Betanzos culpa as minicentrais das inundacións, pero a Xunta rexéitao

Inundacións en Betanzos, este mércores © Concello de Betanzos

Na tarde deste mércores o nivel dos ríos Mendo e Mandeo subiu de forma abrupta e provocou desbordamentos en varios puntos de Betanzos, como o Porto, a zona do Pasatempo ou a Ribeira. O Concello de Betanzos culpa do sucedido á "posible apertura de comportas de minicentrais, sen previo aviso"

Na tarde deste mércores o nivel dos ríos Mendo e Mandeo subiu de forma abrupta e provocou desbordamentos en varios puntos de Betanzos, como o Porto, a zona do Pasatempo ou a Ribeira. O Concello de Betanzos culpa do sucedido á "posible apertura de comportas de minicentrais, sen previo aviso" sumado aos efectos das chuvias dos últimos días e á suba da marea. Porén, dende a Consellaría de Medio Ambiente rexeitan a responsabilidade das minicentrais situadas río arriba.

Houbo inundacións na zona do Porto, no parque do Pasatempo (na área de xogos infantís), no Carregal, no parque Pablo Iglesias, na Tolerancia e na Ribeira. A zona da Ribeira está afeita a estes asolagamentos periódicos, pero estes non son tan habituais nos últimos anos no resto de áreas afectadas.

A suba do nivel dos ríos Mendo e Mandeo levou ao seu desbordamento en varios lugares de Betanzos © Concello de Betanzos

O Concello vaise dirixir a Augas de Galicia para solicitar información e comprobar oficialmente se “a sospeita que temos, de apertura de comportas, se confirma”

"As inundacións afectaron outros barrios da cidade situados nas inmediacións dos ríos, distantes do barrio da Ribeira que sempre era o epicentro das inundacións ata a instalación dos bombeos, que onte volveron funcionar", din dende o Concello, que sinala que os servizos municipais "prestaron apoio á veciñanza que así o requiriu e manteñen a presenza nos puntos afectados". A situación normalizouse ao baixar a marea.

O Goberno local explica que desde o comezo os servizos municipais estiveron presentes no lugar "e, aínda que coincidiron intensas chuvias e un vento que tivo un efecto directo na ría porque impulsaba a auga cara á cidade, o certo é que non había risco de desbordamento porque o nivel das mareas foi similar ao de días pasados”. Por este motivo responsabilizan da situación ás minicentrais.

“O que non podemos facer é quedar de brazos cruzados”, di María Barral, que  afirma que “corresponde a Augas actuar na zona”

A alcaldesa María Barral informou de que o Concello se vai dirixir a Augas de Galicia para solicitar información e comprobar oficialmente se “a sospeita que temos, de apertura de comportas, se confirma”. A rexedora afirma que “se é así, esixiremos unha nova reunión de coordinación porque o que non podemos entender é que teñamos que seguir padecendo estas situacións e que ninguén con competencias na materia tome medidas”.

Inundacións en Betanzos, este mércores © Concello de Betanzos

A Consellaría de Medio Ambiente rexeita as acusacións e sinala que a suba do nivel dos ríos e os desbordamentos debéronse unicamente á confluencia das chuvias dos últimos días e ás "mareas vivas"

Barral lembra que o ano pasado expuxo a Portos de Galicia a necesidade de realizar actuacións na zona portuaria a través da instalación, por exemplo, de bombeos similares aos da Ribeira. A resposta foi que “desde Portos se derivou a Augas de Galicia a proposta de calquera mellora que evite estas situacións, actuacións que Augas quedou de concretar pero que hasta agora non fixo”. 

O Concello de Betanzos salienta finalmente que “o que non podemos facer é quedar de brazos cruzados” e que “corresponde a Augas actuar na zona”.

Porén, dende a Consellaría de Medio Ambiente rexeitan por completo as acusacións e sinalan que a suba do nivel dos ríos e os desbordamentos debéronse unicamente á confluencia das chuvias dos últimos días e ás "mareas vivas" provocadas pola lúa chea deste mércores, que ademais se atopa moi próxima á Terra, o que incrementa os seus efectos. Engaden que as minicentrais situadas nestes ríos non teñen capacidade de modificar deste xeito o seu nivel, ao almacenar pequenas cantidades de auga.

A suba do nivel dos ríos Mendo e Mandeo levou ao seu desbordamento en varios lugares de Betanzos © Concello de Betanzos
Inundacións en Betanzos, este mércores, por mor do desbordamento dos ríos Mendo e Mandeo © Concello de Betanzos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.