No ano 2015 residían en Galicia unhas 661.000 homes e mulleres que superaran os 65 anos de idade, unha cifra que os datos dos padróns municipais acreditan que non deixa de aumentar. Arredor de 18.500 destas persoas -sete de cada dez, mulleres- eran atendidas en residencias para maiores e máis do 70% tiñan xa máis de 80 anos. No mesmo ano ofertábanse no país algo máis de 21.000 prazas residenciais en 227 centros, 49 deles públicos e os outros 178 de titularidade privada, nos que a Xunta adoita financiar prazas pola vía do concerto malia resultar máis caro que prestar o servizo directamente, segundo datos oficiais que vén de facer públicos o IMSERSO. Cada praza concertada supón, de media, arredor dun 8% máis de gasto que as públicas.
A entidade dependente do Goberno de España vén de facer público o seu informe sobre as persoas maiores referente ao ano 2016 no que, a partir de datos do ano previo, realiza unha ampla radiografía da situación da poboación anciá no conxunto do Estado. No que atinxe aos devanditos centros residenciais Galicia destaca nas estatísticas polo protagonismo esmagador das empresas privadas fronte ao traballo da Administración pública competente, isto é, da Xunta.
Galicia destaca na estatística do IMSERSO polo protagonismo esmagador das residencias privadas fronte ás que dependen directamente da Xunta
Mentres que a tendencia xeral é o "claro predominio das prazas de financiamento público" -de media, un 56%-, sete comunidades autónomas desmárcanse ao presentaren un maior peso do sector privado e entre elas destaca Galicia. Ata o 67% das prazas en residencias de maiores eran privadas en territorio galego no momento de realización do estudo, a maior proporción de todo o Estado.
Cada praza pública supón uns 11.780 euros públicos anuais de media e cada unha das concertadas, un promedio de 12.716 euros
A este abondoso sector privado é ao que adoita acudir a Xunta para aliviar as listas de espera -unhas 1.700 persoas maiores estaban a agardar en 2016 por unha praza pública, segundo datos da Consellería de Política Social- pola vía dos concertos, isto é, achegando fondos do erario para que os cuartos de residencias privadas entren no circuíto público. No entanto, o informe do IMSERSO amosa ás claras que, no caso galego, priorizar as residencias privadas resulta un mal negocio en termos económicos para a Administración.
Sempre segundo este informe oficial cada praza nunha residencia pública de maiores custa en Galicia, de media, uns 17.998 euros ao ano e deles, algo menos do 35% do importe é achegado polas persoas usuarias -no caso das persoas pensionistas, o importe é restado desta prestación-. Mentres, a mesma praza nun centro concertado custa uns 18.250 euros anuais e as persoas maiores que fan uso delas pagan do seu peto en torno ao 30% do importe. Así, cada praza pública supón uns 11.780 euros públicos anuais de media e cada unha das concertadas, un promedio de 12.716 euros cada ano. A diferenza media rolda, daquela, o 8%.
O número de prazas privadas disparouse un 130% en Galicia dende principios de século
Estas cifras danse nun contexto no que os sucesivos informes do IMSERSO -anuais ata 2010 e bianuais e con información máis limitada a partir de 2011- acreditan como o incremento de prazas en residencias privadas para maiores foi exponencial dende comezos de século. Mentres, nun contexto de evidente envellecemento da poboación a oferta de prazas públicas aumentou dun xeito moito máis limitado. Así, no ano 2002 as prazas públicas en residencias para maiores eran en Galicia unhas 3.000 e as privadas, o duplo, mentres que as concertadas eran menos de 900. Media década despois, xusto cando a lei de dependencia comezaba a ser posta en marcha, as prazas públicas eran apenas 500 máis, mentres que as privadas chegaban xa ás 7.300 e o cómputo das concertadas se achegaba ás 3.400.
Sempre segundo o IMSERSO, no pasado 2015 as prazas privadas en residencias para maiores superaban en Galicia as 14.000, o que supón un incremento na contorna do 130% dende comezos de século. Mentres, a suma das privadas e concertadas -a entidade oficial non desagrega ambas categorías dende 2011- roldan as 7.000.
Con este pano de fondo a Xunta anunciaba o pasado febreiro a construción, nesta lexislatura -que remata en 2020- dunha nova residencia pública para maiores en cada unha das sete cidades galegas. Estes sete centros, asegurou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, sumarán unhas 900 prazas residenciais mentres o propio Goberno galego rexeita, cando menos polo momento, integrar na súa rede pública prazas doutras administracións como as ofertadas pola Deputación de Lugo nun contencioso que xa dura varios anos.
Mesmo no caso de que esta previsión chegue a cumprirse, esas 900 prazas apenas poderían cubrir a metade da lista de espera nun contexto de demanda crecente por mor do envellecemento da poboación e das estruturas das familias. Resulta esperable, deste xeito, que continúe a incrementarse a oferta de prazas privadas nun contexto no que os seus prezos -uns 1.500 euros mensuais de media- están lonxe de corresponderse cos ingresos da poboación galega maior de 65 anos, cuxa pensión media non supera os 840 euros ao mes, segundo datos feitos públicos este martes pola Seguridade Social.