Cada vez menos católicos: así diminuíu en Galicia o peso da cruz nos últimos 40 anos

Evolución das crenzas relixiosas da poboación de Galicia sobre unha imaxe da Misa do Peregrino na Catedral de Santiago © Montaxe: Praza.gal. Imaxe: Xunta

A poboación segue a ser maioritariamente católica (o 59,5% aínda se definía así nunha enquisa do ano 2024), pero case non vai a misa (apenas o 17% acode con frecuencia),  non casa pola Igrexa e non marca este recadro na declaración da renda

Chega a Semana Santa, uns días cada vez menos santos e máis dedicados a viaxar e ao lecer (en países laicos como Uruguai denomínase oficialmente Semana de Turismo dende 1919). En todo caso, son estes uns días nos que a relixións retoma temporalmente unha parte do protagonismo perdido na sociedade galega. Pero só por uns días, e de maneira limitada.

A poboación segue a ser maioritariamente católica (o 59,5% aínda se definía así nunha enquisa do ano 2024), pero case non vai a misa (apenas o 17% acode con frecuencia), non casa pola Igrexa (dende o 2009 os matrimonios exclusivamente civís son maioritarios e hoxe roldan o 85% do total), non marca o recadro da Igrexa na declaración da renda (só o fai o 8%, ademais doutro 15% que marca tamén o recadro de fins sociais) e cada vez menos escolle a materia de Relixión para os seus fillos e fillas.

Non sempre foi así. De feito, a perda de peso da Igrexa Católica na sociedade galega é un fenómeno moi recente, que se acelerou nos últimos vinte anos. Nos seus estudos o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) adoita preguntar pola relixiosidade da poboación -as súas crenzas e hábitos-, unha serie estatística que aínda que presenta algúns cambios nas preguntas formuladas e opcións ofrecidas, permite albiscar a evolución que a confesionalidade experimentou no país nas últimas catro décadas.

En 1984 o 88,6% da poboación galega definíase como católica e maioría, un 59,2% do total, como católica practicante

En 1984 o 88,6% da poboación galega definíase como católica e maioría, un 59,2% do total, como católica practicante. Os indiferentes (enténdese que nesta opción entraban agnósticos, ateos e, en xeral, non crentes) sumaban apenas o 9,1% do total. Segundo as enquisas do CIS a situación case non variou na década seguinte e nun estudo publicado en 1993 os datos eran esencialmente os mesmos. 

O mesmo sucedeu na década dos noventa e os estudos de 2001 e 2005 informaban aínda dunha porcentaxe de católicos do 88% e do 84%, sen ofrecer información sobre a práctica da relixión, probablemente en descenso. Os indiferentes e ateos incrementaban o seu número moi de vagar, sumando apenas un 13,4% en 2005 e  un 17,3% en 2012.

O gran cambio chega a partir de 2016, hai menos dunha década

O gran cambio chega a partir de 2016, hai menos dunha década. Nese momento, cun 76,7% de católicos en Galicia, hai xa un 20,8% de indiferentes e ateos, que a partir dese momento disparan as súas cifras. A poboación católica cae ao 60,7% en 2020 e ao 59,5% en 2024, cada vez con menos católicos practicamentes, xa por debaixo do 25%. En paralelo, a poboación afastada das relixións medra ano a ano, ata superar neste momento o 37%, unha porcentaxe que inclúe ateos, agnósticos e non crentes en xeral.

 

Só un terzo dos menores de 35 anos é católico e apenas un 6%, practicante

Menos dun terzo da poboación menor de 35 anos defínese como católica (cun 6% de católicos practicantes), mentres que un 67% di ser atea, agnóstica ou non crente

Os cambios sempre comezan polas xeracións máis novas e na actualidade menos dun terzo da poboación menor de 35 anos defínese como católica (cun 6% de católicos practicantes), mentres que un 67% di ser atea, agnóstica ou non crente. Os católicos só son maioría entre os maiores de 45 anos e os católicos practicantes unicamente presentan unha porcentaxe significativa (45%) entre os maiores de 65 anos.

A situación en 1984 era completamente diferente. Hai corenta anos había xa un 17% de non crentes entre os menores de 35 anos, pero os católicos eran clara maioría mesmo entre as xeracións máis novas, ao redor do 80%, aínda que iso si, só a metade eran practicantes. No resto da poboación había unha unanimidade de crenzas e hábitos: máis do 70% dos galegos e galegas de máis de 45 anos definíanse como católicos practicantes.

