A defensora do pobo pon o foco na lista de espera de persoas con gran dependencia, con "anos" de demora para lograr unha praza e "falecementos sen chegar a recibir atención"
A demora para que unha persoa con dependencia e co dereito recoñecido a unha praza nunha residencia pública ou concertada acabe ocupando efectivamente esa praza pode ser de "anos", o que fai que "se dean falecementos sen chegar a recibir atención". Así o reflicte a Valedora do Pobo no seu último informe anual, feito público este venres. Unha situación que se vén mantendo desde hai anos pero á que desta volta a Valedora engade novos matices.
"As queixas máis numerosas e relevantes por lista de agarda de dependencia son as relativas as prazas residenciais", di a Valedora. Pero ante as súas xestións por demoras en obter unha praza, o Goberno galego respondeulle en varias ocasións que xa está a traballar para ampliar a oferta grazas ás novas residencias que a Fundación Amancio Ortega vai doar á Xunta nas sete cidades. Porén, a Valedora advirte de que "cando estean en funcionamento esas prazas aínda serán insuficientes para atender ás persoas con gran dependencia".
Foi en febreiro de 2017, hai sete anos e medio, cando o daquela presidente Feijóo anunciou que a Xunta faría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades que sumarían máis de 900 novas prazas públicas. Un pequeno engadido ás 22.000 prazas en residencias de maiores que hai en Galicia: Unhas 4.500 públicas, 10.000 concertadas ou subvencionadas e o resto privadas.
Sete anos e medio despois o Goberno galego non fixo esas residencias prometidas senón que foi a Fundación Amancio Ortega quen decidiu construílas para despois doalas á Xunta. Só están rematadas dúas, as de Santiago e Lugo, con 120 prazas cada unha que aínda agora están comezando a ocuparse. Esas mesmas prazas terán as residencias de Ourense, Pontevedra e Ferrol, mentres que as de Vigo e A Coruña contarán con 150 prazas.
"Mesmo despois da posta a disposición das novas prazas as listas de espera seguirían tendo persoas con gran dependencia, polo que o aumento de prazas debera ir máis aló", di a Valedora
Esas futuras prazas doadas pola Fundación Amancio Ortega e outra residencia pública en Ribeira son esgrimidas pola Consellería de Política Social para responder ás queixas da Valedora do Pobo asegurando que a Xunta "incrementou progresivamente as prazas públicas de atención residencial" con "máis de 1.000 novas prazas públicas". Pero a Valedora considérao insuficiente.
"Comprobamos que mesmo despois da posta a disposición das novas prazas [...] as listas seguirían tendo persoas con gran dependencia, polo que a planificación do aumento de prazas debera ir máis aló do previsto con esas sete novas residencias", di o informe anual.
No documento detállanse casos concretos, como o dunha persoa con praza residencial pública aprobada en maio de 2022 que na lista de espera estaba "cada vez en postos máis atrasados na área da Coruña", chegando ao lugar 205, e que se viu obrigada a ampliar o ámbito xeográfico da súa solicitude a toda Galicia, "a pesar do cal aínda se atopaba no posto 111". A consellería respondeu, como noutros casos, salientando as novas prazas que se van crear, pero a Valedora replica que "a residencia prevista na Coruña terá 150 prazas e descoñécese cando se poñerá en marcha", engadindo que "as prazas citadas non cubrirán a demanda recoñecida".
"A través de diferentes queixas apreciouse que cando estean en funcionamento esas prazas aínda serán insuficientes para atender ás persoas con gran dependencia, polo menos en determinadas áreas", engade a Valedora, que conclúe que "as listas de agarda poñen de relevo a insuficiencia das prazas residenciais públicas e concertadas". Por iso, recomenda "o incremento das prazas ofertadas para axustalo á demanda aprobada mediante os programas de atención".
A Valedora anuncia que abrirá actuacións de oficio e visitará residencias para controlar o emprego de contencións físicas sen xustificar ou indebidamente prolongadas
O informe anual da Valedora tamén reflicte outros varios problemas persistentes ligados á dependencia e ás residencias de maiores. Entre outras cuestións censura a aplicación de contencións físicas sen xustificar ou indebidamente prolongadas, ante o que anuncia a súa intención de "iniciar actuacións de oficio e visitas ás residencias de maiores, persoas con discapacidade e outros centros para coñecer a situación global das suxeicións e tentar resolver os supostos de mala praxe que poidan detectarse".
E no que ten que ver con supostas deficiencias en centros, o informe lamenta que a Xunta se limitase a comprobar o cumprimento normativo e non a avaliar a calidade de vida ante denuncias recibidas sobre a residencia de maiores de Chandrexa de Queixa ou a de Santa Marta de Vigo.