O PP citou este venres cargos e militantes na súa sede de Lugo para "facer balance do Goberno de Rajoy con Galicia". A presenza de Alberto Núñez Feijóo e, sobre todo, da ministra de Fomento e candidata por Pontevedra, Ana Pastor, permitía augurar que, como noutrora, os conservadores basearían o seu balance en promesas de infraestruturas. Así foi e entre as promesas unha destacou sobre as demais: a conexión con Ourense a través do AVE, a mesma que Alberto Núñez Feijóo lanzou nun mitin na cidade da Muralla o 10 de xaneiro de 2009. Daquela, como candidato á Presidencia, prometeu algo inédito: construír esa liña férrea "con cartos da Xunta".
Naquel mitin de hai máis de media década, compartido co propio Mariano Rajoy, o líder dos populares galegos auguraba a inmediata fin do "pesadelo" do bipartito e, como o PSOE aínda gobernaba no Estado, amosaba a súa intención de "suplir" ao Ministerio de Foment dende San Caetano. "Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", dixo literalmente o daquela aspirante. "Sobrábanlle" ganas de "asumir, comezar e rematar" o proxecto como mostra do seu "compromiso rael co reequilibrio territorial". "Levaremos o AVE de Lugo a Ourense co diñeiro da Xunta", reiterou.
O 10 de xaneiro de 2009 Feijóo anunciou que a Xunta financiaría a liña de AVE Ourense-Lugo, agora afirma que Rajoy a garantirá na vindeira lexislatura estatal
Seis anos despois o camiño de ferro apenas sufriu variacións no interior de Galicia e as partidas para a variante na Pobra de San Xiao (Láncara) viñéronse repetindo ano tras ano nos Orzamentos Xerais do Estado. No entanto, Feijóo desempoa o compromiso e, xa sen "cartos da Xunta" polo medio, asegura que se Rajoy recunca na Moncloa tras o 20-D, o PP cumprirá o compromiso de "facer un tren de alta velocidade de Lugo a Ourense" que permita chegar dende a cidade da Muralla ata Madrid "en menos de tres horas". Este, afirma, é "o compromiso real que Lugo necesita".
Segundo o presidente da Xunta os últimos catro anos serviron para poñer en marcha "as infraestruturas prioritarias", como o eixo atlántico. E "agora, que o AVE está a chegar ás portas de Galicia", o PP garantirá que tamén chegue a Lugo pero "non nun PowerPoint", senón "pasando por Monforte" dende Ourense. Esta, afirma, unha mostra máis de por que "aos gallegos lles interesa votarlle ao presidente Rajoy", di, aínda que o candidato popular á Moncloa é o número 1 do partido por Madrid.
Besteiro: "Un pouco de decencia"
A reclamación da conexión ferroviaria con Lugo e a lembranza, tamén, da promesa de Feijóo en 2009 está a ser un dos eixos da campaña do 20-D pola banda do PSdeG na provincia. Tras un acto Trabada, este sábado José Ramón Gómez Besteiro lamentou que os populares boten man da "demagoxia pura e barata" en materia de infraestruturas en Lugo. "Lembramos cando en 2009 o propio Feijóo prometía que, se o Goberno do Estado non facía a liña de AVE, asumiríaa a Xunta", resalta o líder socialista.
Besteiro lamenta que os populares "prometan facer o que non fixeron en catro anos"
Para Besteiro resulta un exercicio de "demagoxia pura e barata" que Pastor prometa "facer o que non fixo en catro anos". Ao chegar ao Ministerio, censura, "ela tomou a decisión de anular proxectos de infraestruturas ferroviarias para Lugo" como "a estación intermodal" ou "as variantes da zona de Sarria". "Un pouco de decencia", reclama Besteiro, xa que "en Lugo e en Galicia xa sabemos o que non se fixo".
Fomento prevé abrir un novo treito da liña do AVE galego apenas dous días antes das eleccións
A nova promesa de alta velocidade ata Lugo prodúcese nun contexto no que o AVE, precisamente, será protagonista da carreira electoral. Non en van, tal e como adiantou Praza Pública, o Ministerio de Fomento traballa coa previsión de abrir un novo treito da liña ferroviaria a Galicia apenas dous días antes dos comicios. O 18 de decembro é a data que os maquinistas recibiron como referencia para a estrea da liña entre Olmedo (Valladolid) e a cidade de Zamora.