Praza.gal adoita publicar a identidade das compañías implicadas en accidentes ou outro tipo de conflitos laborais, pero o Consejo General do Poder Judicial oculta nomes das sentenzas que divulga e non sempre é posible averigualos con certeza a partir doutros indicios
O pasado 12 de xuño Praza.gal publicou unha nova sobre a condena, por parte da Audiencia Provincial de Pontevedra, a seis meses de cadea aos donos unha panadería de Pontevedra que prohibían descansar ao seu persoal. Nos días seguintes recibimos queixas de diversos lectores e lectoras polo feito de que nesa información non se indicase o nome da panadería condenada en cuestión. Pero se non se fixo non foi por afán de ocultalo senón porque non se puido averiguar.
Neste diario non só adoitamos facer públicos os nomes das empresas (e persoas de relevancia pública) sobre os que recaen sentenzas que consideramos de interese xornalístico, senón que mesmo identificamos ás compañías implicadas en feitos noticiosos aínda que non fosen condenadas, na maioría de casos firmas máis importantes que a panadería deste caso.
En Praza.gal publicamos os nomes das empresas para as que traballan vítimas de accidentes laborais, dos bancos implicados en desafiuzamentos e mesmo recorremos para averiguar a identidade de construtoras responsables de danos ambientais
Así o facemos por exemplo ao nomear as empresas para as que traballan empregados falecidos en accidentes laborais aínda que nos primeiros momentos non se poida determinar de quen foi a responsabilidade. O último caso, tras a morte o pasado 27 de maio dun traballador na factoría de Tableros Hispánicos de Lugo.
Tamén identificamos os nomes das empresas nas sucesivas mortes rexistradas na construción do AVE galego de traballadores de grandes empresas construtoras, desde o primeiro falecido en 2007 nun accidente no que as construtoras Comsa e FCC evitaron un xuízo penal a cambio de elevar as súas indemnizacións civís, ata o último caso rexistrado en outubro do pasado ano, cando faleceu o condutor dun camión da subcontrata Excanando.
Sen chegar a casos tan graves como os accidentes laborais mortais, en Praza.gal tamén identificamos os nomes de construtoras condenadas por irregularidades laborais nesas mesmas obras do AVE e mesmo chegamos a recorrer para averiguar a identidade das empresas sancionadas por danos ambientais na conflitiva construción desa infraestrutura. Tamén é habitual que deamos os nomes dos bancos implicados en casos de desafiuzamentos. E hai uns días identificabamos as empresas para as que traballaban dous comerciais condenados por falsificar sinaturas en contratos de electricidade.
Porén, non sempre é posible saber o nome das empresas que están por tras dun feito noticioso. No caso das sentenzas xudiciais, o Consejo General do Poder Judicial oculta os nomes das persoas e, en ocasións, das empresas, nas sentenzas que divulga, xa sexa de forma directa a través dos seus servizos de comunicación ou indirecta a través da base de datos de xurisprudencia do seu Centro de Documentación Judicial (Cendoj).
Este diario coñeceu a existencia da condena aos propietarios da panadería pontevedresa a partir da publicación da sentenza por parte de Faro de Vigo, como así se indicou na nosa información, na que tamén se di que tivemos acceso ao texto da mesma. E así foi, a través dunha busca na antedita base de datos do Cendoj. Pero o documento alí arquivado, cos apelidos borrados e os nomes cambiados, como no resto de sentenzas, impedía coñecer a identidade dos condenados. A ausencia neste caso dunha acusación particular ou varias partes implicadas tamén impedía poder identificar por esa vía aos condenados, como se adoita facer noutras ocasións ou cando seguimos un caso máis complexo desde a súa orixe. Esta é a sentenza sobre a panadería nesa base de datos do CGPJ e na imaxe que acompaña esta información pode comprobarse como o nome da empresa é substituído por un xenérico "DIRECCION000" e os dos propietarios mudados por outros ao azar e borrados os apelidos e as datas de nacemento.
Unha semana despois da primeira nova sobre a condena, a empresa foi identificada como Panadería Abelleira
Pode comprobarse que, máis alá da referencia a que a panadería estaba radicada en Pontevedra, nada máis permitía identificala a partir da sentenza, motivo polo que Praza.gal non puido publicar o nome e limitouse a describir os feitos probados e a condena, ao igual que fixeron outros moitos medios de comunicación. Unha semana despois da súa primeira nova ao respecto, Faro de Vigo identificou a empresa en cuestión como a Panadería Abelleira.