A primeiras horas da tarde do 29 de abril a vicevoceira do PPdeG, Paula Prado, tivo que subir á tribuna do Parlamento para defender o voto do seu partido no debate forzado pola oposición galega para destituír a Valedora do Pobo pola sentenza que anulou o posto que outorgara a unha sobriña do falecido presidente Manuel Fraga. Prado, unha das dirixentes máis contundentes do equipo de Alberto Núñez Feijóo, iniciou a súa intervención esixindo "humildade" ao PSdeG, que apenas doce horas antes viña de lograr un fito histórico na política galega: ser primeira forza política nas eleccións xerais, o posto que o PP mantivera en todas as citas coas urnas sen excepcións dende que Fraga refundara a vella Alianza Popular a finais dos anos 80 do século pasado.
A inédita escena do PPdeG reclamando ao PSdeG "humildade" na vitoria horas despois de pechar as urnas podería ser un bo bosquexo da situación política galega emanada do 28A
A inédita escena vivida no Pazo do Hórreo podería ser un bo bosquexo da situación política galega emanada do 28A. Tras unha década de travesía no deserto o PSdeG logrou algo que nin sequera conseguira o partido nos tempos dos ex-presidentes Touriño e Zapatero, ser a forza máis votada en Galicia. Fíxoo con case 8 puntos menos de apoio cidadán que daquela, pero cunha diferenza fundamental que fai á formación agora encabezada por Gonzalo Caballero soñar coa Xunta: o PP quedou por baixo do 30% dos votos e ten por primeira vez en tres décadas competencia electoral viable no espectro da dereita.
Mentres, á esquerda do PSdeG a fragmentación do espazo político de En Común-Unidas Podemos e En Marea acentuou a súa perda de sufraxios, non compensada nin de lonxe pola recuperación do BNG. Mostra disto é o avance socialista na Galicia urbana.
Alén de que os sempre arriscados exercicios de política-ficción indiquen que unha extrapolación mecánica dos resultados do 28A a unhas eleccións galegas outorgaría maioría absoluta á esquerda no Parlamento de Galicia, o clima político xeral convida os socialistas galegos, unha década despois, a falar de cambio. Así o interpreta Caballero, líder do partido dende hai apenas ano e medio tras un dos períodos máis turbulentos da súa historia recente.
O secretario xeral e candidato á presidencia da Xunta nas eleccións galegas previstas para 2020 le o 28A como "o principio da fin da era Feijóo en Galicia" e asegura afirmalo baseándose nos datos. "O PP antes superábanos en 19 puntos e agora superámolos en cinco", afirma para salientar o "avance histórico" do seu partido.
"Antes o PP superábanos en 19 puntos e agora superámolos en cinco", resalta Gonzalo Caballero para resumir o "cambio estrutural nas tendencias" electorais en Galicia que, ao seu xuízo, deixou o PP "noqueado"
Fala da posibilidade de "abrir un novo tempo en Galicia" porque asegura estar convencido de que este é un resultado alén da conxuntura, é un "escenario electoral inédito". Un "cambio estrutural nas tendencias" que deixou o PP "noqueado" tras "pinchar" por primeira vez. "Feijóo, que xogou a ser a remuda do PP en España, agora ve como, tras dez anos no goberno da Xunta, os galegos e galegas apoian o PSOE", afirma satisfeito.
Os bos resultados nas xerais fan a Caballero albiscar uns bos prognósticos cara ás municipais, comicios cara aos que a demoscopia sorrí ao PSdeG nalgúns dos escenarios nos que máis perdera hai catro anos mentres indican estabilidade ou mesmo alza alí onde xa goberna. É por iso que, tamén por primeira vez, son agora os socialistas os que retan o PPdeG a aclarar que pactos estaría disposto a subscribir tras o paso polas urnas municipais e non ao revés, como é habitual. Feijóo, di Caballero, debe "ser claro" e dicir ao electorado galego se "rexeita calquera pacto coa ultradereita tras as eleccións municipais".
Feijóo, onde adoitaba estar a esquerda
Mentres o éxito propio e as crises alleas sitúan o PSdeG nunha impensable posición de saída para os seguintes procesos electorais, o ata hai pouco invencible PP de Feijóo transita polos camiños habituais da esquerda galega e faino, en boa medida, ao xeito acostumado por esta: comezar a procurar culpas fóra para, despois, ollar cara a dentro. Así, na noite electoral do 28A, un Feijóo visiblemente afectado polo resultado do escrutinio atribuíu as cifras "malas, sen paliativos" esencialmente á irrupción da extrema dereita de Vox. Tamén tivo, non obstante, unha lectura en clave interna máis clásica. Como sucedera, por exemplo, tras o pau municipal de 2015, advertiu de que o devalo do PP en Galicia foi menor que na media estatal.
Mentres o éxito propio e as crises alleas sitúan o PSdeG nunha impensable posición de saída cara aos vindeiros procesos electorais, o PP de Feijóo transita polos camiños que son habituais para a esquerda galega
Apenas catro días despois Feijóo volveu percorrer os vieiros postelectorais que adoitan ser máis habituais na esquerda galega no que atinxe ao reparto de culpas. O PSOE de Pedro Sánchez, analizou, tivo un "gran aliado" na súa vitoria. E ese é "Vox, non hai ningunha dúbida", reflexionou antes de advertir ao potencial electorado popular que optou pola formación de extrema dereita de que é "mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange". Hai apenas tres meses o propio Feijóo consideraba o pacto do PP con Vox en Andalucía "homologable a calquera goberno europeo". Agregou, outra volta, a clave interna: "Cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos".
Neste clima de desconcerto e reparto de culpas o PPdeG enfila as cruciais eleccións municipais. Na última fin de semana antes da campaña Feijóo volve compartir romaría preelectoral con Pablo Casado, como xa fixera antes do 28A nun mitin no rural de Santiago no que o líder do PP dera en prometer apoios a organizacións antiabortistas entre mencións a ETA. Agora Casado viaxa a Galicia para facer ver que a enésima viaxe do PP ao centro político non se prolongou durante anos ou meses, senón apenas por un par de días.
Se o 26M se traduce nunha mingua de poder local aparecerían máis nubes no horizonte do PP galego; cidades e deputacións volverán ser termómetros fundamentais
Tras o 26M chegará un novo balance electoral que, se como en 2015 se traduce nunha mingua de poder local, faría aparecer máis nubes no horizonte do PP galego. Un dos principais termómetros de todas as eleccións municipais galegas son as sete principais cidades e, agás sorpresa maiúscula, non semella que vaia existir unha vaga popular na Galicia urbana semellante á de 2011. Máis ben ao contrario.
O outro termómetro son as deputacións, centros de distribución de poder, orzamento e cargos que en caso de éxito poderían ser acubillo que amortecese a perda de asentos no Congreso e no Senado. Se isto non sucede e o PSdeG, con ou sen alianzas, segue controlando tres dos catro entes provinciais, Caballero podería estar en condicións o 27 de maio de facer unha análise semellante á do 29 de abril e, apoiado na crise do grupo de En Marea, executar a súa anunciada chegada ao Parlamento de Galicia coa etiqueta de líder da oposición a un Goberno de Feijóo que, como moito en ano e medio, ten que avaliarse nas urnas.