Comeza outra campaña electoral. A oitava en media década. A cuarta dunhas eleccións xerais en catro anos. A máis incerta, mesmo máis que a das xerais do 28 de abril, toda vez que a mudanza no xogo de maiorías emanado daqueles comicios non serviu para formar un Goberno pola esquerda malia existir unha aritmética parlamentaria máis folgada que na anterior lexislatura para facelo.
O socialista Pedro Sánchez converteu o 10N na súa enésima aposta a todo ou nada. Un resultado que simplificase a procura de alianzas para un Goberno encabezado por PSOE á alza con relación a abril suporía para el todo un triunfo. Un descenso da representación parlamentaria socialista que complicase aínda máis os acordos, un fracaso. Unha maioría da dereita propiciada pola repetición electoral que levase ao Palacio de La Moncloa ao popular Pablo Casado, unha catástrofe que faría difícil a continuidade da súa carreira política.
Pedro Sánchez converteu na súa enésima aposta a todo ou nada uns comicios que, no caso galego, serán o primeiro paso para dirimir as posibilidades das forzas políticas cara ás eleccións de 2020 e mesmo o momento en que sexan convocadas
No caso de Galicia estas eleccións xerais do 10 de novembro son algo máis que unha segunda volta das do 28A. A campaña e o veredito das urnas son, en múltiples sentidos, os preliminares das eleccións galegas que se celebrarán no momento do ano 2020 que, facendo uso da súa competencia exclusiva, Alberto Núñez Feijóo decida. No outono, como correspondería, ou na primavera, como acabou accedendo Fraga en 2005? Con Feijóo, como todo semella indicar no caso de triunfo probable, ou cunha persoa que o substitúa en previsión dunha maioría incerta? Con posibilidade de mudanza cara á esquerda ou cara a década e media de maioría absoluta ininterrompida do PPdeG?
O PSdeG, contra a desmobilización: "As dereitas si van ir votar"
Para a que foi primeira forza política en Galicia o 28A, o PSdeG, a magnitude do reto do 10N é duplo. Reter esa histórica condición, que nunca acadara ata as anteriores xerais, fortalecería a posición de Gonzalo Caballero á fronte do partido e, apoiado nun eventual novo Goberno de Pedro Sánchez con plenas competencias, aumentarían as súas expectativas de dar encabezado a "maioría progresista" no Parlamento galego á que apela dende hai meses.
Caballero comezou a campaña do 10N na Coruña, cun acto compartido coa alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño. Xunto a petición de voto, o primeiro chamamento do líder socialista foi á "mobilización". "As dereitas e a ultradereita si van ir votar", advertiu, e por iso "temos que dicirlles alto e claro que os galegos non queremos ver a Casado e a Abascal no Consello de Ministros", senón "seguir progresando, defendendo o sistema público de pensións, o estado de benestar, mellorar a calidade de vida dos traballadores" ou "apostar pola igualdade entre homes e mulleres", dixo.
O PPdeG axita o argumento da aldraxe á procura do primeiro posto
O PPdeG comezou a campaña do 10N con dous actos nunha das circunscricións nas que pon o foco para tentar sumar cando menos un escano que lle permita volver á condición de primeira forza en Galicia tamén nas xerais, a de Pontevedra. Feijóo participou nunha pegada simbólica de carteis na sede do partido en Pontevedra e ofreceu o primeiro mitin nun hotel vigués xunto ao aspirante a deputado Diego gago e o ex-conselleiro Javier Guerra, agora candidato ao Senado.
As chamadas a "unir o voto" para procurar que sufraxios que o 28A foron a Ciudadanos ou Vox volvan ao PP combínanse no esquema de campaña dos populares galegos coa axitación do argumento da aldraxe á que, acusan, Pedro Sánchez somete a Galicia. O líder socialista, avanzan dende a cúpula conservadora, "traizoou a confianza que lle deron os galegos en abril" e "non merecía" e por iso todo o "espectro do centro-dereita" non debe "desperdiciar o voto", senón concentralo nos populares para levar a Pablo Casado ao Goberno, animan.
