Na Cámara e na rúa: Cando os membros do Parlamento se manifestan

Manifestación de Queremos Galego, o 21 de xaneiro de 2010 CC-BY-SA BNG

Estar na Cámara e na rúa. É unha promesa recorrente entre as diversas forzas políticas, xa sexa para garantir que non perderán a conexión coa sociedade tras accederen aos gobernos ou ben para presentárense como canles directas das reivindicacións sociais cara aos Executivos, cando exercen a oposición. A protesta convocada en Madrid -pola 'Coordinadora 25S'- cadrando coa segunda votación na investidura de Rajoy deu lugar á enésima controversia sobre a compatibilidade de formar parte da institución parlamentaria e, ao tempo participar en mobilizacións sociais. Alén das características concretas de cada protesta -o excepcional desta é que se convoca ao carón dunha Cámara en plena investidura-, o certo é que a implicación directa de cargos electos en concentracións e manifestacións non é, nin de lonxe, especialmente novidosa, tampouco en Galicia.

Sen saír de Galicia son múltiples os exemplos de cargos electos de todo signo que participan en protestas cidadás de todo tipo

A devandita convocatoria fronte ao Congreso tivo rápida resposta pola banda do PP, que máis ou menos abertamente dá en responsabilizar a Podemos da organización da marcha -así o fixo o propio Mariano Rajoy este xoves dende a tribuna de oradores-. Como adoito, a polémica estatal deu lugar a pequenas réplicas tamén en Galicia. Neste caso, aproveitando o inminente debate previo á terceira investidura de Alberto Núñez Feijóo, na contorna do PPdeG suxírese a posibilidade de que a esquerda en xeral e En Marea en particular organice manifestacións contra o resultado electoral. Acusacións semellantes dende a banda da dereita foran xa lanzadas, co gallo doutros conflitos ou reivindicacións, contra o BNG ou o PSdeG.

No entanto, abonda con abrir o foco ata abranguer, por exemplo, a última década e media, para atopar sen saír da política galega exemplos nos que líderes parlamentarios e orgánicos das principais forzas políticas saen á rúa para, soas ou en compaña de colectivos de todo tipo, rexeitar decisións gobernamentais ou reclamar medidas alternativas para todo tipo de situacións. Estas foron algunhas das máis sinaladas:

Manifestación de Nunca Máis en Santiago, o 1 de decembro de 2002 © Nunca Máis

1/12/2002 O nacemento de Nunca Máis

Dúas semanas despois de que o Prestige naufragase fronte ás costas galegas tras ser desprazado cara ao interior do océano en pleno temporal por instrución directa do Goberno de España, as rúas de Santiago acollen unha das manifestacións máis multitudinarias da historia recente de Galicia -a cifra oficial, da Policía Local, foran 150.000 persoas-. Convócaa unha plataforma acabada de nacer a partir dun manifesto cun título de dúas palabras: "Nunca Máis". O movemento nacía cunha forte influencia das forzas nacionalistas, pero aquel domingo na capital galega a protesta foi secundada, con motivos e actitudes diversas, polos principais referentes das formacións diferentes do PP.

Alí estaba o daquela líder da primeira forza da oposición galega, Xosé Manuel Beiras, na altura portavoz nacional do BNG. Tamén Emilio Pérez Touriño, secretario xeral do PSdeG, e con el José Luis Rodríguez Zapatero, líder do PSOE, que fora apupado por algúns manifestantes. O PP retrucara aquela histórica protesta de diversas maneiras: dende organizando un acto de partido baixo o lema Galicia máis que nunca, un "formidable chamamento" fronte a quen "ladran o seu rencor polas esquinas", en verbas de José María Aznar, ata acusar os manifestantes dende a Xunta de teren intencións violentas ou obstaculizaren a chegada a Galicia de fondos europeos para paliar a catástrofe.

