Durante décadas Galicia arrastrou o estigma de ser un territorio de dereitas e politicamente conservador. Pero as mobilizacións sociais das últimas décadas, os propios datos electorais e outros indicadores como as enquisas de autodefinición ideolóxica do CIS cuestionan este imaxinario. Galicia é un país progresista. E cada vez máis
Durante décadas Galicia arrastrou o estigma de ser un territorio de dereitas e politicamente conservador. Posiblemente esta idea aínda permanece no imaxinario dunha maioría de persoas no resto do Estado. A esta concepción contribuíu a historia electoral da Transición e dos anos 80, nos que -efectivamente- as forzas políticas conservadoras acadaban en Galicia un resultado superior á media. Galicia foi primeiro un feudo de UCD e, posteriormente -xunto a Castela e León- o meirande núcleo de poder de Alianza Popular. Unha Baviera hispana. Tras o breve intermedio do Tripartito, a partir de 1989 viñeron ademais 16 anos de Goberno de Manuel Fraga.
É certo que a Xunta foi presidida por AP/PP durante 39 dos 45 anos de historia autonómica, pero a realidade electoral das últimas tres décadas pon en cuestión esa idea de Galicia como un territorio de dereitas. Sobre todo nas eleccións Xerais (e tamén na distribución do poder urbano nas municipais). De feito, o habitual é que nas eleccións Xerais a suma das formacións de esquerda supere en votos aos partidos de dereita. E mesmo nas eleccións ao Parlamento galego a esquerda están máis próxima á maioría que moitos outros territorios do Estado.
As importantes mobilizacións populares das últimas décadas, dende Nunca Máis, as protestas contra a Guerra ou a participación nas folgas xerais convocadas tamén cuestionan ese carácter conservador da sociedade galega. Tamén o feito de que VOX fose incapaz ata agora de penetrar no electorado galego. Calquera indicador que se utilice deixa claro que Galicia non é máis de dereitas que o resto do Estado. E, en determinadas cuestións, sitúase claramente no campo progresista. E cada vez máis.
Nos anos 80, 90 e mesmo na metade da primeira década do século XXI os galegos e galegas situábanse moito máis á dereita que a media da poboación española. Dende o 2005 os datos pasaron a ser semellantes e a partir de 2019 Galicia sitouse por primeira vez á esquerda da media
Dende mediados dos anos oitenta o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) inclúe nos seus estudos unha pregunta sobre a autoubicación ideolóxica da poboación, nunha escala de 1 (esquerda) a 10 (dereita). Se observamos a evolución no tempo da media das respostas podemos ver as transformacións que se veñen dando na sociedade galega e española dende entón.
Nos anos 80, 90 e mesmo na metade da primeira década do século XXI os galegos e galegas situábanse moito máis á dereita que a media da poboación española, con valoracións que se mantiveron case sempre por riba dos 5 puntos. Mentres, no conxunto do Estado produciuse un deslizamento dende posicións máis á esquerda entre 1985 e 1995 (unha media de 4,5 puntos) ata rozar o 5 no 2000, ano da única maioría absoluta de José María Aznar.
Hai algúns territorios que se sitúan moito máis á esquerda que a media, especialmente Euskadi (3,26), pero tamén Catalunya (4,09), Navarra (4,29) e Asturias (4,35). Galicia viría a continuación (4,69 na enquisa preelectoral do CIS), algo por riba da media española (4,65), pero convertida no quinto territorio máis á esquerda
España xirou de novo á esquerda ata o ano 2009 (de regreso a unha media de 4,5 ou 4,6 puntos) pero aí Galicia experimentara xa unha importante transformación social que levou o país a posicións moito máis esquerdistas entre 2005 e 2009, coincidindo co triunfo electoral de PSdeG e BNG. Tras unha nova viraxe conservadora entre 2009 e 2012 que coincidiu co triunfo electoral do PP en 2011, España (Galicia algo menos) volveu virar á esquerda entre 2013 e 2019.
A partir dese ano 2019 asistimos a un novo fenómeno, no que a cidadanía galega por primeira vez se sitúa máis á esquerda que a media da poboación española. Isto é resultado do efecto combinado dunha viraxe á esquerda en Galicia e dunha deriva conservadora en boa parte do resto de España que acadou o seu máximo en marzo de 2025 (media de autobicación ideolóxica superior a 5). Dende entón, iso si, a sociedade española está de novo xirando á esquerda, regresando a unha media de 4,5 ou 4,6, semellante á media galega.
Así, podemos dicir que Galicia é cando menos tan de esquerdas (ou de dereitas) como a media do conxunto de España. Pero estes datos medios agochan unha realidade máis complexa. Hai algúns territorios que se sitúan moito máis á esquerda que a media, especialmente Euskadi (3,26), pero tamén Catalunya (4,09), Navarra (4,29) e Asturias (4,35). Galicia viría a continuación (4,69 na enquisa preelectoral do CIS), algo por riba da media española (4,65), pero convertida no quinto territorio máis á esquerda.
Madrid, Andalucía e Aragón sitúanse preto dos datos galegos, pero outras comunidades autónomas desvíanse á dereita, especialmente Murcia, Castela-A Mancha, Baleares, Canarias e Castela e León, claramente por riba do 5.
O gráfico anterior, cos datos achegados polas enquisas electorais do CIS previas ás eleccións xerais dende 1989, amosa as importantes transformacións que neste tempo se deron en moitos dos territorios do Estado, comezando por Galicia, que pasou de ser no ano 2000 o segundo territorio máis á dereita a situarse como o cuarto ou quinto máis á esquerda en 2023 e 2026.
Tamén Catalunya ou Navarra xiraron claramente á esquerda nas últimas décadas. Pola contra, outras como Murcia e Estremadura experimentan unha deriva á dereita.
No ano 2023 as forzas progresistas obtiveron en Galicia o 50,1% dos votos nas eleccións Xerais. A esquerda só superou o 50% dos votos noutros tres territorios: Catalunya, País Vasco e Navarra
Outro argumento que pon en cuestión a imaxe conservadora de Galicia son os propios datos electorais. Si, é certo que o PP leva décadas gobernando a Xunta con maioría absoluta, pero as cifras de votos (non tanto os de escanos) das Xerais amosan outra realidade, sobre todo se as comparamos coas que se rexistran noutras comunidades autónomas.
No ano 2023 as forzas progresistas obtiveron en Galicia o 50,1% dos votos nas eleccións Xerais. A esquerda só superou o 50% dos votos noutros tres territorios: Catalunya, País Vasco e Navarra.
O mesmo sucedeu nas eleccións ao Parlamento galego celebradas uns meses despois, en febreiro de 2024. A pesar da maioría absoluta do PP, as forzas progresistas (BNG, PSdeG e Sumar) chegaron ao 47,3% dos votos
O mesmo sucedeu nas eleccións ao Parlamento galego celebradas uns meses despois, en febreiro de 2024. A pesar da maioría absoluta do PP, as forzas progresistas (BNG, PSdeG e Sumar) chegaron ao 47,3% dos votos. Nas eleccións autonómicas celebradas no resto de territorios no actual ciclo electoral (2023-26) tan só en Euskadi, Navarra, Catalunya, Castela-A Mancha e Asturias a suma das forzas progresistas mellorou os datos galegos.
Polo tanto, a concepción de Galicia como feudo conservador hai tempo que non se sostén, á vista dos datos obxectivos (e máis aínda se temos en conta a viraxe cara á dereita experimentada por outros territorios do Estado). Outro tema é a aritmética electoral, o reparto de escanos e a distribución de poder institucional derivada del.