O alumnado de Relixión en Primaria cae ao seu mínimo histórico mentres aumenta en Bacharelato

© Imaxe: Conferencia episcopal / Montaxe: Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Na última década a porcentaxe de alumnado que cursa a materia de Relixión en Primaria pasou do 81% ao 55%

O alumnado galego que cursa a materia de Relixión católica vén descendendo de forma continuada dende hai anos. En Primaria no curso 2010-2011 escollíana o 81% dos alumnos e alumnas, mentres que no curso 2022-23 (os últimos datos coñecidos, publicados hai uns días polo Ministerio de Educación) tan só optaron por ela o 55,5%, un descenso de 25 puntos en pouco máis dunha década. Se imos máis atrás, ata o curso 2001-2002, o descenso é aínda maior, dende o 91,9% rexistrado nese ano.

As últimas cifras coñecidas, con todo, agochan unha sorpresa: fronte ao descenso continuado da opción de Relixión en Primaria, no último curso con datos a porcentaxe de alumnado que escolle Relixión mantense estable na ESO (pasa de 56,8% a 57%) e aumenta no Bacharelato (pasa do 35,4% ao 38,8%).

En ESO e Bacharelato, en cambio, as cifras mantéñense estables e mesmo aumentaron no último curso

En realidade, nos últimos anos Primaria e Secundaria veñen amosando nesta cuestión tendencias moi diferentes: mentres a escolla de Relixión descende de maneira continuada no primeiro nivel, mantense estable nos outros dous. Tanto na ESO coma no Bacharelato a porcentaxe de alumnado en Relixión diminuíra entre 2001 e 2011 (do 70,9% ao 56,4% na ESO e do 55,4% ao 37,1% no Bacharelato), pero na década seguinte as cifras apenas variaron.

No curso 2022-23 comezou a aplicarse a LOMLOE, con cambios para a materia de Relixión, que deixou de ser contabilizada para a media do expediente académico

Cómpre lembrar que no curso 2022-23 comezou a aplicarse a LOMLOE (Lei Orgánica de Modificación da Lei Orgánica de Educación) nos cursos impares (1º, 3º e 5º de Primaria; 1º e 3º de ESO; e 1º de Bacharelato), con cambios para a materia de Relixión, que deixou de ser contabilizada para a media do expediente académico. Ademais, deixou de ser obrigatorio cursar unha materia alternativa á Relixión, de xeito que o alumnado que rexeita o ensino confesional ten unha hora de atención educativa.

O pasado ano a Conferencia Espiscopal culpou á aplicación da LOMLOE do descenso da escolla da materia de Relixión. Porén, a tendencia negativa en Primaria vén de moi atrás e nos outros niveis o efecto foi o contrario. Haberá que agardar aos datos do curso 2023-24, que se coñecerán dentro dun ano, para comprobar os efectos da aplicación completa da LOMLOE e da persistencia das tendencias apuntadas.

Publicidade
Publicidade

Os centros públicos teñen as cifras máis baixas de escolla da Relixión no Bacharelato e rexistran datos semellantes aos privados non concertados na Primaria. Na ESO, o alumnado dos centros privados puros é o que máis rexeita a materia

Os datos publicados polo Ministerio de Educación amosan tamén as grandes diferenzas que existen en canto á popularidade da materia de Relixión en función do tipo de centro. Así, nos centros de xestión e financiamento públicos as porcentaxes de alumnado que escollen a materia son os máis baixos en Bacharelato (31,9%), a pesar de que no curso 2022-23 a porcentaxe aumentou en máis de dous puntos.

Pola contra, en ESO, os máis baixos corresponden aos centros privados non concertados (de xestión e financiamento privado), cun 37,7% e unha clara tendencia de descenso, cifras por debaixo da media dos centros públicos (50,4% e con tendencia a manterse estable). En Primaria centros públicos e privados rexistran cifras semellantes, ao redor do 47%.

Os centros privados-concertados son os que rexistran as cifras máis elevadas de escolla da materia de Relixión tanto en Primaria (trinta puntos máis que os centros públicos e os privados sen concerto) coma na ESO

En cambio, os centros privados-concertados (con xestión privada e financiamento público), teoricamente gratuítos, pero que adoitan incorporar numerosos mecanismos que obrigan as familias a pagar, son os que rexistran as cifras máis elevadas de escolla da materia de Relixión. En Primaria a porcentaxe é do 76,7%, case trinta puntos máis que os centros públicos e os privados sen concerto, e cunha tendencia de descenso máis lenta.

Na ESO (76,2%), a porcentaxe tamén se mantén estable e supera en 26 puntos á dos centros públicos e en 39 á dos centros privados puros.

Os centros concertados non ofrecen o ensino de Bacharelato en Galicia, polo que non existen datos. Neste caso, os centros privados sen concerto son os que rexistran as maiores cifra de alumnado que escolle a materia de Relixión (71,4%), corenta puntos máis que na pública e cun foirtísimo aumento no último curso con datos coñecidos (de 7,5 puntos).

Publicidade
Publicidade

Os datos galegos sitúanse moi próximos aos do conxunto do Estado español, especialmente en Primaria. En ESO e Bacharelato, en cambio, a materia de Relixión é algo máis escollida en Galicia que no conxunto de España

Os datos galegos sitúanse moi próximos aos do conxunto do Estado español, especialmente en Primaria (o 55,5% estuda Relixión fronte á media do 56,2%). En ESO e Bacharelato, en cambio, a materia de Relixión é algo máis escollida en Galicia que no conxunto de España, superando a media do Estado en tres e cinco puntos respectivamente.

Galicia está lonxe dos datos das comunidades autónomas que máis optan pola Relixión en Primaria, como Andalucía, Estremadura, Castela e León ou A Rioxa. Pero tamén se sitúa en niveis moi diferentes dos territorios nos que a materia confesional é máis rexeitada, como Cataluña, País Vasco ou Baleares.

Os datos da maior parte de comunidades autónomas confirman o patrón, tamén observable en Galicia, dunha maior escolla da materia de relixión nos centros privados concertados e un maior rexeitamento tanto nos centros públicos coma nos privados non concertados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.