"A produción agrogandeira diminuirá e mesmo terá que ser abandonada en partes do sur de Europa e rexións mediterráneas por mor do incremento dos impactos negativos co cambio climático". É unha das conclusións dun recente informe da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA, polas súas siglas en inglés) que sitúa a adaptación á crise climática como unha máxima "prioridade" para este sector e que, aínda que exclúe Galicia das áreas potencialmente máis afectadas, si sinala o nos país como un dos territorios que debe prepararse para algunhas das súas consecuencias. Nomeadamente, para unha maior escaseza de auga.
O estudo da Axencia Europea do Medio Ambiente sobre o impacto do cambio climático no agro sinala a "maior parte de Portugal e Galicia" como áreas nas que "o incremento da severidade das secas será máis pronunciado"
No apartado dedicado ás secas e á escaseza de auga o informe detalla que a tendencia histórica en Europa no último medio século foi dun incremento dos períodos de seca na área do Mediterráneo e mais no leste do continente. As "proxeccións futuras", arega, apuntan cara a un "incremento da frecuencia e a intensidade" destas secas na propia área mediterránea, pero tamén máis cara ao oeste e o norte.
É neste punto onde o informe se refire especificamente ao caso galego. "Na área mediterránea en particular, incluíndo a maior parte de Portugal, Galicia en España, o norte de Escandinavia e a Turquía mediterránea o incremento da severidade das secas será máis pronunciado", advirte. O informe cita estudos previos para especificar que no conxunto da UE a frecuencia das secas aumentará en primavera e verán, mentres que nas rexións do este diminuirá durante os invernos.
A nivel continental o informe sinala entre as consecuencias do incremento das secas un "aumento da demanda de regadíos" e "conflitos pola demanda de auga entre diferentes sectores"
E, cales serían as consecuencias? Sempre segundo este informe da EEA, as secas afectan "a produción de cultivos e pensos para animais", o cal pode traer consigo, evidencia, unha diminución de ingresos no sector agrogandeiro. Ao tempo, "os episodios de seca aumentarán a demanda de regadíos en Europa", coa consecuente "redución da sostibilidade" dalgúns cultivos e incremento dos "conflitos pola demanda de auga por parte de diferentes sectores". Así e todo, Galicia fica fóra, por exemplo, das áreas na que previsiblemente os terreos agrarios se reducirán de maneira significativa por mor desta causa.
Para ilustrar o escenario a Axencia refírese a un recente estudo que, no marco dun proxecto europeo sobre os impactos económicos do cambio climático, "analizou a propensión a danos pola seca" baseándose nos "futuros cambios nas condicións de humidade do solo" e cruzando estes datos con outras variables como condicións económicas e poboacionais. As proxeccións do período 2021-2050 "comparadas co 1981-2010" sitúan Galicia entre os territorios cun "significativo incremento" do "risco de seca". Mentres, no centro do continente este risco diminuiría, resalta. Concretamente, en Galicia a perda de humidade estaría entre o 12% e o 24%, especialmente na área suroeste, segundo o estudo.
Novas medidas para aforrar auga en Vigo
Cadrando coa publicación deste estudo en Galicia volven xurdir novas a respecto das restricións de auga mesmo tras un verán que, como acredita Meteogalicia, non foi especialmente seco. Non en van, o recente avance do informe climatolóxico do pasado agosto indica que a "normalidade marcou Galicia" no referido ás chuvias "en contraste coa situación que se viviu durante os últimos tres veráns, marcados pola escaseza" de precipitacións.
O Concello de Vigo reduce o baldeo das rúas como medida de precaución; serán eliminados cando os encoros de abastecemento da cidade estean a menos do 70% da súa capacidade
Así e todo, un dos puntos nos que os problemas de seca veñen sendo recorrentes nos últimos anos, a cidade de Vigo, xa advirte de potenciais problemas. Así, este luns o alcalde vigués, Abel Caballero, anunciaba que dende esta mesma semana "os baldeos de auga nas rúas quedarán reducidas a días alternos como medida de aforro".
Esta restrición, segundo Caballero, é preventiva xa que "os encoros que abastecen a cidade" están nunha mellor situación que hai un ano. "Eiras atópase ao 79,05% e Zamáns, ao 74%", isto é, un e sete puntos por riba de 2018. "Estamos mellor que hai un ano, pero agora mesmo empezamos a tomar medidas", que serán máis restritivas cando "o nivel de ocupación chegue ao 70%", momento no que "serán eliminados totalmente os baldeos".