A Illa de Arousa será un dos 26 territorios europeos pioneiros na transición cara ás enerxías limpas

A Illa de Arousa CC-BY Gabriel González

Hai dous anos a Comisión Europea lanzou a iniciativa Clean Energy for EU Islands co obxectivo de impulsar unha serie de proxectos piloto de transición cara ás enerxías limpas en territorios insulares da Unión Europea. Veñen de facerse públicas as 26 candidaturas seleccionadas e a presentada pola Illa de Arousa é unha das seleccionadas, acompañando a outras catro no Estado Español (Palma, Ibiza, Menorca e Mallorca), dúas en Portugal (Azores e Culatra), ademais de illas gregas, irlandesas, croatas, finesas, británicas, francesas, italianas ou suecas.

A Illa de Arousa será un dos 26 espazos insulares europeos que servirán de modelo no proceso de transición enerxética

O proxecto galego foi presentado polo Concello da Illa de Arousa e conta coa colaboración dunha quincena de entidades, entre elas a cooperativa enerxética Nosa Enerxía, ademais da unión de cooperativas enerxéticas Unión Renovables, a axencia enerxética da Deputación da Coruña (FAEPAC), o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, a confraría e a asociación das mariscadoras, xunto con todos os centros de ensino da localidade e outros colectivos culturais e ambientalistas.

Entre o verán do ano 2020 e o 2030 levaranse a cabo coa colaboración da Unión Europea unha serie de actuacións que buscan fomentar a mobilidade sostible, a redución de emisións, a eficiencia enerxética, a reciclaxe e a compostaxe, ademais da conservación dos espazos naturais o a concienciación ambiental. Gabriele von Hundelshausen, concelleira de Medio Ambiente da Illa de Arousa, destacou que "pretendemos entre todos e todas definir os obxectivos a acadar e buscar o financiamento para realizar proxectos orientados en contaminar menos, xerar a nosa propia enerxía limpa e mitigar os efectos do cambio climático no que está nas nosas mans".

Levaranse a cabo unha serie de actuacións que buscan fomentar a mobilidade sostible, a redución de emisións, a eficiencia enerxética, a reciclaxe e a compostaxe

Entre as "boas prácticas" que se impulsarán están o fomento do uso da bicicleta e os desprazamentos a pé, ademais da plantación de árbores autóctonas. Así mesmo, avanzarase na instalación de LED no alumbrado público e na optimización de bombeo das augas residuais. Levarase a cabo a instalación dunha caldeira de biomasa no Campo de fútbol e no Museo da Conserva, e dunha xeotérmica na Escola de Pau. Igualmente, mellorará a conservación do espazo natural protexido pola Rede Natura 2000 O Carreirón, zona de especial protección para as aves.

O proxecto fomentará a mobilidade sostible na Illa de Arousa © https://www.piraguilla.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.