O mar inundando moitos peiraos galegos, asolagando polideportivos e campos de fútbol ao pé da costa ou arrasando as dunas de Corrubedo. A metade da Illa de Arousa afundida, as beiras do río Umia enchoupando os terreos monte arriba e a praia da Lanzada desaparecida, co Grove tornando na illa que foi e non a península que agora é pola incremento do nivel do mar. A marea entrando nos estaleiros de Navantia en Ferrol, na parte nova de Betanzos, en Baiona, en Viveiro, en Cedeira ou a piques de alcanzar a factoría de Citroën en Vigo. Son algunhas das consecuencias das inundacións habituais que pola medra dos océanos podería sufrir Galicia en poucos anos de non pórse remedio ao cambio climático e aos seus efectos.
O informe advirte de que a poboación en zonas onde o incremento do nivel do mar suporá importantes inundacións anuais en 2050 pasa de 80 a 300 millóns
A partir de 2050, e durante cada ano, zonas costeiras de todo o mundo inundaranse de non tomarse medidas, áreas onde agora viven 300 millóns de persoas, moitas máis das que nun principio se consideraban ameazadas pola subida do nivel do mar causada pola crise climática. A poboación en risco pode ata triplicarse, segundo os resultados dun informe publicado o pasado martes pola revista Nature Communications que vai acompañado dun mapa interactivo que mostra con claridade as áreas en risco en todo o mundo.
Así, o novo cálculo fai que a poboación mundial que vive en zonas onde a medra do mar suporía unha inundación anual en 2050 pasa de 80 a 300 millóns de persoas, tal e como advirten no seu artigo Scott A. Kulp e Benjamin H. Strauss.
O sueste asiático, con áreas de gran densidade de poboación afectadas, é o peor parado, pero tamén na Península Ibérica aumenta o alto risco en lugares como Doñana, a desembocadura do Guadalquivir, a costa de Cádiz e Huelva, o delta do Ebro, o estuario do Texo ao norte de Lisboa ou as localidades situadas no esteiro do Miño, entre A Guarda e Caminha.
Un mapa alerta das zonas en grave risco de inundacións futuras por mor do cambio climático e sinala varias áreas con graves afectacións en Galicia
Unha ollada ao mapa amosa como, por exemplo en Vigo, as inundacións cubrirían todo o porto de Bouzas, co mar entrando case un quilómetro sobre o recheo, ou cubrirían o peirao de Guixar. No caso da Illa de Arousa, metade dela, especialmente pola zona sur do parque do Carreirón, quedaría anegada, ao igual que toda a área da desembocadura do Umia, fronte á Illa da Toxa. Nas dunas de Corrubedo, a marea adentraríase máis de quilómetro e medio cara ao interior por riba delas, algo máis que no núcleo urbano da Pobra, que sería seriamente afectado na súa parte máis meridional.
Cabo de Cruz, toda a desembocadura do Ulla –desde Pontecesures a Catoira–, Serra de Outes ou os grandes areais de Carnota serían algunhas das zonas en maior risco. Na Costa da Morte, a parte rural máis achegada á enseada de Laxe ou Ponteceso son tamén sinaladas en vermello polas importantes áreas que sufrirían importantes inundacións dentro duns 30 anos. Tamén o complexo de dunas, lagoa e marismas da praia de Razo quedaría anegado con mareas que alcanzarían zonas de cámpings e urbanizacións, como se pode comprobar no mapa.
O mar cubriría varios peiraos de Vigo e A Coruña e a metade da Illa de Arousa e anegaría as dunas de Corrubedo e parte do núcleo urbano da Pobra ou Betanzos
Na cidade da Coruña, os peiraos de San Diego, da Palloza, de Batería e o de Oza serían os máis ameazados, mentres que Betanzos é unha das vilas onde as inundacións supoñen maior risco, puidéndose adentrar case dous quilómetros cara á parte oeste da localidade. Na ría de Ferrol, as instalacións de Navantia, o Arsenal e a zona de Santa María de Neda están tamén en alerta, ao igual que Pantín ou o sur da parte urbana de Cedeira.
Do mesmo xeito, é especialmente importante a afectación desa suba do nivel do mar no Ortegal, na ría de Ortigueira e Ladrido, ou na Mariña, en poboacións como Viveiro, Xove e Foz, todas elas en risco de sufrir importantes inundacións.
As capas encarnadas do mapa advirten do perigo nun traballo que volve calcular as áreas cun relevo que fai vulnerables as zonas e as persoas que alí viven. A mellora técnica que consegue debullar máis aínda os riscos débese a que, en anteriores análises, as observacións do solo mediante satélites podían interpretar como nivel do terreo as copas das árbores ou os tellados das edificacións.
A nova análise corrixe as observacións que podía interpretar como nivel do terreo as copas das árbores ou os tellados das edificacións
Os analistas de Climate Central, organización independente que xunta científicos e xornalistas na investigación e publicación dos efectos do cambio climático, estima que, dentro de 30 anos, serán 210.000 as persoas que en España vivirán en liñas de costa con inundacións anuais, unha cifra que se elevará ás 340.000 para final do século XXI no caso de manterse en niveis altos pero estables as emisións de CO2. No caso de que a inestabilidade aumente, o número achegaríase ás 700.000.
“Mesmo con recortes drásticos e inmediatos das emisións, o nivel medio do mar subirá medio metro no que queda de século”, explican os responsables do estudo presentado o pasado martes. Galicia, con case 1.200 quilómetros de costa, ten un evidente risco ante o incremento do nivel do mar.
Múltiples consecuencias polo quecemento global
Xa no pasado mes de setembro, a ONU alertou no seu informe especial sobre cambio climático e os océanos que esta medra é imparable, polo que pedía aos gobernos medidas “urxentes e ambiciosas”. As grandes enchentes mariñas, cunha frecuencia dunha vez por século, acabarían sendo en 2050 un fenómeno anual, segundo advertía o documento. As zonas en risco ante esta ameaza son agora sinaladas con máis claridade.
Pero os efectos e ámbitos afectados polo cambio climático son moitos, ao igual que os informes que advirten deles. O Observatorio da Sustentabilidade alertou de que Galicia afronta unha paisaxe mediterránea, con cada vez menos chuvias, tamén para 2050, mentres que no caso dos incendios, son varios os estudos que advirten do maior risco para o país por mor da emerxencia climática, así como dun novo tipo de lume, moito máis daniño e incontrolable. O propio informe da UE alertou tamén de riscos para a agricultura galega polas secas máis “severas”, mentres que unha memoria publicada por Augas de Galicia avisaba tamén dos efectos do quecemento global sobre os asolagamentos, enchentes e zonas inundables ao incrementarse a frecuencia destes fenómenos por mor da maior persistencia de chuvias intensas.