Galicia volveu sufrir este mércores importantes inundacións en distintas zonas do país, por mor das chuvias dos últimos días e a chegada da borrasca Elsa: en Baños de Molgas polo crecemento do Arnoia, en Sabarís (Baiona), en Bergondo, en Ribadavia polo desbordamento do Avia ou en distintos puntos da cidade de Vigo. Tamén en Perlío (Fene), en Caldas de Reis, en Cambados, en Vilanova de Arousa, no Grove ou en Pontevedra, onde tivo que suspenderse o Pontevedra-Ibiza da Copa do Rei.
Unha das inundacións máis importantes afectou ao centro de Sada, nos lugares coñecidos como As Brañas e A Lagoa e na Rúa Río
Unha das máis importantes afectou ao centro de Sada, nos lugares coñecidos como As Brañas e A Lagoa e na Rúa Río, onde é habitual que se produzan asulagamentos, que se repiten case todos os anos. Do mesmo xeito, este mércores unha das zonas de Pontevedra que máis se inundou foi A Xunqueira.
Dende logo, non é casualidade que se inunden lugares chamados así, pois en todos os casos trátase de espazos que corresponden a terreos húmidos, que de forma permanente ou circunstancial adoitaban acoller o paso de cursos de auga. Abonda con acudir ao diccionario, que define braña como "terreo moi húmido que pode ser prado ou monte baixo" e xunqueira como "terreo moi húmido onde abundan os xuncos". E o mesmo podemos dicir de acea, ribeira ou lagoa. A toponimia non mudou, pero si o fixo o urbanismo, que sobre todo nas últimas décadas ocupou espazos que a natureza tende a asulagar, para construír neles edificios e outras infraestruturas, en ocasións barrios enteiros.
"Á hora de facer un plan de urbanismo deberían consultar cos vellos do lugar", dicía Carlos Fernández Coto
A situación que se vive en Sada vén sendo denunciada polo arquitecto Carlos Fernández Coto, responsable da iniciativa Maltrato da Paisaxe, que en conversa con Praza.gal reclamaba hai tres anos que "á hora de facer un plan de urbanismo deberían consultar cos vellos do lugar". Na zona máis afectada polas inundacións en Sada conflúen dous pequenos regatos e unha zona de brañas naturalmente inundable. Ata hai unhas décadas esas augas chegaban ata o mar de forma natural, a través dun río. Porén, cando esa parte da vila foi urbanizada, o río foi canalizado e soterrado baixo os edificios, a través dunha canle de 250 metros de lonxitude que desemboca na praia. "Cando coincide unha crecida coma a que houbo estes días -con todo o que choveu- cunha marea alta que impide que se desaugue, pasa o que pasou. Ao final chega igual ao mar, pero inunda as rúas, que actúan de canles artificiais", explica.
"Cantas máis barreiras imos poñendo, máis se concentra a auga e provoca estas cousas"
As inundacións que teñen lugaren Sada en noutros lugares (Viveiro, Redondela, Oia, Vilagarcía...) teñen moito que ver con esa falta de coñecemento (ou de respecto) ao saber tradicional sobre o territorio. Pero tamén á forma en que se urbanizan as nosas cidades e vilas, coa creación de barreiras non permeables formadas con cemento ou asfalto e, ademais, cunha moi deficiente ordenación do territorio e planificación urbanística. "En Galicia sempre choveu igual que agora, pero a auga ía baixando ata o mar a través dos ríos, a través de canles, a través das agras, de forma natural e sen causar problemas. Porén, cantas máis barreiras imos poñendo, máis se concentra a auga e provoca estas cousas", sinalaba Fernández Coto.
Dende Maltrato da Paisaxe facíase este mércores un chamamento a "desasfaltar as nosas cidades, mudando o asfalto por solos permeables"
Dende Maltrato da Paisaxe facíase este mércores un chamamento a "desasfaltar as nosas cidades, mudando o asfalto por solos permeables". Arquitectos e urbanistas levan tempo reclamando o uso destes solos permeables e o incremento da vexetación nas zonas urbanas para xestionar mellor, de forma natural, os fenómenos de desbordamentos de ríos e de asulagamentos. E en lugar de tentar conter á auga e de frear á natureza, aceptar que de forma periódica certos lugares van sufrir inundacións.
Tendo en conta, ademais, que as inundacións nas zonas costeiras serán cada vez máis frecuentes e graves, por mor do cambio climático, que xa a está a provocar fenómenos máis extremos en relación coas precipitacións, con secas máis prolongadas, pero tamén periodos de chuvia máis intensa.