Con 170 votos a favor, de PP, Ciudadanos e Coalición Canaria, e grazas á abstención de 68 dos 84 deputados socialistas, Mariano Rajoy vén de ser investido este sábado presidente do Goberno de España para un segundo mandato consecutivo e logo de preto dun ano exercendo en funcións. Finalmente, 15 deputados do PSOE afastáronse da disciplina do partido e votaron en contra, entre eles a ourensá Rocío de Frutos, única galega en facelo, rexeitamento a Rajoy que tamén expresaron Podemos e as súas confluencias, ademais do resto de grupos minoritarios. Unhas horas antes o ex-secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez, partidario do 'non' a Rajoy, renunciaba ao seu escano e anunciaba que percorrerá as agrupacións socialistas co obxectivo non declarado de recuperar o control do partido.
A deputada do PSdeG por Ourense Rocío de Frutos, única galega entre os 15 socialistas que votaron contra o popular nunha xornada na que Pedro Sánchez renunciou ao seu escano
O resultado final da sesión do Congreso que rematou coa investidura de Rajoy foi de 170 votos a favor, os mesmos que hai dous días e que na primeira investidura frustrada de setembro. En contra votaron 111 deputados mentres que 68 socialistas abstivéronse. Na súa breve intervención previa á votación, o líder popular insistiu na necesidade de que os socialistas non só faciliten a súa investidura senón que apoien tamén os seus presupostos e “un Goberno en condicións de gobernar”.
Entre os 15 votos socialistas contrarios a Rajoy, a metade deles procedentes do PSC, só figurou finalmente o dunha galega, a ourensá Rocío de Frutos. Os outros cinco deputados do PSdeG abstivéronse, entre eles a responsable da xestora, Pilar Cancela, malia que horas antes volvera expresar, a través da súa conta de Twitter, o seu apoio a Sánchez: “Que grandeza! Ou se ten ou non se ten. Hoxe vin un político con maiúsculas! Non me equivoquei! Non nos equivocamos!”, escribiu.
No Congreso estiveron presentes na tribuna de invitados Feijóo e Villares
No Congreso dos Deputados estiveron presentes na tribuna de invitados, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia. O pasado xoves o primeiro dixo estar seguro de que o novo Goberno que Rajoy ten previsto formar o vindeiro xoves terá unha especial sensibilidade cara Galicia. Por outra banda, mentres se celebraba a sesión, unha manifestación percorreu os arredores do Congreso en protesta pola investidura de Rajoy. A marcha convocouna a denominada Coordinadora 25S, conformada por activistas sociais, colectivos veciñais e militantes de partidos.