En Común preséntase como garante de "goberno de esquerda"
As enquisas das últimas semanas animaron a En Común-Unidas Podemos. A formación, que procura asentar a marca Galicia en Común no país, comezou a campaña cun acto na Coruña no serán deste xoves, previo ás simbólicas pegadas de carteis na propia cidade coruñesa e mais en Lugo, Ourense e Pontevedra. En Común aspira, cando menos, a revalidar os dous escanos do 28A para Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, pero tamén din verse en condicións de medrar con, cando menos, un escano máis.
Dende a campaña de En Común-Unidas Podemos advirten de que o voto á súa formación é, no caso galego, o "único" que garante ao mesmo tempo "rachar co bipartidismo" e pular por "un goberno de esquerda no Estado". Tras a "irresponsabilidade histórica de Sánchez por levarnos a estas eleccións e negarse a un goberno de esquerdas", di Gómez-Reino, o que cómpre é "unha mobilización histórica para conseguir que o PSOE non acabe pactando co PP". Porque, "con quen vai gobernar cadaquén?", engade Díaz. "Nós témolo claro, queremos un goberno de esquerdas cun programa de esquerdas", conclúe.
O BNG vese preto de volver ao Congreso na "defensa de Galiza e dunha axenda social"
Nos últimos meses o BNG veu afirmando que ve a repetición electoral como unha oportunidade. No primeiro mitin da campaña, na Coruña, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón dirixiuse especialmente "ás persoas cabreadas e desencantadas" co "espectáculo das forzas estatais". Agora, di, é o momento de "apostar por algo diferente e confiar no BNG" como "única garantía de defensa de Galiza" no Congreso e, ao tempo, de proposta en materia de "axenda social".
Neste tempo, censurou a líder nacionalista no primeiro acto da campaña, "o bipartidismo PP-PSOE" revelouse como "experto en dicir unha cousa na oposición e facer a contraria cando gobernan" no que atinxe a Galicia. E Podemos, lamenta, "pactou os peores orzamentos do Estado para Galiza en vinte anos". Mentres, defende, "o BNG nunca lle fallou a este país" e, se volve ao Congreso, "colocaremos Galiza no centro do debate político en Madrid", afirmou en compaña do cabeza de lista do Bloque pola Coruña, Néstor Rego.
Ciudadanos pide o voto "moderado" para "gañarlle a Sánchez"
Ciudadanos logrou o 10N o mellor resultado da súa historia en Galicia con senllos escanos pola Coruña e Pontevedra, os mesmos aos que o PP aspira para recuperar a primacía no país neste 10N, pero tamén coa vista posta nas eleccións galegas de 2020. Así e todo e malia ás enquisas, o partido de Albert Rivera di confiar en reter e mesmo en ampliar esa representación. "Pedimos unha nova oportunidade para gañarlle a Sánchez nas urnas e pedimos a todos os españois moderados, de centro e liberais que vaian votar", afirma a súa cabeza de lista pola Coruña, María Vilas.
Con senllas pegadas de carteis na Coruña e Ourense, Ciudadanos di aspirar a "poñer España e Galicia en Marcha" e aseguran ser o "único partido capaz de desbloquear esta situación sen precedentes". Despois de que, nas últimas semanas, Rivera amosase ás claras a súa intención de sumar os seus votos con PP e Vox se logran chegar á maioría absoluta, Vilas resume o "triplo" obxectivo da súa campaña, tamén en Galicia: "desbloquear o país, defender a unidade de España e centrar as políticas nos problemas reais das familias", afirma.
Más País pide o voto para "desbloquear " un "goberno progresista"
Unha das incógnitas da campaña que vén de comezar, tamén en Galicia, é o papel que pode chegar a xogar Más País, a formación liderada por Íñigo Errejón, que en Galicia concorre polas dúas circunscricións atlánticas, A Coruña e Pontevedra. Nos seus actos de precampaña a referente da formación en Galicia, Carolina Bescansa, amosou a súa convicción de poder lograr escanos galegos que, mantivo Errejón, "votarán a favor dun goberno progresista" se os números no Congreso o permiten.