"Hai que apostar pola mobilidade sostible e por non depender do petróleo. Somos o país do Nunca Máis"

Pablo Álvarez, presidente de Nosa Enerxía © Nosa Enerxía

A cooperativa eléctrica galega Nosa Enerxía presentou este martes no Auditorio de Rianxo o seu servizo de mobilidade con coche eléctrico. A entidade adquiriu un vehículo eléctrico que poderán empregar, previa reserva, todas as persoas socias e que quere ser, ademais, un elemento de promoción dos coches sen combustión e, en xeral, da mobilidade sustentable e dun novo modelo enerxético.

"Por primeira vez unha compañía enerxética pon a disposición das súas persoas socias consumidoras a opción de mobilidade cun coche eléctrico, garantindo un gran aforro económico e baseado nun novo modelo enerxético sostible e empregando enerxía renovable", destaca a cooperativa, que lembra que "o gasto medio en combustible dunha familia é de 1.200 euros ao ano".

Nosa Enerxía fíxose por 16.000 euros cun Sono Motor Sion, un vehículo fabricado por unha start-up alemá coa que a cooperativa galega ten un acordo de cooperación. O coche conta cunha autonomía de 250 quilómetros, ademais de placas solares que lle permiten recargar as baterías cando está aparcado. "Interésanos porque non é unha multinacional e incide moito nos aspectos medioambientais", destaca Pablo Álvarez, presidente de Nosa Enerxía.

"Nas localidades nas que os Concellos son socios da cooperativas, como Rianxo, Ames, Moaña ou San Sadurniño, a cidadanía poderá ter tamén o coche á súa disposición"

O coche poderá ser alugado, previa reserva, por todas as persoas socias da entidade (na actualidade 585), tanto persoas físicas como xurídicas. "Isto significa que nas localidades nas que os Concellos son socios da cooperativas, como Rianxo, Ames, Moaña ou San Sadurniño, a cidadanía poderá ter tamén o coche á súa disposición", sinala Álvarez. Na presentación deste martes en Rianxo estivo presente o propio alcalde da vila, Adolfo Muíños.

O prezo diario do alugueiro do vehículo será moi baixo, entre 5 e 7 euros, que inclúe o pagamento dos custos de xestión e do seguro. Con todo, nunha fase inicial, unicamente as persoas socias que están no grupo promotor (116) poderán facer uso deste servizo. O obxectivo de Nosa Enerxía é ir adquirindo máis vehículos, en función da demanda dos socios e socias, para que cando menos haxa un en cada cidade galega.

"Os vehículos eléctricos vanse ir impoñendo, pero dende Nosa Enerxía queremos darlle un modelo de xestión diferente", explica Pablo Álvarez. "Nós non promovemos que o coche de gasolina sexa substituído polo coche eléctrico sen máis. Hai que fomentar que a xente se mova andando, en bicicleta e en transporte colectivo. E, cando se necesite, en coche eléctrico", di.

"Ata agora moitas das iniciativas de fomento da mobilidade en vehículos eléctricos veñen poñéndose en marcha sen ter en conta a xente ou lánzanse nas grandes cidades do Estado e despois chegan a Galicia de rebote"

Nosa Enerxía fomenta, ademais, que a carga eléctrica se realice sempre "con enerxía renovable, non con enerxía procedente da central das Pontes e outras térmicas ou con enerxía nuclear", subliña. "Todos os socios e socias de Nosa Enerxía teñen enerxía exclusivamente renovable nos seus fogares. Se é fóra da casa, queremos promover en concellos e outras entidades que se comprometan a ofrecer puntos de recarga de enerxía renovable", explica, engadindo que "este coche será tamén un elemento de promoción e fomento dun novo modelo enerxético".

"É a primeira vez que dende unha cooperativa enerxética se fai unha aposta tan clara polo fomento do coche eléctrico", destaca o presidente de Nosa Enerxía para rematar. "Ata agora moitas das iniciativas de fomento da mobilidade en vehículos eléctricos veñen poñéndose en marcha sen ter en conta a xente ou lánzanse nas grandes cidades do Estado e despois chegan a Galicia de rebote", di. "Hai que apostar por unha mobilidade sostible e por non depender do petróleo. É importante lembrar que somos o país do Nunca Máis", conclúe.

 

Nosa Enerxía adquiriu un Sono Motor Sion para que sexa empregado polas súas persoas socias © Sono Motor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.