Feijóo rexeita o convenio coa Deputación de Lugo para financiar 250 prazas en centros de maiores

Campos, reunido con Feijóo e Rueda no Parlamento © Xunta

O pasado febreiro o conselleiro de Política Social asegurou "querer arranxar a situación" coa Deputación de Lugo para colaborar na apertura dos seus centros de maiores, cinco instalacións xa rematadas na Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita con 150 prazas de residencia e outras cen de estacia diurna. Os responsables da institución lucense abandonaran aquel encontro lamentando que José Manuel Rey Varela "mentise" e adiando a cuestión a unha vindeira xuntanza dos presidentes de ambas institucións. Ese encontro produciuse este mércores, durou unhas tres horas e foi "cordial", pero sen apenas acordos, segundo Darío Campos, que lamenta que Alberto Núñez Feijóo se "opoña" a poñer en marcha estes centros a través dun convenio coa Deputación.

O dixixente socialista achegoulle ao presidente e mais ao vicepresidente da Xunta unha axenda de "doce retos" encabezados pola devandita "colaboración" para "ofrecer aos lucenses prazas públicas e de acceso universal" nestes centros. Trataríase, explica Campos, de sufragar ao 50% as 150 prazas de residencia -1.100 euros mensuais- e as 100 de centros de día -600 euros cada mes-. Serían en total, calculan, uns 2,7 millóns de euros por exercicio. Os anciáns "cunha pensión media de 600 euros nunca pagarían máis do 80% dos seus ingresos", especifica.

A mellor vía para a "colaboración" é, para Campos, un convenio entre as dúas Administracións. "Garantiría que sexan os lucenses os usuarios destes centros" e que as persoas maiores poderían acceder a eles "nos seus concellos" no canto de agardaren por un sorteo que os levase a outros puntos da provincia ou de Galicia. "Esta fórmula de colaboración emprégana as Adminisracións todos os días" e "é máis económica que a que ofrece a Xunta, a da concertación", asegura. "Núñez Feijóo recoñeceu que este modelo é máis económico que o da concertación -informa a Deputación-, pero opúxose a asinar un convenio para executalo".

Campos asegura estar en condicións de "garantir" que "a Deputación ofrecerá as prazas aos lucenses con prezos accesibles, que non superen os 500 euros" para maiores con pensións baixas

Así as ocusas, e dado que o Goberno galego defende o modelo de concertación, Campos asegura estar en condicións de "garantir" que "a Deputación ofrecerá as prazas aos lucenses con prezos accesibles, que non superen os 500 euros" ao mes "no caso das residencias para maiores coas pensións máims baixas". "O organismo provincial só irá ao concurso" que propón a Xunta "no caso de quedaren prazas libres", resolve.

O das residencias foi o principal asunto dunha xuntanza na que a Deputación lucense tamén anotou na banda das negativas da Xunta o "cumprimento da obriga legal de cofinanciar o servizo de axuda no fogar, tal e como ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza" e colaborar para "equiparar os salarios dos bombeiros dos parques da provincia de Lugo aos de Ourense e prestar o servizo ao 100% do territorio lugués a través do Consorcio Provincial". "Trátase dunha proposta que apoiaron todas as formacións políticas" en Lugo, lembran, se ben "Feijóo e Rueda non teñen previsto achegar" unha cantidade igual á da Deputación para esta suba salarial, 330.000 euros.

No ámbito das respostas afirmativas pola banda do Executivo galego a Dpeutación sitúa o "traballo conxunto para converter a provincia de Lugo nun destino turístico de referencia" ou "retomar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade". Peor sorte correron outras cuestións da axenda como a apertura 24 horas do servizo de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti ou a conexión ferroviaria de Lugo co AVE no ano 2019. "Neste punto viñemos como fomos", resume Campos.

Campos entrega a Feijóo un agasallo institucional e un documento coas súas demandas © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.