Feijóo, por tras da pancarta trece anos despois

Feijóo, Rueda, Tellado e outros cargos do PPdeG, na manifestación do PP contra Pedro Sánchez o 10 de xaneiro de 2019 © PP Pontevedra

A vida política de Alberto Núñez Feijóo non inclúe moitas manifestacións. Son escasas as ocasións nas que, como dirixente político de primeira liña, o actual presidente da Xunta se puxo por tras dunha pancarta para combater unha decisión dun Goberno. Entre outras razóns, porque dos case vinte e oito anos que xa transcorreron dende que accedeu por primeira vez a un cargo gobernamental por designación do PP, en xullo de 1991 -efémero secretario xeral da Consellería de Agricultura, para pasar tres meses despois ao mesmo posto en Sanidade-, menos de catro -do 4 de agosto de 2005 ao 17 de abril de 2009- deles estivo na oposición. Ese fenómeno inusual volveu acontecer o pasado domingo en Madrid, trece anos despois da súa anterior manifestación equiparable, cando secundou a mobilización da dereita contra Pedro Sánchez.

Son escasas as ocasións nas que, como dirixente de primeira liña, o presidente da Xunta foi a unha mobilización como a do pasado domingo; entre outras razóns, porque en case 28 anos de vida pública, apenas catro estivo na oposición

Como alto cargo dos gobernos galegos de Fraga (1991-1996 e 2003-2005), dos gobernos españois de José María Aznar (1996-2003) ou do seu propio goberno na Xunta, Feijóo acudiu a numerosas concentracións en solidariedade coas vítimas de catástrofes naturais ou da violencia machista, así como minutos de silencio por vítimas do terrorismo ou outros acontecementos tráxicos. No entanto, para atopar na biografía política de Feijóo unha manifestación de claro matiz partidario como a que PP e Ciudadanos celebraron co apoio da formación de extrema dereita Vox o pasado domingo en Madrid cómpre remontarse case trece anos.

Feijóo non se manifestaba cun ton como o do pasado domingo, concretamente, dende o 18 de setembro de 2006. Non en van, na manifestación máis recente á que acudira a cúpula do PPdeG, hai dez anos contra o daquela vixente decreto do galego no ensino, Feijóo non estivera por estar de viaxe en América. Case o mesmo que estivo a piques de acontecer coa marcha nacionalista do domingo en Madrid, aínda que finalmente o PP anunciou un cambio na axenda institucional do presidente, que regresou da súa visita oficial aos Estados Unidos antes do previsto para participar na protesta contra Sánchez, onde o seu partido lle deu un lugar destacado en varias imaxes xunto a Pablo Casado.

Feijóo, con edís do PP de Vigo na manifestación do PP contra Pedro Sánchez en Madrid © PP Pontevedra

O 'Nunca Máis' do PP

Naquela xornada de setembro de 2006 os aparellos dirixentes do PP galego e estatal concentraron os seus esforzos para botarse ás rúas de Santiago baixo o paraugas de Sós Contra o Lume, plataforma presidida polo daquela alcalde popular de Barro, José Antonio Landín. Co oficialmente presentado como colectivo de afectados polos incendios forestais daquel ano, os peores en dúas décadas o PP pretendera exercer contra PSdeG e BNG unha caste de vinganza política pola erosión que para os seus intereses electorais tivera a Plataforma Nunca Máis, contra a que se dirixiran boa parte dos cánticos na xornada.

Berros contra Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alfredo Suárez Canal, sentados nunha parada de autobús calcinada na imaxe que amosaba unha das pancartas da protesta, marcaran unha manifestación na que os principais protagonistas políticos foran Feijóo e mais Mariano Rajoy. Mentres ambos atendían á prensa, de fondo ecoaban cánticos contra os "titiriteiros" e consignas que atribuían a Touriño, Quintana e Suárez Canal os catro falecementos acontecidos durante a vaga de incendios.

Imaxe da protesta de cargos do PP no Parlamento, recuperada por El País en 2012 © El País

Douscentos cargos do PPdeG contra a Policía

Apenas tres meses despois de perder a Xunta o PPdeG enviou uns 200 cargos públicos ao Parlamento para protestar pola cancelación de obras que Fraga aprobara en plena campaña; alí deran en rachar o cordón policial

Aquela manifestación contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG a conta da política forestal chegaba menos dun ano despois doutra, á que Feijóo acudira en novembro de 2005 aínda como vicevoceiro parlamentario do PPdeG que tivera que deixar a Xunta apenas tres meses antes. Foi, concretamente, o 24 de novembro de 2005 cando o PPdeG enviou uns douscentos cargos municipais do partido ao Parlamento para protestar pola anulación de 247 obras en concellos rurais que o Goberno de Fraga comezara a tramitar en plena campaña electoral. 

Nunha imaxe ata ese momento inédita os representantes do PP premeran no cordón policial que blindaba o acceso ao Pazo do Hórreo ata lograr rachalo e, sen chegar a entrar no edificio, manifestáronse no interior do recinto parlamentario. No medio dunha gran tensión boa parte do grupo parlamentario popular abandonara o pleno que se estaba a celebrar para solidarizarse cos seus compañeiros de partido e, xa na rúa, manifestarse contra a Xunta. Como amosa a imaxe publicada daquela polo xornal El País, un dos cargos que dera en coller a pancarta fora Feijóo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.