Galicia é a autonomía que menos inviste por persoa dependente

Dúas mulleres anciás camiñan coa axuda dunha terceira por unha rúa de Santiago CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Galicia está entre as comunidades autónomas que menos achegaron ao sistema de dependencia no pasado ano 2024, sendo ademais o territorio que menos inviste por persoa potencialmente dependente. Todo cando o Estado reduciu tamén a súa achega ao financiamento, afastándose esta de novo do 50% que lle marca a lei e quedar no 35%. 

A achega de Galicia á dependencia sitúase no 65,1%, só por riba de La Rioja e Castilla y León

Son algunhas das principais cifras que se tiran dos datos sobre o financiamento da dependencia recompilados pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, que aínda non foron feitos públicos polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. 

Segundo estes datos, a Xunta de Galicia achegou un 65,1% do financiamento ao sistema de dependencia fronte ao 72,9% de media no conxunto das autonomías e só por riba de La Rioja (61,4%), Castilla y León (63,2%) e empatada con Andalucía. A porcentaxe no país queda moi lonxe do 84% de Euskadi ou do 81% de Navarra. 

Tal e como explica a entidade, o Goberno central, malia aumentar a súa achega en máis do 5% en 2024, reduciu ao 27% (punto e medio menos) a súa porcentaxe de financiamento da dependencia global ao non producirse un incremento orzamentario neste ámbito e tras dous anos sen aprobarse novas contas. Así, dun total de 12.843 millóns de euros de investimento público en Atención á Dependencia en 2024, as comunidades autónomas achegaron 9.365 millóns (13,8% máis que en 2023).

A achega do Estado á dependencia pasou dos 95 millóns de 2020 aos 222 de 2024, un 35% do total, lonxe aínda do 50% que fixa a lei

Atendendo ás bases de datos do Imserso, no ano 2020 chegaran a Galicia algo menos de 95 millóns do Estado para financiar as prestacións da lei de dependencia, o que supuña apenas un 23% do gasto total en Galicia, polo que case o 80% era asumido pola Xunta. Foi daquela cando o Executivo estatal puxo en marcha o seu "plan de choque" na materia: en 2021 financiou estes servizos en Galicia con 140 millóns, en 2022 ascendeu ata os 162 e en 2023 chegou aos 209,5 acadando un 40,69% do total do gasto certificado neste ámbito no noso país. No pasado 2024 o Ministerio transferiu, segundo os datos dos xerentes en Servizos Sociais, un total de 221,8 millóns, que supoñen o 34,9%, situándose así o país como o territorio onde máis achega o Estado en termos porcentuais, só superado por Castilla y Léon. 

A nivel xeral, o investimento do Goberno central en dependencia de case 3.500 millóns supón triplicar os 1.130 asignados hai unha década, en 2014. "Non hai precedentes dun esforzo fiscal así e ímolo manter até cumprir co acordo de goberno para financiar o 50% do sistema", explicou este martes o ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, tras anunciar en rolda de prensa a aprobación en Consello de Ministros do proxecto de lei para reformar, precisamente, a lei de Dependencia. 

É esa lexislación a que marca a vontade, segundo ficou expresado en abondosas ocasións, de repartir a carga económica deste dereito á dependencia ao 50% entre Goberno de España e autonomías. Non obstante, isto nunca sucedeu nin en Galicia nin non resto do Estado.

Sexa como for, e segundo os datos da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, Galicia sitúase á cola entre as comunidades autónomas tendo en conta o investimento en dependencia por persoa potencialmente dependente. 

Galicia é a autonomía que menos inviste por persoa dependente: 1.317 euros fronte aos case 2.000 de media estatal ou os case 2.900 de Euskadi

Son 1.317 euros por persoa potencialmente dependente os que achega a Xunta, fronte aos case 2.000 euros de media de todos os territorios ou os 2.845 euros de Euskadi e os 2.779 de Extremadura. 

En canto ao gasto anual medio por persoa beneficiaria, a media estatal é de 8.592 euros, dos que a Administración Xeral do Estado achegou 2.327 en concepto de nivel mínimo de protección e as comunidades autónomas 6.267. No caso de Galicia, o gasto ao ano sitúase nos 8.392 euros, algo por baixo da media e só por riba de cinco territorios. 

Ademais, e se temos en conta o investimento por habitante, Galicia tampouco sae moi ben parada dos datos. A cifra elévase aos 235,4 euros, superando unicamente a Murcia e as Canarias e lonxe dos 268 euros de media no Estado. 

53,4 millóns para a dependencia

Por outra banda, precisamente este martes o Goberno de España autorizou no Consello de Ministro a proposta do Ministerio de Dereitos Sociais de destinar 52,5 millóns de euros a Galicia para financiar o sistema de dependencia dentro do investimento total para transferir a todas as comunidades e cidades autónomas, de 783,2 millóns para o financiamento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). 

"Revalida o récord histórico de 2023 e 2024 para financiar o SAAD, incrementando en ata 500millóns máis a dotación orzamentaria que houbo en 2021", destaca o Executivo central. 

Tamén neste martes, a Xunta anunciou o seu obxectivo de chegar este ano ás 90.000 persoas dependentes atendidas logo de superar as 84.000 con servizo, o que supón un incremento do 12% a respecto de hai un ano. 

Segundo destaca o Goberno galego, no primeiro semestre de vixencia do Plan de mellora da dependencia e discapacidade resolvéronse de maneira favorable 42.559 expedientes, un 95 % máis que no mesmo período do ano anterior. Ademais, destaca a Xunta, neste tempo implantouse a valoración automática do grao III de dependencia para as situacións máis graves e a posibilidade de que as valoracións se fagan directamente nas residencias públicas por parte do persoal sanitario.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.