Un residente atado ou comida escasa: o TSXG confirma unha multa de 38.000 euros a unha residencia de maiores de Ourense

Detalle das mans dunha persoa anciá Dominio Público Xunta

O centro impuxo unha medida de contención física non autorizada a un residente, servía comida insuficiente, non garantía a presenza física de persoal de enfermería as 24 horas e obstruíu a inspección da Xunta 

[Esta información foi actualizada o 27/9/2024, cando Praza.gal foi coñecedora do nome da entidade condenada, Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima]

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou este luns de que vén de confirmar unha multa de 38.000 euros imposta pola Xunta a unha fundación, inicialmente non identificada, por cometer seis infraccións na xestión dunha residencia de maiores de Ourense, unha delas moi grave. [Tras a publicación inicial desta información o 26 de agosto, o 27 de setembro Praza.gal logrou averiguar o nome da entidade condenada, a Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima, que ten unha residencia no Barco de Valdeorras].

En concreto, a administración pública impuxo unha multa de 15.001 euros por cometer unha infracción moi grave ao aplicar a un residente unha medida de contención física tipo chaleco de suxeición en cadeira, sen prescrición médica nin consentimento informado.

Unha coidadora, xunto a un home nunha residencia de maiores CC-BY-NC-SA Mathias Zommer

A Xunta tamén detectou tres infraccións graves. Así, sancionouna con 3.001 euros por non respectar o menú exposto e pola escaseza da comida que se servía; con 15.000 euros por non garantir a presenza física de persoal de enfermería durante as 24 horas; e con 3.001 euros por obstrución ao labor inspector.

Por último, tamén se impuxeron dúas sancións por infraccións leves de 1.000 euros cada unha por non presentar no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais as memorias de actividades da entidade dos anos 2016, 2017 e 2018 e polas deficiencias estruturais ou de acabado nos locais e nas instalacións, no mobiliario ou nos útiles, así como no seu funcionamento, sen que diso derivase un risco para as persoas usuarias.

O tribunal considera que o recurso da residencia non é quen de tombar "as circunstancias persoalmente observadas polos inspectores"

O TSXG rexeitou a nova valoración das probas que reclamaba no seu recurso a fundación que rexe a residencia e considera que as súas alegacións e probas en sentido contrario "non se acolleron suficientes" para tombar "as circunstancias persoalmente observadas polos inspectores, determinantes de accións ou omisións tipificadas na lei como infracción". 

Sobre a infracción grave o alto tribunal galego recalca que "non é factible compartir a tese esgrimida no recurso de que a medida de suxeición aplicada non comportou un trato degradante nin incompatible coa dignidade do usuario". Desta forma, lembra que as medidas de contención "non se han de aplicar cando hai medidas alternativas, nin como castigo, por comodidade do persoal ou por reducir a vixilancia". Os maxistrados afirman que a parte apelante "non demostrou que esa medida de contención era necesaria, segura, proporcionada, xustificada, prescrita por especialista e consentida". 

Unha coidadora axuda un home nun centro de día CC-BY-SA Xunta

Na resolución, os xuíces tamén sinalan que a necesidade de que o centro conte con persoal de enfermería "en número suficiente para garantir a súa presenza durante as 24 horas do día" é unha esixencia imposta na normativa galega de centros de atención a persoas maiores para os que superan determinados limiares de persoas residentes. "Nesas dúas visitas -realizadas polos inspectores en 2019 e 2020-, o número de dependentes superaba os 40, o que obrigaba a contar coa presenza física de persoal de enfermería permanente durante as vinte e catro horas", salienta o TSXG.

O TSXG tamén di que alegacións realizadas pola entidade sobre a cantidade de alimentos ofrecidos resultan "insuficientes" para desmerecer a apreciación persoal da inspección, "que non deixou marxe para a dúbida sobre que as cantidades servidas eran escasas".

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.