón unha liña renovada con melloras de todo tipo (electrificación, renovación das vías, modernización dos sistemas de seguridade e control do tráfico, mellora de pontes e túneles, apartadeiros que permitan a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude ou supresión de pasos a nivel) cuxos principais proxectos comezaron a encargarse coa chegada de Pardo de Vera en 2016 á Dirección Xeral de Explotación e Construción de Adif e aceleraron ao ser nomeada presidenta da empresa pública dous anos despois.

Reducir as viaxes entre Lugo e Ourense de máis de hora e media a menos dunha hora e facilitar a circulación de trens de mercadorías de ata 750 metros fronte aos de menos de 500 actuais son dous dos principais obxectivos

Tras a redacción dos proxectos, agora chega o momento dunhas obras que non poden entenderse sen a inclusión de Galicia por parte da UE tamén en 2018 no Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, con entrada a través da liña Ponferrada-Monforte-Ourense, o que facilita o financiamento europeo para o treito Monforte-Ourense. Segundo o ministerio, os 46 quilómetros dese treito Ourense-Monforte teñen obras xa planificadas por 202,5 millóns de euros, a 4,4 millóns o quilómetro, mentres que os 71 quilómetros entre Monforte e Lugo (onde en 2018 se inaugurou un treito de novo trazado de 7 quilómetros) recibirán 343,9 millóns, a 4,8 millóns o quilómetro. Como comparación, as liñas de alta velocidade do Eixo Atlántico ou entre Santiago e Olmedo (Valladolid) superaron os 15 millóns de euros por quilómetro, rebasando amplamente os 20 millóns por quilómetro nos treitos máis complexos.

Actuacións previstas por Adif na liña que dá entrada a Galicia no Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, que no treito Ourense-Monforte cuantifica en 202 millóns Dominio Público Adif

Sexa para facilitar a circulación de mercadorías cara á Meseta a través do nó de Monforte, sexa para axilizar as viaxes entre Ourense e Lugo, as actuacións previstas por Adif supoñen na práctica unha renovación total da liña entre as dúas cidades. Electrificarase o treito entre Monforte e Lugo e mellorarase a electrificación entre Ourense e Monforte, actuacións que obrigan a rebaixar as vías para que sobre elas teña cabida a catenaria, o que á súa vez obriga a construír un novo túnel en Oural pola imposibilidade de adaptar o actual como si se poderá facer con outros pasos subterráneos. Ao tempo, reforzaranse pontes e noiros, melloraranse os sistemas de sinalización, comunicación e seguridade, reorganizaranse estacións ou suprimiranse pasos a nivel.

O obxectivo con todas estas actuacións, ademais da mellora da seguridade e da fiabilidade, é que viaxar en tren entre Lugo e Ourense leve menos dunha hora fronte á máis de hora e media actual, sen entrar na limitada oferta de horarios, aínda máis reducida coas restricións da COVID-19. Nas mercadorías, que poidan entrar e saír de Galicia por Monforte trens de ata 750 metros de lonxitude, fronte aos menos de 500 metros actuais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.