Feijóo culpa a BNG e Bildu do parón de transferencias que propón Casado e da aparición de Vox

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente di que “a da AP-9 non é unha transferencia dunha competencia senón dunha infraestrutura” e deféndea “nunha nación indisoluble que é España”

“Nun momento no que Bildu toma decisións que afectan a todos os españois, nese momento non parece moi oportuno seguir con transferencias”. Así xustificou este mércores o presidente Feijóo o parón de transferencias de competencias ás comunidades autónomas e mesmo a súa recentralización que propón Pablo Casado. Fíxoo só unha semana despois de volver reclamar a transferencia a Galicia da AP-9, pero argumentando agora que esa “non é unha transferencia dunha competencia senón dunha infraestrutura” e defendéndoa “nunha nación indisoluble que é España”.

Na sesión de control do Parlamento de Galicia deste mércores Feijóo foi preguntado pola portavoz do BNG, Ana Pontón, polos seus bandazos á hora de, como presidente da Xunta, reclamar ao Estado máis competencias como a da AP-9 ou a posibilidade de reinvestir o superavit da Xunta e, ao mesmo tempo, como membro do PP avalar as propostas do seu líder de paralizar as transferencias. A resposta de Feijóo foi facer responsable ao BNG tanto desa paralización como da aparición de Vox. 

“Grazas a ese nacionalismo e independentismo se inicia un proceso de partidos de dereita populista en España”, di Feijóo

O presidente censurou que os nacionalistas galegos concorran ás eleccións europeas en coalición con Bildu e asegurou que “quen máis dano fai ao Estado autonómico é o nacionalismo e o independentismo desvirtuando o Estado autonómico” coas súas peticións de soberanía. “Grazas a ese nacionalismo e independentismo se inicia un proceso de partidos de dereita populista en España”, engadiu Feijóo, en referencia a Vox. O presidente asegurou que, fronte a eses dous extremos, el e o PP sitúanse nun punto medio no que as competencias autonómicas son posibles “nunha nación indisoluble que é España”.

A resposta de Pontón foi lembrar os sucesivos atrancos postos polo PP para impedir a transferencia da AP-9 a Galicia e salientar que na última década a Xunta non logrou nin unha soa nova competencia. 

Villares, Leiceaga e Pontón, nunha sesión de control á Xunta CC-BY-NC-SA En Marea / PSdeG / BNG

Transparencia e residencias de maiores

Feijóo asegurou que a súa viaxe para asistir á manifestación con Vox en Madrid pagouna o PP e non a Xunta e presentou como prazas públicas para maiores as concertadas subvencionadas pola Xunta que lle saen máis caras

Na sesión de control deste mércores Feijóo tamén foi preguntado polo portavoz de En Marea, Luís Villares, sobre quen asumiu o sobrecusto que supuxo adiantar a volta da viaxe que Feijóo realizou como presidente a Estados Unidos a principios de febreiro para chegar a tempo á manifestación conxunta con Vox celebrada na praza de Colón de Madrid. Feijóo esgrimiu o que dixo ser a factura dese voo de volta adiantado pagado polo PP. Villares pediu ao presidente que cese ao secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, por negarse a facilitar esa información nos dous últimos meses e criticou a falta de transparencia do Goberno galego.

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, preguntou a Feijóo pola súa promesa de construír sete residencias para persoas maiores nas sete cidades galegas, cuestión que o presidente eludiu responder. Pola contra, Feijóo presentou como prazas públicas as concertadas subvencionadas pola Xunta, que lle saen máis caras, e asegurou que durante os seus gobernos duplicouse o número de persoas atendidas entre os dous tipos de recursos asistenciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.