O Estado achégase por primeira vez ao financiamento da dependencia en Galicia que lle marca a lei

Unha residente nun centro da terceira idade da Xunta en Carballo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A lei de dependencia fixa que o Estado debe asumir o 50% do custo das prestacións canda ás autonomías, pero nunca sucedeu. No último ano completo en Galicia superou por primeira vez o 40%

A lei de dependencia do ano 2006 supuxo un relevante paso adiante ao estender por primeira vez as obrigas legais das Administracións cara á poboación nesta situación, quer por unha situación de discapacidade, quer por razón de idade. Entre as súas múltiplas disposicións figuraba que o financiamento da asistencia á poboación en situación de dependencia por parte das comunidades autónomas tería que ser, como mínimo, "igual á da Administración Xeral do Estado".

A vontade da lexislación, segundo ficou expresado en abondosas ocasións, pasaba por repartir a carga económica deste dereito ao 50% entre Goberno de España e autonomías. Non obstante, isto nunca sucedeu nin en Galicia nin non resto do Estado. No entanto, os datos máis recentes indican que a achega estatal está, no caso galego, aproximándose por primeira vez ao limiar que lle marca á lei. 

Estas cifras volveron estar sobre a mesa nos últimos días por unha dupla vía. Por unha banda, coa reclamacións realizadas pola portavoz nacional do BNG ao presidente da Xunta. Na sesión de control parlamentaria do pasado mércores, Ana Pontón instou a incrementar os fondos en prestacións da dependencia coma o Servizo de Axuda no Fogar -"de 12 a 20 euros por hora", reclama-, ao que Alfonso Rueda retrucou reclamándolle que "bote unha man" e, canda el, reclame ao Estado "que cumpra a súa parte" xa que, acusou, "nunca" o fixo. "Está na lei de dependencia", enfatizou, chegar ao devandito 50% de financiamento. O Bloque, pola súa banda, resaltou que nos seus acordos de investidura co PSOE incluíu, precisamente, un incremento destes fondos.

Ao abeiro do plan de choque iniciado en 2020, a achega estatal pasou de 95 a 209 millóns ao ano, subliña o ministro Pablo Bustinduy tras reunirse coa conselleira Fabiola García. Rueda insta a Pontón a que o BNG esixa máis fondos ao Estado e a líder da oposición lembra que xa o fixo

Ese debate no Parlamento celebrábase apenas dúas horas antes de que, en Madrid, a conselleira de Política Social se reunise co seu homólogo o Goberno de España, o ministro de Dereitos Sociais. Tras ese encontro con Fabiola García, Pablo Bustinduy puxo o foco en datos xa divulgados nos últimos meses e que veñen sinalar, en cifras redondas, que "o Goberno de España duplicou a achega de ondos para dependencia a Galicia dende 2020".

Atendendo ás bases de datos do Imserso, no ano 2020 chegaran a Galicia algo menos de 95 millóns do Estado para financiar as prestacións da lei de dependencia, o que supuña apenas un 23% do gasto total en Galicia, polo que case o 80% era asumido pola Xunta. Foi daquela cando o Executivo estatal puxo en marcha o seu "plan de choque" na materia, que Pontón liga co devandito pacto de investidura: en 2021 financiou estes servizos en Galicia con 140 millóns, en 2022 ascendeu ata os 162 e no último ano completo chegou aos 209,5 acadando un 40,69% do total do gasto certificado neste ámbito no noso país. Ata outubro deste 2024 o Ministerio transferira 193,8 millóns.

Defende Bustinduy que o obxectivo do seu departamento é "seguir incrementando esta achega" ata cumprir co 50% legal, se ben para facelo "cómpre que se aproben uns novos Orzamentos Xerais do Estado". En calquera caso, sostén, o actual Goberno de España "levou a cabo un incremento sen precedentes do financiamento, xusto o contrario do que fixo o Goberno de Rajoy". 

Política Social asegura que 2024 rematará coa Xunta asumindo o 70% do custo. O Ministerio mantén que a súa intención é chegar ao 50% pero para facelo, sinala, cómpren uns novos Orzamentos do Estado

No último exercicio completo co PP no Goberno de España, segundo o Imserso, a achega para dependencia en Galicia foran 84 millóns (menos do 25% do custo). Nos anos 2013 e 2014, cando o Executivo de Mariano Rajoy impuxera unha moratoria para a entrada no sistema de persoas en situación de dependencia moderada -aludindo razóns orzamentarias en plena vaga de recortes sociais- a achega estatal á Xunta caera ata 66 millóns e medio, cubrindo apenas dous de cada dez euros do gasto total.

Por parte da Xunta a conselleira García mantén que neste 2024 a balanza volverá acabar desequilibrada, con "aproximadamente un 70%" dos fondos da dependencia procedentes "das arcas autonómicas" xa que, asegura, o montante total ascenderá a arredor dos 655 millóns de euros. Por ese motivo, subliña, no encontro con Bustinduy reclamou que "o Goberno central aborde canto antes o financiamento estrutural da dependencia e achegue o 50% dos fondos". Non facelo, calcula o Goberno galego, supón unha "débeda acumulada" duns 2.500 millóns de euros.

Á espera de coñecer os datos finais de 2024, un recente informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais analizou o impacto do devandito plan de choque e tamén o xeito de proceder das diferentes comunidades autónomas ao respecto. Ese documento, como informou Praza.gal, concluía que no período 2020-23 Galicia fora unha das tres autonomías que reducira as súas achegas reais á lei da dependencia aproveitando o incremento dos fondos estatais. Mentres, na media estatal o orzamento da dependencia acumentara un 9,40%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.