Emerxencia, Dependencia. Ese é o nome da Plataforma por unha Atención Digna á Dependencia que foi presentada este luns en Compostela e que xunta para "facer fronte común" a organizacións sociais, sindicais e políticas.
Co obxectivo de reclamar e reivindicar a "necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte", a plataforma analizou a situación en Galicia e deu conta das propostas coa que pretende "dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia" e "colapso".

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (Asgaded), BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, Colexio de Psicoloxía, Colexio de Terapia Ocupacional, Colexio de Traballo Social, CUT, Esquerda Unida, Modepen, o Sindicato Labrego Galego, Podemos e PSdeG forman parte dun colectivo que anunciou xa que solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e mais cos grupos parlamentarios para que inclúan as súas propostas como emendas nos Orzamentos da Xunta para 2026.
Ademais, a plataforma anunciou tamén da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos Orzamentos. Outra forma de reclamar "medidas urxentes".
A plataforma denuncia que a reforma da lei de Servizos Sociais "reduciu o dereito dos galegos e galegas aos servizos sociais"
O colectivo denuncia que a reforma "unilateral" da lei de Servizos Sociais aprobada pola Xunta a principios de ano, "lonxe de mellorar a situación da atención á dependencia", reduciu "o dereito dos galegos e galegas aos servizos sociais". "Foi pola porta de atrás, aproveitando a lei de acompañamento, para evitar así a consulta e participación dos axentes sociais", denuncia.
Neste sentido, aseguraron que nin sequera se convocou o Consello Galego de Benestar Social, órgano consultivo e de participación en materia de servizos sociais, e mesmo se aproveitou o mesmo sistema da lei de acompañamento para deixalo sen competencias.

393 días de espera media
Representantes da plataforma explicaron que desde xaneiro de 2025 quedaron unificadas as solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, “o que trata as valoracións profesionais como un simple trámite ou acto administrativo” e constitúe “un ataque aos dereitos da cidadanía, de ter uns servizos sociais dignos e de calidade. "As solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo, provocando a desigualdade no acceso aos recursos”, aseguran.
En canto ás cifras, o colectivo denunciou que a dia de hoxe unha persoa dependente en Galicia ten que agardar de media 393 días para obter as prestacións que ten recoñecidas, "unha semana máis que en decembro de 2024 e máis do dobre do que di a lei, que fixa en 180 días o tempo máximo de tramitación".
Ademais, engaden, “hai case 1.700 persoas agardando por un servizo ou prestación á que teñen dereito recoñecido por lei, case 200 persoas máis que en decembro de 2024”. Segundo di a plataforma, no que vai de ano “faleceron en Galiza máis de 55 persoas agardando pola dependencia”, que se suman ás máis de 7.000 que faleceron na lista de espera desde 2017.
Rueda destaca que a Xunta resolveu máis de 56.000 expedientes de dependencia e discapacidade no que vai de ano, case un 100% máis que o ano pasado
Por outra banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión do Consello que o Goberno galego resolveu favorablemente máis de 56.000 expedientes de dependencia e discapacidade no que vai de ano, o que supón un 99% máis que no mesmo período de 2024.
Segundo destacou, en xullo e agosto rexistráronse 12.000 novas altas no sistema, o que supón o dobre de persoas atendidas con respecto ao verán anterior.