Condenados por falsificar sinaturas de veciñanza da Mariña en contratos de electricidade para cobrar comisións

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Ata finais do pasado 2018 ningunha normativa impedía a comercialización porta a porta de servizos de luz e gas, unha práctica desenvolvida por múltiplas empresas do sector enerxético, en moitas ocasións a través de subcontratas, dende a liberalización deste mercado. Este xeito de actuar deu lugar a dous fenómenos ligados entre si: periódicas denuncias de presuntas fraudes e bolsas de emprego precarios do persoal comercial. Ambos fican reflectidos nunha recente sentenza na que a Audiencia Provincial de Lugo ratifica a condena de prisión, atenuada polas dilacións do proceso, a dous antigos comerciais por falsificaren sinaturas de veciñanza da Mariña en contratos de electricidade para lograren máis remuneración.

Os condenados traballaban 'porta a porta' para unha subcontrata da empresa eléctrica E.On e a súa remuneración "a comisión" dependía do número de contratos eléctricos asinados

Tal e como consta na sentenza, ambos acusados traballaban no ano 2010 para a compañía Energética de Luz y Gas, unha empresa fundada naquel mesmo ano en Cantabria que "realizaba servizos de axencia de venda indirecta" para E.On, compañía alemá que uns anos antes se fixera co control de Barras Eléctricas Galaico Asturianas (Begasa), empresa eléctrica con maior presenza na provincia de Lugo naquela altura. O contrato entre ambas compañías consistía en realizar "a través de moitos axentes comerciais", entre eles os agora condenados, "traballos de captación de clientes para E.On e formalización de contratos", todo isto "a comisión, percibindo un tanto por cada contrato formalizado", detalla o tribunal.

A Audiencia dá por probado que os acusados, destinados aos concellos da "zona norte da provincia de Lugo", "subscribiron contratos de subministro de enerxía eléctrica no nome de diversos particulares e empresas aos que fixeran ofertas" que non chegaran a concretarse. Para facelo, completaban os formularios e asinábanos con "sinaturas ficticias sen coñecemento nin consentimento de tales persoas ou entidades. 

Torre de alta tensión nunha vila galega CC-BY-SA Juantiagues

E.On chegou a reclamar xudicialmente máis de 3.000 euros a unha moblaría mariñá por supostas débedas do contrato eléctrico subscrito mediante sinatura falsificada, segundo acredita a Audiencia de Lugo

O ditame xudicial cita unha quincena de contratos e explica que "nalgúns casos", foi E.On a que "detectou as irregularidades existentes e non deu os subministros de alta", pero "noutras ocasións, os contratos ficticios pasaron todos os filtros". Deste xeito, as persoas afectadas pasaron a ser clientas a todos os efectos desta empresa eléctrica, que mesmo chegou a lles reclamar débedas por impagamento de facturas da luz baseadas en contratos que nunca subscribiran.

Este foi o caso dunha moblaría con locais en dúas vilas mariñás. E.On chegou a esixirlle pola vía xudicial un total de 3.301,61 euros non pagados baseándose no contrato pechado "cunha sinatura falsa". Ademais, a mesma moblería tamén tivo na súa conta un cargo de case 300 euros por parte da eléctrica. 

O tribunal observa no acontecido delitos de falsidade e estafa en grao de tentativa e deixa a condena nun ano de prisión para ambos acusados polas dilacións indebidas de todo o proceso

Durante o proceso os propios acusados "recoñeceron a veracidade dos feitos", pero matizaron que a súa conduta era "unha praxe determinada pola empresa para a que traballaban". Concretamente, aseguraron, recibían ordes dun coordinador de Energética de Luz y Gas, que indicaba "como debían actuar, asinando polos clientes cando estes non estaban" ou cando pechaban o negocio por teléfono "e facéndoo (...) con sinatura ilexible". Estas ordes, resalta o tribunal, serían "claramente ilegais" se existisen, aínda que non consideran "verosímil" a versión dos acusados, toda vez que de "varias decenas" de comerciais da empresa, só existiron "anomalías" nestes dous.

Por todos estes feitos a Audiencia Provincial ratifica a condena a ambos comerciais a un ano de prisión como autores "dun delito continuado de falsidade en documento privado" e "estafa en grao de tentativa". A existencia de dilacións indebidas no procedemento levou os maxistrados a reducir esta condena, que leva aparellada tamén unha indemnización á devandita moblaría e a anulación de todos os contratos subscritos con sinaturas falsas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.