Malia estar o debate político e mediático centrado no AVE, de inminente remate, a empresa pública ten en marcha diversas actuacións de mellora da obsoleta rede convencional longamente adiadas
A rendibilidade dos trens de mercadorías depende da súa lonxitude, que á súa vez está condicionada por que as vías polas que circulan estean preparadas para eses tamaños. As vías galegas, ata o de agora, obrigaban a ter os trens de mercadorías máis curtos da Península, con entre 500 e 350 metros de lonxitude máxima, situación á que agora Adif quere poñer fin encargando a redacción dos proxectos necesarios para ampliar a capacidade da liña Vigo-Monforte-León, a principal para as mercadorías en Galicia, ata os 750 metros, o estándar ao que quere tender en todo o Estado o administrador das infraestruturas ferroviarias.
O aumento da lonxitude dos trens comeza a planificarse ao tempo que Adif tamén vén de lanzar a mellora doutras características da rede convencional como os obsoletos sistemas de seguridade telefónicos da conexión internacional Tui-Valença e da liña de Feve, ou a supresión de pasos a nivel e a electrificación mellorada na liña Ourense-Lugo. Porén, malia que estas e outras melloras xa en marcha levaban anos sen ningún avance, o foco político e mediático segue a estar posto no remate xa próximo do AVE á Meseta.
Adif prevé aumentar a lonxitude das estacións ou apartadeiros de trens nos que os convois de mercadorías, máis lentos que os de pasaxeiros, teñen que caber por completo para non entorpecer outras circulacións
O tamaño dos trens de mercadorías (e con el a súa vantaxe en custo e contaminación fronte aos camións) vén limitado para o seu peso pola pendente das vías e, para a súa lonxitude, ademais de pola separación existente entre diversos dispositivos de seguridade existentes nas vías, pola lonxitude das estacións ou apartadeiros de trens nos que os convois de mercadorías, máis lentos que os de pasaxeiros, teñen que caber por completo para non entorpecer outras circulacións.
Eses apartadeiros é o que agora Adif quere mellorar na liña Vigo-Ourense-Monforte-León, a principal para as mercadorías en Galicia e xunto á que está o Porto Seco de Monforte, que ía ser "a porta de Europa" pero que cinco anos despois segue baleiro. A empresa pública vén de licitar, por algo máis dun millón de euros, a redacción dos proxectos para ampliar eses espazos nas estacións de Astorga, Brañuelas, Albares, Ponferrada, Quereño, Vilamartín de Valdeorras e Pobra do Brollón, estación esa última na que tamén se suprimirá un paso a nivel. Adif tamén informa agora de que xa ten en redacción proxectos similares para as estacións de Vigo-Guixar, As Gándaras, Tui, Filgueira, Barbantes, Os Peares e Monforte. “O obxectivo desta actuación é ampliar ata 750 metros unha das vías nas estacións anteditas coa fin de que os trens de mercadorías de dita lonxitude poidan quedar apartados nela, deixando libre a vía xeral, dado que a liña León-A Coruña [na que se sitúa oficialmente o treito León-Monforte sobre o que agora se actúa] está configurada en vía única”.
As lonxitudes máximas permitidas para os convois de carga en Galicia seguen estando á cola do Estado tanto nas conexións portuarias como nas internacionais, tamén no Corredor Atlántico da UE
Como comparación, en Estados Unidos hai trens de dous quilómetros de lonxitude, e en Francia algúns chegan a 850 metros. En España Adif permite xa a circulación de trens de ata 750 metros entre Madrid e Valencia e entre Barcelona e a fronteira francesa, aínda que as limitacións na maioría da rede oscilan aínda entre os 500 e os 600 metros. En Galicia, malia o investimento de preto de 3.000 millóns de euros realizado nos últimos anos só no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, as vías que comunican os cinco portos galegos de interese xeral están á cola do Estado en lonxitude de trens permitida, con entre 500 e 350 metros, ademais da indefinición sobre outras cuestións da súa configuración técnica cando entre en servizo o AVE á Meseta.
O aumento da lonxitude das vías é unha das diversas actuacións pendentes valoradas en máis de 3.000 millóns de euros para concretar a conexión de Galicia co Corredor Atlántico de mercadorías
E o mesmo sucede coa lonxitude na conexión con Portugal, á cola de todas as conexións internacionais de España malia que Lisboa xa está a planificar a mellora da súa parte ata os anteditos 750 metros, cunha nova estación de mercadorías en Valença. Nesa liña a Portugal Adif ten en marcha as expropiacións necesarias para ampliar unha das vías da estación de Tui ata 504 metros útiles.
A rede galega tamén estaría á cola do denominado Corredor Atlántico entre Irún e Aveiro apoiado pola UE no que vén de ser incorporada Galicia pero para cuxa concreción aínda será necesario investir máis de 3.000 millóns de euros. O aumento da lonxitude das vías, de feito, é unha desas actuacións pendentes.