6/4/2003 Contra a guerra de Iraq

Nos meses seguintes ao naufraxio do Prestige as protestas contra a xestión da catástrofe confluíron en Galicia en máis dunha ocasión coas mobilizacións contra a invasión e guerra en Iraq. Este foi o caso do 6 de abril de 2003, cando a convocatoria da Coordenadora Galega pola Paz tivo, de novo en Santiago, unha resposta masiva -aínda que notablemente menor á protesta de Nunca Máis-. Naquela manifestación participaran de novo os líderes da oposición parlamentaria, Beiras e Touriño. Dende o PPdeG o daquela conselleiro da Presidencia, Jaime Pita, asegurou "respectar" os "sentimentos" de quen se manifestaban, pero non as súas "motivacións políticas". Os conservadores aproveitaran novamente para, ás portas das eleccións municipais, suxerir complicidades de BNG e PSdeG con condutas violentas.

Imaxe da protesta de cargos do PP no Parlamento, recuperada por El País en 2012 © El País

24/11/2005 200 cargos do PP no Parlamento

En novembro de 2005 a correlación de forzas mudara. As forzas políticas que participaran en diversas mobilizacións sociais nos últimos anos daban agora sustento ao Goberno da Xunta e o PPdeG comezaba a xestionar o seu inédito paso á oposición mentres organizaba a remuda de Manuel Fraga na Presidencia. Foi neste contexto no que os conservadores deron en convocar unha manifestación de cargos públicos do partido fronte ao Parlamento de Galicia co obxectivo de rexeitaren a suspensión, por parte da Consellería de Medio Rural, de 247 obras que comezara a tramitar en campaña o goberno de Fraga. O PP acreditara 40 alcaldes para seguir dende a tribuna a comparecencia do titular do departamento, o nacionalista Alfredo Suárez Canal, pero a presidenta, Dolores Villarino, impediu a súa entrada ao comprobar a protesta organizada.

Tal e como recolleu daquela o diario El País, a tensión subiu cando os cargos conservadores concentrados na rúa premeron no cordón policial que blindaba o Pazo do Hórreo ata lograren traspasalo. Xa dentro do recinto parlamentario, pero sen entrar no edificio, despregaron pancartas e corearon consignas contra Touriño e Suárez Canal mentres o groso do grupo do PP abandonaba o pleno como protesta pola actitude da presidenta, que comparara o acontecido co 23-F. A tarde rematara cunha rolda de prensa multitudinaria na que, en ausencia de Manuel Fraga, que non asistira á sesión, quen puxo voz aos manifestantes foi o daquela vicevoceiro parlamentario do partido, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén se situou por tras da pancarta xunto a José Manuel Barreiro.

18/9/2006 'Sós contra o lume', o Nunca Máis do PP

En setembro de 2006 Alberto Núñez Feijóo levaba menos dun ano na presidencia do PP galego e o país viña de vivir a súa peor vaga de incendios en dúas décadas -o rexistro final daquel ano foron algo máisd e 95.000 hectáreas ardidas-. Aquela circunstancia foi aproveitada polos populares para tentaren artellar unha particular vinganza que suturase unha ferida que aínda estaba aberta: a do impacto do movemento Nunca Máis nas súas expectativas electorais. Foi así como naceu 'Sós contra o lume', colectivo presentado en sociedade como plataforma de afectados polos incendios que tivo como cabeza visible a José Antonio Landín, controvertido alcalde de Barro polo PP.

Asentada no forte poder local dos populares, o gran fito na breve historia de Sós contra o lume chegou o 18 de setembro, convocando milleiros de persoas en Santiago. Alberto Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e unha innumerable cantidade de alcaldes e concelleiros do PP tomaron as pancartas para cargar con dureza contra a xestión forestal da Xunta, pero tamén para reiterar consignas -algunhas delas, pregravadas e reproducidas dende vehículos durante a marcha- contra os impulsores de Nunca Máis. Aquela mobilización non estaba controlada por "titiriteiros", aseguraron durante un percorrido que culminou na Praza do Obradoiro. Alí Rajoy e Feijóo atenderon á prensa ante unha pancarta que representaba a Touriño, Quintana e Suárez Canal sentados nunha parada de autobús calcinada.

8/2/2009 Contra a normalización do galego en precampaña

O 8 de febreiro de 2009 faltaban catro días para que comezase a campaña electoral das transcendentais eleccións galegas do 1 de marzo. Nesa xornada unha asociación denominada Galicia Bilingüe chamaba a manifestarse en Santiago contra as medidas de normalización do galego impulsadas dende a Xunta. O descoñecido colectivo fora situado polo PP nos meses previos como mostra dun suposto clamor cidadán fronte á presunta "imposición" do galego, especialmente nas aulas, o definido por Feijóo como "conflito lingüístico sen precedentes". O aspirante popular á Xunta non acudira á protesta, pero si o fixeran cargos do PP tan destacados como Alfonso Rueda, Ana Pastor ou Corina Porro, entre outros.

