Día 1 | A arma arreboladiza do AVE confírmase como protagonista da campaña en Galicia

Gonzalo Caballero en Lugo, xunto a Nadia Calviño ou a alcaldesa Lara Méndez © PSdeG

Agora que está na súa recta final, logo de anos de polémicas, atrasos e promesas incumpridas, o AVE torna en protagonista principal da campaña en Galicia. Aférrase Feijóo desde hai semanas ás súas dúbidas sobre a chegada no prazo que dera o anterior executivo do PP, mesmo aludindo á imposibilidade de empregar a alta velocidade entre Lugo en Madrid en 2021 malia que nunca se proxectou nin comprometeu un AVE a Lugo

Nadia Calviño responde ás dúbidas de Feijóo sobre os prazos do AVE advertindo que o investimento é "moi superior ao dos últimos anos"

Foi nesa cidade onde o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou nun dos primeiros actos electorais da campaña galega ás xerais xunto á alcaldesa, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé; ou a ministra de Economía, a galega Nadia Calviño, que respondeu ás dúbidas sobre a alta velocidade en nome do Executivo de España. Advertiu de que "ningún atraso do AVE a Galicia" se derivará da "falta de dilixencia do Goberno" central e lembrou que o investimento neste ámbito "foi moi superior ao que se produciu nos últimos anos, precisamente co obxectivo de cumrpir ese prazo para empezar a facer as probas en 2020". 

Ana Pastor atende aos medios no acto electoral en Pontevedra © PP Pontevedra

Tanto ten que se estean instalando as vías e haxa trens xa circulando en probas no treito máis próximo a Zamora, o marco está posto e a axenda marcada. Se foi en Lugo onde unha ministra en funcións tratou de contrarrestar o discurso de Feijóo e a Xunta, unha ex-ministra, Ana Pastor, retrucaba desde Pontevedra, malia que desta vez comparece aos comicios como número 2 por Madrid.  

Ana Pastor, número 2 por Madrid, prometeu "traballar para que o AVE chegue axiña" a Galicia e cargou contra o tratamento de Pedro Sánchez a Galicia

"Desde o Parlamento imos traballar para que o AVE chegue e chegue axiña, que non se perda nin un só día por que non haxa Orzamentos Xerais do Estado", dixo Pastor, acompañada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. A ex-presidenta do Congreso dixo seguir "representando os intereses de Galicia", país que, segundo dixo, "é unha das comunidades que máis sufriu o goberno de Sánchez". "Quitounos o diñeiro que era noso e segue debéndonos cartos", engadiu en referencia aos 700 millóns que o Executivo central, denuncia, se negaba abonar á autonomía, outra das demandas que, desde Lugo, Caballero cualificou como "mentira", ao igual que as continuas queixas de Feijóo sobre decisións desde Madrid que terían prexudicado a industria galega. 

Falou tamén o BNG de infraestruturas ferroviarias nun mitin en Allariz onde a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pediu "rebelarse” contra "a discriminación das forzas estatais". Desde a vila alaricana, lembrou que "non é de recibo que, a día de hoxe, Ourense teña que soportar a burla da intemodal dun PP e dun PSOE que din unha cousa e a súa contraria segundo quen se sente na Moncloa".

O BNG tamén falou de infraestruturas, pero centrou as súas críticas no percario servizo ferroviario de Ourense

"Non é de recibo que o servizo de tren de proximidade deixe tiradas as persoas usuarias un día si e outro tamén; non é de recibo que a cidadanía que viaxa en tren desde Ourense ou cara a Ourense soporten o tarifazo do Avant, pagando até un 60% no billete que o mesmo traxecto no eixo atlántico que conforman A Coruña-Santiago-Vigo”, destacou, tras sinalar tamén o feito de que a comunicación entre esta cidade e Lugo “sexa un traxecto case imposible por tempos e horarios”. 

Horas antes, pola mañá ante os xulgados de Fontiñas en Santiago, Pontón reivindicou a "forza imparable das mulleres" e pediu o apoio ao BNG para "avanzar contra a violencia machista". Nun acto xunto ás candidatas Carme da Silva e Olalla Rodil e outras corenta mulleres, o Bloque quixo tamén celebrar a forza das "galegas, feministas e loitadoras pola igualdade" e reclamar "máis recursos contra a violencia de xénero".

Olalla Rodil, Ana Pontón e Carme da Silva, ante os xulgados de Fontiñas CC-BY-NC-SA BNG

"Hai que mobilizar a xente que non quere un acordo PSOE-PP"

Galicia En Común, pola súa banda, celebrou na Coruña un acto no que participou o artista e activista Marcelo Expósito, xunto ao deputado Antón Gómez-Reino e o senador e ex-concelleiro na Coruña, José Manuel Sande. O evento apelou á cultura como ferramenta de cambio e nel o cabeza de lista pola provincia coruñesa apelou a "mobilizar a xente nova, as mulleres e o conxunto da cidadanía progresista que quere evitar que Pedro Sánchez faga coalición co PP e quere un goberno de esquerdas con Galicia presente no centro da acción política". 

Precisamente, Pedro Sánchez rexeitou este venres unha "gran coalición" co PP, ao tempo que Pablo Iglesias lle respondía que a alternativa é un goberno con Unidas Podemos e Pablo Casado advertía do perigo dun PSOE que, segundo di, quere conformar un Executivo "frankenstein" con Podemos e partidos nacionalistas, incluído EH Bildu. 

Ademais, a candidata pola Coruña por Más País, Carolina Bescansa, celebrou un acto no Panteón de Galegos Ilustres para lembrar a "quen nos construíron poética e politicamente como país". A política compostelá pediu aos "decepcionados" a "maior forza" posible para lograr un goberno de progreso e non un bloqueo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.