Moaña licita de forma aberta e con cláusulas sociais o seu contrato eléctrico, co que Naturgy recibía 420.000 euros anuais

Casa do Concello de Moaña CC-BY-SA Estevoaei

O Pleno do Concello de Moaña aprobou na súa sesión ordinaria do pasado xoves 25 de outubro a licitación da subministración de toda a enerxía eléctrica que consome o Concello: alumeado público, edificios municipais e colexios públicos. Este contrato viña supoñendo ao redor de 420.000 euros anuais que nas últimas décadas viñan sendo entregados de forma automática á mesma compañía eléctrica (cos seus sucesivos nomes Fenosa, Gas Natural, Naturgy). O Goberno local destaca que é a primeira vez que se vai licitar de forma aberta este contrato, rachando cunha "inercia" que impedía "negociar un prezo ou condicionar a orixe da enerxía", e do que saía beneficiada esa multinacional.

Este contrato viña supoñendo ao redor de 420.000 euros anuais que nas últimas décadas viñan sendo entregados de forma automática a Gas Natural-Fenosa

Os pregos que se levan a pleno son o resultado do traballo do Instituto de Sustentabilidade Enerxética (ISENER) contratado polo Concello para realizar unha análise do consumo enerxético municipal.

A proposta de licitación prevé a división do contrato en 5 lotes en función das diferentes tarifas reguladas na normativa do sector eléctrico. Establécese que unha empresa non poderá ser adxudicataria de máis de dous lotes. Con esta limitación, o goberno de Moaña persegue o obxectivo de favorecer a participación das pequenas e medianas empresas e evitar, polo tanto, a concentración da riqueza e o poder económico nas grandes compañías multinacionais.

Con esta licitación o goberno de Moaña persegue ademais un aforro económico, consecuencia directa de promover unha concorrencia pública e aberta entre as empresas comercializadoras que operan no sector eléctrico. A proposta de licitación elévase aos 407.293,51 euros anuais, un aforro de cando menos 19 mil euros (un 4,5%), se temos en conta que a media dos contratos dos tres últimos anos foi de 426.334,84 euros.

Os pregos están redactados buscando, en primeiro lugar, a sustentabilidade e respecto ao medio, introducindo como requisito que a subministradora conte con etiqueta eléctrica tipo A que garante que a enerxía foi producida cun impacto ambiental mínimo. Entre 2015 e 2017 o Concello de Moaña reduciu o seu consumo eléctrico un 22,6%.

Un dos requisitos é que cando menos o 50% das novas contratacións deban estar cubertas por mullere e que a metade das mulleres contradas ocupen postos de traballo cualificado

Introdúcense ademais numerosas cláusulas sociais. Un dos requisitos é que cando menos o 50% das novas contratacións durante o proceso de execución do contrato deban estar cubertas por mulleres. Deberán ademais realizarse un mínimo do 10% con base á reinserción laboral de mulleres en condicións especiais (con discapacidade funcional, vítimas de violencia de xénero entre outras). Tamén se require unha presenza feminina mínima do 50% nas novas contratacións ou promocións para os postos de traballo cualificados, de responsabilidade ou xerencia da entidade (e subcontratas vinculadas).

O Concello de Moaña prevé aforrar un mínimo de 19 mil euros anuais

Ademais requiriráselle ás empresas que resulten adxudicatarias a existencia de medidas específicas de conciliación familiar durante a duración do contrato, dirixidas especificamente a homes e familias de unha única persoa proxenitora. Tendo en conta que o sector eléctrico está altamente masculinizado, o goberno de Moaña quere avanzar con estas medidas na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e fomentar a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.