 En 1984 as mulleres definíanse en moita maior medida como católicas (93%) e, sobre todo, como católicas practicantes (72% fronte ao 59% dos homes)

Os datos do CIS amosan tamén unha interesante fenda en función do sexo. En 1984 as mulleres definíanse en moita maior medida como católicas (93%) e, sobre todo, como católicas practicantes (72% fronte ao 59% dos homes). Corenta anos despois a diferenza mantense, pero é moi inferior: na actualidade hai máis católicas entre as mulleres (63% fronte a 59%) e máis católicas practicantes (27% fronte a 23%), pero as porcentaxes tenden a igualarse.

En 1984 o 38% da poboación dicía acudir a misa todos os domingos ou mesmo varias veces á semana (o 52% no caso das mulleres). Na actualidade, esa porcentaxe caeu ata o 12% e só entre os maiores de 65 anos a proporción segue a ser significativa (o 27%)

A práctica da relixión é unha cuestión importante. Durante moito tempo o catolicismo mantívose forte nominalmente e nos rituais: os bebés seguían a ser bautizados, seguía a haber comuñóns e vodas e aínda hoxe a relixión acompaña na morte, en funerais e enterros. A asistencia ás misas foi un dos primeiros hábitos que se perdeu e hoxe moitas igrexas están moi baleiras os domingos e cunha media de idade moi elevada entre as persoas participantes nos ritos.

En 1984 o 38% da poboación dicía acudir a misa todos os domingos ou mesmo varias veces á semana (o 52% no caso das mulleres). Na actualidade, esa porcentaxe caeu ata o 12% e só entre os maiores de 65% a proporción segue a ser significativa (o 27%), mentres que no resto dos galegos e galegas a cifra cae por debaixo do 10%, menos do 4% entre os menores de 45 anos.

O 68% da poboación galega di non acudir nunca á Igrexa, unha porcentaxe que medra ao 88% entre os menores de 35 anos

Pola contra, o 68% da poboación galega di non acudir nunca á Igrexa, unha porcentaxe que medra ao 88% entre os menores de 35 anos e que chega ao 82% entre as persoas entre 35 e 44 anos ou ao 75% entre os 45 e 54 anos.

A cousa era moi distinta hai corenta anos. Nese momento, mesmo entre as xeracións máis novas, as persoas que dicían non ir nunca ou case nunca á Igrexa eran unha minoría, un 45%, cun 22% entre as persoas entre 35 e 44 anos.

En 1984 o 77% dos votantes de AP eran católicos practicantes, que mesmo eran maioría entre os votantes do PSdeG (54%). Os católicos mesmo eran maioría entre os votantes de BNPG (66,5%), EG (77,9%) e PCG (56%)

Os datos do CIS permiten trazar un perfil da poboación en función das súas crenzas relixiosas. Por exemplo, o pasado ano no estudo postelectoral publicado despois dos comicios ao Parlamento galego viamos como o electorado católico era maioritariamente do PP, decidira o seu voto antes da campaña e coa lingua galega como idioma inicial. A maior parte dos ateos e agnósticos, en cambio, votaran polo BNG. O galego era, de feito, máis habitual como lingua materna entre os católicos practicantes, unha realidade ligada á maior idade media deste colectivo.

O estudo do CIS publicado en 1984 amosaba tamén unha realidade moi distinta ao cruzar as crenzas relixiosas do recordo de voto, neste caso nas primeiras eleccións ao Parlamento galego, celebradas en 1981. O 77% dos votantes de AP eran católicos practicantes, que tamén eran ampla maioría entre os votantes da extinta UCD (70%). 

Catro décadas despois os ateos, agnósticos e non crentes superan o 65% entre os votantes do BNG.

Nas forzas de esquerda a realidade era distinta, pero non tanto. Os católicos practicantes tamén eran maioría entre os votantes do PSdeG (54%). En total, o 80% dos votantes socialistas definíanse como católicos. 

Os católicos mesmo eran maioría entre os votantes de BNPG (66,5%), EG (77,9%) e PCG (56%), aínda que nestes casos o peso dos católicos practicantes era menor. As porcentaxe de non crentes eran minoritarias: un 41% no PCG, un 28% npo BNPG e un 22% en EG. Catro décadas despois, en cambio, os ateos, agnósticos e non crentes superan o 65% entre os votantes do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.