A lei de dependencia sinala que o seu financiamento dependerá ao 50% do Goberno de España e das autonomías, pero a Administración Xeral do Estado nunca chegou ata agora a completar a súa metade
A finais do pasado agosto algo máis de 77.000 persoas tiñan recoñecido en Galicia o dereito a recibir prestacións ao abeiro da Lei de Dependencia, un 3% máis ca un ano antes, segundo datos oficiais do Imserso. En total, recibían algo máis de 99.000 prestacións -cada persoa pode ser destinataria de máis dunha-. Case 1.400 tiñan o dereito recoñecido, pero estaban pendentes de recibir a axuda -achega económica ou servizo-, unha redución de case 700 a respecto de doce meses antes.
Os servizos de atención á dependencia están regulados por unha lei estatal dende o ano 2006. A pioneira norma establece, entre outros preceptos, que a achega das comunidades autónomas a estes servizos e prestacións terá que ser, como mínimo, "igual á da Administración Xeral do Estado". En realidade, este reparto ao 50% nunca chegou a producirse e o groso do esforzo orzamentario segue nas mans das autonomías.
Así e todo, dende o ano 2020 o "plan de choque" posto en marcha polo Goberno de España tende a equilibrar a balanza. A mudanza, non obstante, non ten a mesma resposta en todos os territorios. Algúns, segundo destaca a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais nun informe feito público este 23 de setembro, aproveitaron que o Ministerio de Dereitos Sociais achegou máis fondos para manter ou mesmo aumentar os seus e así dotar o sistema de máis orzamento. Outras, no entanto, optaron por "facer caixa" e "aliviar as arcas autonómicas no lugar de incrementar a atención a persoas dependentes".
O achegado polo Estado ao sistema de atención á dependencia aumentou un 138% en tres anos. O total do financiamento das autonomías avanzou un 9%, pero en Galicia retrocedeu un -2%. A Xunta, lamenta a Asociación de Directoras de Servizos Sociais, aproveitou para "facer caixa"
Así sucedeu en tres casos e Galicia é un deles. A situación galega é "especialmente sangrante", considera a asociación autora do informe, por ser "a comunidade cunha porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente", un 16% fronte a unha media estatal do 23%.
O informe chega a esta conclusión tras analizar o gasto público en atención á dependencia dende 2020 e ata 2023, isto é, no período no que o plan de choque estatal trouxo consigo "un incremento do 138%". Mentres, nese período a achega total das autonomías aumentou arredor do 9%, pero non en todas por igual. Balears, Asturias e Navarra disparáronse por riba do 30% de incremento mentres Aragón, Galicia e Castilla y León diminuían os seus orzamentos nese trienio.
Atendendo aos datos do informe da Asociación de Directoras e Xerentes e ás bases de datos do Imserso, o retroceso dos fondos da Xunta para atención á dependencia nese período estivo na contorna do 2%. E debeuse, fundamentalmente, a unha diminución en 2021. Tras pechar 2020 -o primeiro ano completo atinxido pola COVID- con 311,8 millóns inxectados no sistema de atención á dependencia, no 2021 o Goberno galego destinou 289,2. En 2022 volveu a senda á alza (298,7) e en 2023 acadou os 305,4 millóns.
O financiamento estatal da lei de dependencia aínda non chega ao 50% en Galicia, pero o pasado ano superou o 40%, case vinte puntos máis que co PP de Rajoy
Isto quere dicir que mentres a parte estatal do financiamento da dependencia en Galicia aumentaba en 114,6 millóns de euros (segundo datos do Imserso) ata chegar aos 209,5 millóns en 2023, a parte fornecida pola Xunta minguaba en 6,4 millóns. Deste xeito, o sistema foi nese ano financiado no noso país case nun 60% dende o Goberno galego e algo máis dun 40% foi financiamento estatal. En total, algo máis de 500 millóns de euros.
O 40% de financiamento estatal da lei de dependencia en Galicia en 2023 é menos do limiar do 50% fixado pola lei -e no pacto de Goberno do PSOE con Sumar-, pero supuxo un incremento de case 20 puntos en apenas tres anos. Atendendo á base de datos do Imserso, que se remonta a 2012, o ano con maior financiamento estatal en Galicia durante os mandatos do PP de Rajoy, o 2016, o apoio estatal quedou no 26,21%.
O devandito estudo reflicte, asemade, notables disparidades nestas porcentaxes de financiamento da lei de dependencia entre comunidades autónomas. Mesmo deixando fóra Euskadi e Navarra (os seus sistemas de concerto económico disparan a achega autonómica por riba do 80%), estas proporcións van dende algo máis do 40% de fondos estatais para a dependencia en La Rioja ou Galicia a apenas o 20% en Catalunya, a Comunitat Valenciana ou Extremadura.
O ministro Bustinduy mantén que o obxectivo do Executivo do PSOE e Sumar segue sendo chegar ao 50% de financiamento. A Consellería de Política Social mantén que a prórroga dos Orzamentos do Estado privou a Galicia duns 50 millóns adicionais para este ano
Ata xuño deste 2024, o Ministerio de Dereitos Sociais xa transferira a Galicia 138,6 millóns de euros para o sistema de atención á dependencia, isto é, máis da metade do achegado no ano anterior. O montante total, non obstante, será semellante ao de 2023 por mor da prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado.
Con esta limitación orzamentaria, o pasado xullo o Ministerio deu luz verde a unha nova distribución global de 783 millóns dos que 49,7 corresponderon a Galicia. Segundo o ministro, Pablo Bustinduy, "o obxectivo" segue sendo "que o Goberno de España siga aumentando a cifra ata acadar o 50% do financiamento total en cada territorio". O pasado abril a conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmaba que esa prórroga orzamentaria supuña que a Galicia deixasen de chegar uns 50 millóns adicionais.