O presidente di que pola irrupción do partido de Abascal “cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos” pero dille aos apoios perdidos que é “mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange”
Menos dunha semana despois de que Pablo Casado ofrecese ministerios a Vox nun hipotético goberno co PP, este xoves o presidente Feijóo apuntou á existencia dunha pinza entre o partido de Abascal e Pedro Sánchez contra os populares baseada nunha “estratexia” coincidente de dividir o voto da dereita. A eses votantes perdidos apelou Feijóo para que volvan ao PP asegurándolles que para eles é “mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange”.
Feijóo, que tras as eleccións andaluzas considerou o pacto entre o PP e Vox como “homologable a calquera goberno europeo”, foi preguntado na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno se lle parece ben o xiro ao centro de Casado. O presidente galego, tras varias repreguntas, acabou admitindo que por Vox “cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos”, pero atribuíu a vitoria de Sánchez ás “estratexias” do PSOE e do partido de Abascal.
“O gran aliado da nova vitoria do PSOE é Vox, non hai ningunha dúbida”, di Feijóo, que o considera “un resultado lamentable para a maioría dos españois que non querían que o PSOE gobernase”
“O gran aliado da nova vitoria do PSOE é Vox, non hai ningunha dúbida”, dixo, para engadir que “os dirixentes de Vox sabían o que facían e o que pretendían era trocear o centro dereita e facilitar unha vitoria do PSOE”. Similar estratexia atribuíu a Sánchez, do que lembrou as súas intervencións nos debates televisivos “apelando a ese partido [Vox] cando non estaba no debate” ou as súas referencias “ás tres dereitas”. Foi, considera Feijóo, unha “gran estratexia con éxito do PSOE” e “un resultado lamentable para a maioría dos españois que non querían que o PSOE gobernase”.
“En Galicia os 85.000 votos de Vox sen escano conseguiron que o PSOE sexa o partido máis votado, que o PP quede con catro senadores e que Vox non teña nada”
Feijóo puxo como exemplo da perda de votos do PP en favor de Abascal que “en Galicia os 85.000 votos de Vox sen escano conseguiron que o PSOE sexa o partido máis votado, que o PP quede con catro senadores e que Vox non teña nada”. Ante esa situación apelou a eses votantes dicindo que espera que vexan que para eles é mellor “convivir cos votantes do PP que cos votantes de Falange”.
Sobre a situación do PP, e malia varias preguntas sobre Casado, Feijóo, limitouse a reiterar a súa consideración de que o seu é “un partido maioritario, fómolo desde a fundación de Fraga e coa refundación de Aznar”, e que “cando acertamos na mensaxe das maiorías, obtemos o Goberno”.
Feijóo salientou que non se pronunciou sobre posibles pactos con Vox tras as municipais, que cualificou como "liga distinta": “cando cheguen falamos”
E de cara a posibles pactos con Vox tras as eleccións municipais, Feijóo salientou que “o PP de Galicia non ten en ningún momento un pronunciamento dun pacto a favor de Vox”, como si o evidenciou, por exemplo, o candidato popular en Lugo, pero non o descartou de xeito expreso e limitouse a dicir que esa é unha “liga distinta” das xerais e as autonómicas” e que “cando cheguen as municipais falamos”.