A Deputación de Lugo acusa a Xunta de "mentir" para evitar apoiar as súas residencias de maiores

Álvaro Santos, entre Concepción Burgo e Leiceaga nos corredores do Parlamento © Deputación de Lugo

Novo capítulo no conflito entre Xunta e Deputación de Lugo a conta das cinco residencias de maiores promovidas pola entidade provincial lucense durante a última década na Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro. A deputada lucense do PSdeG Concepción Burgo vén de formular no Parlamento unha pregunta parlamentaria ao conselleiro de Política Social para cuestionalo a respecto da súa "vontade política" para concertar prazas nestes centros "públicos", isto é, "facer o mesmo que xa fai con empresas privadas". José Manuel Rey Varela asegurou estar disposto a colaborar cando a Deputación cumpra coa normativa vixente e a resposta indignou os responsables do goberno provincial que seguían o debate dende a tribuna de convidados. Rey Varela "mente", afirma o vicepresidente, Álvaro Santos.

"Queremos arranxar a situación, pero observando sempre a normativa, como non podía ser doutro xeito", retrucou Rey Varela, quen "explica" que para que as residencias da Deputación lucense poidan comezar a funcionar deben contar cos permisos de iniciación de actividade (PIA) "de creación e de actividade". Estes permisos, admite, son concedidos pola propia Xunta "cando estes equipamentos cumpran con todos os requisitos esixidos" e isto non sucederá ata que a Sociedade Urbanística Provincial, que construíu os centros, "esta inscrita no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais".

Rey Varela asegura que a Xunta colaborará "cando as residencias cumpran con todos os requisitos"

Mentres o conselleiro esgrime unha recente sentenza xudicial en que se "rexeita impugnación á modificación dos estatutos de Suplusa para que poida prestar servizos sociais" -a decisión promoveuna o PP lucense e recorreuna o ente provincial-, dende a Deputación interprétase a resposta como a confirmación definitiva de que a Xunta non vai colaborar. "Saio do Parlamento co convencemento de que a Deputación vai ter que ofrecer prazas públicas en solitario", porque "é inútil entenderse cun conselleiro mentireiro e cruel no manexo dos datos", que mesmo "enganou" o presidente da Deputación, Darío Campos, na xuntanza que mantivo con el.

Álvaro Santos "é inútil entenderse cun conselleiro mentireiro"

"No ano 2010 a Xunta dixo que Suplusa non se podía inscribir como prestadora de servizos sociais e 7 anos despois vén este conselleiro a dicirnos que temos que inscribir a Suplusa", censura Santos, quen argumenta que a propia Deputación "leva anos inscrita" no rexistro de entidades prestadoras de serivzos sociais, polo que abondaría que a Xunta asinase "convenios" para concertar prazas nestas residencias. Se a operación se realiza a través da sociedade urbanística, indica, "a xestión dos centros sería privada", xa que esta é unha entidade "que se rexe polo dereito mercantil". Ademais, agrega, "non se garantiría que a veciñanza de Lugo ocupase as prazas nas residencias da Deputación", cando o proxecto naceu "para ofrecer a prestación á veciñanza nos seus propios concellos".

Neste contexto, e dende a lembranza de que a construción das residencias foi apoiada en 2010 "por todas as forzas políticas" do pleno provincial, Santos lembra que a provincia de Lugo ten un 30% da súa poboación por riba dos 65 anos e, dentro desta, conta cunhas 20.000 persoas maiores de 84. Se a Xunta ocncede os PIA pendentes, asegura, "a Deputación podería abrir este ano cinco residencias e centros de día públicos", cun mínimo de "250 prazas", 150 delas residenciais.

Álvaro Santos, entre Concepción Burgo e Leiceaga nos corredores do Parlamento © Deputación de Lugo
Rey Varela, durante o debate no Parlamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.