Manifestación de Queremos Galego, o 21 de xaneiro de 2010 CC-BY-SA BNG

21/1/2010 Multitude contra o "decretazo" do galego

O primeiro Día das Letras dende o retorno do PP á Xunta a mobilización que A Mesa pola Normalización Lingüística adoitaba convocar en defensa do idioma tornou en pórtico dunha serie de manifestacións que tivo un dos seus fitos máis destacados o 21 de xaneiro de 2010 baixo o paraugas da plataforma Queremos Galego, cuxa actividade continúa na actualidade. O rexeitamento ao denominado decreto do plurilingüismo, texto aínda vixente agás nos extremos anulados pola xustiza, foi a cerna dunha protesta moi concorrida, circunstancia especialmente significativa polo feito de non celebrarse en fin de semana, senón nun xoves no que tamén se convocara folga no ensino en protesta pola política lingüística da Xunta.

Quen daquela eran máximos responsables orgánicos de PSdeG e BNG, Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez, estiveran presentes nunha manifestación na que tamén se puido ver a diversos membros dos grupos parlamentarios de socialistas e nacionalistas, presenzas que foron reiteradas nas seguintes mobilizacións pola lingua. Naqueles meses o na altura conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e mais o seu secretario de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, censuraron, igual que o propio Feijóo, estas mobilizacións. No Parlamento, o PP aínda reiterou durante un tempo o argumento da "imposición".

3/6/2012 A oposición, na rúa contra os recortes sanitarios

A segunda metade da primeira lexislatura de Feijóo na Presidencia da Xunta estivo marcada, en boa medida, polos recortes sociais aplicados polo Goberno de España e as súas réplicas nas contas da Xunta. Unha das respostas a estas medidas foi a manifestación organizada por SOS Sanidade Pública o 3 de xuño de 2012, na que esta plataforma acusou os executivos do PP de poñer en cuestión o dereito universal á sanidade "pública e de calidade". As forzas da oposición parlamentaria participaron cos seus líderes á fronte e tamén tiveron comitivas propias forzas políticas non presentes na Cámara galega, como Esquerda Unida ou Máis Galiza, entre outras.

24/10/2013 A LOMCE saca á rúa a comunidade educativa e a oposición

As sucesivas protestas contra os recortes combináronse en Galicia, como noutros puntos do Estado, co rexeitamento á LOMCE, daquela aínda máis coñecida polo alcume de 'Lei Wert', polo ministro que a impulsou. Unha das xornadas de protesta máis intensas fora o 24 de outubro de 2013, xornada de folga e manifestacións que foran apoiadas polas xa tres forzas da oposición parlamentaria: PSdeG, AGE e BNG. Nas protestas convocadas en Santiago puido verse ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e mais ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, así como a diversos representantes políticos da esquerda no parlamento e nos concellos.

Alcaldes e alcaldesas, na manifestación do sector lácteo CC-BY-SA Praza Pública

17/7/2015 O leite en loita

O devalo incesante dos prezos do leite converteu o verán de 2015 en meses de intensísimas mobilizacións do sector lácteo galego a través de tractoradas e manifestacións como a do 17 de xullo. A aquela protesta acudiran familias enteiras cuxo sustento depende do leite, e tamén os líderes políticos da oposición, como José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Xavier Vence (BNG) ou varios deputados de AGE. Estas mobilizacións foron tamén amplamente secundarias por alcaldes e alcaldesas de todo signo.

Todas estas manifestacións son, ao cabo, só pequenas mostras dun fenómeno absolutamente habitual, a participación de líderes partidarios en protestas de todo tipo. Os recortes, a defensa do dereito ao aborto, o apoio ás persoas afectadas polas preferentes, ou o rexeitamento á lei de acuicultura foron outros dos asuntos que deron lugar a manifestacións que, á súa vez, provocaron esa conexión entre cargos electos e protestas na rúa. Este fenómeno, daquela, tampouco semella moi novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.