Como pagar menos pola factura da luz?

25 mil fogares mudaron o seu contrato grazas á primeira compra colectiva de electricidade da OCU CC-BY-NC-SA Jesús Domínguez

O prezo da electricidade creceu un 74% entre 2007 e 2013, moi por riba do encarecemento medio no conxunto da UE nese período (17%), convertendo Españo terceiro país europeo con prezos máis caros para a enerxía, só por detrás de Chipre e Irlanda. Ao longo de 2014 o prezo está a sufrir numerosas oscilacións, cun descenso de ao redor do 10% nas facturas no primeiro semestre que, apuntan os expertos, virá acompañado dun forte incremento no segundo semestre, encarecendo o prezo a final de ano, en conxunto, do 3%.

Organizacións de defensa dos consumidores, coma a OCU, denunciaron en numerosas ocasións a situación de "falsa liberalización" do mercado eléctrico español, que segue dominado polas mesmas grandes compañías que hai unha década. O coordinador de produtos e servizos en OCU, Javier Arranz, cre que existe, en xeral, unha gran "falta de información". "Cremos que os consumidores están moi perdidos neste momento porque lles cambiaron as regras do xogo". Arranz fixo estas declaracións na presentación da segunda compra colectiva de enerxía organizada pola entidade, cuxa poxa terá lugar o vindeiro venres, día 31.

A iniciativa quieropagarmenosluz.org busca abaratar o prezo que pagan os consumidores a través da organización dun gran número de interesados e interesadas a quen unha comercializadora lles ofreza un prezo á baixa. Ademais, queren con ela impulsar unha "dinamización" dun mercado, até agora, moi cautivo. O pasado ano a proposta interesou a case medio millón de persoas en toda España, que se inscribiron na web. A oferta gañadora, a máis barata, foi a de Holaluz.com, que propoñía un aforro anual duns 49 euros de media e o subministro de enerxía producida unicamente con fontes renovables. Finalmente, 25 mil dos fogares inscritos aceptaron a oferta e mudaron o seu contrato.

Os clientes con PVPC están expostos a situacións como a vivida este mes de setembro, que se pechou cun prezo de 58,89 euros, o que supón un incremento do 17% sobre os prezos fixados durante o mes de agosto

A OCU destaca que na actualidade os e as consumidores viven nun clima de incerteza, pois trala última reforma eléctrica, aqueles que están no mercado regulado coa tarifa Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) contan cun prezo variable para cada unha das 24 horas do día. Este prezo fíxase cun día de antelación. Os clientes con PVPC están expostos a situacións como a vivida este mes de setembro, que se pechou cun prezo de 58,89 euros, o que supón un incremento do 17% sobre os prezos fixados durante o mes de agosto. A alternativa para os consumidores é contratar unha tarifa que ofreza estabilidade no prezo, sen estar exposto aos vaivéns do mercado. Deste xeito o consumidor terá seguridade e poderá prever o que destina ao pago da electricidade cada mes. Porén, en moitas ocasións as tarifas planas ofrecidas polas grandes compañías non supoñen aforro ningún, senón máis ben todo o contrario.

Máis aló destas solucións de aforro, ao redor de 200 mil fogares galegos non poden "permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada" por falta de cartos

A entidade botou a andar en setembro a segunda edición da súa compra colectiva. O funcionamento é idéntico ao da primeira edición. Os participantes decidirán en que categoría de poxa se presentan: electricidade, gas ou para obter unha oferta conxunta de gas e electricidade. Con esta iniciativa, a OCU busca "romper as actuais regras do xogo", pois -destaca- "serán os consumidores os que tomen a iniciativa, e digan ás compañías que tipo de produto desexan: sen cláusulas abusivas, sen compromisos de permanencia, sen servizos adicionais que encarezan a factura". O período de inscrición as consumidoras interesadas péchase este 30 de outubro.

A OCU busca "romper as actuais regras do xogo", pois -destaca- "serán os consumidores os que tomen a iniciativa, e lles digan ás compañías que tipo de produto desexan"

Mentres, máis aló destas solucións de aforro, ao redor de 200 mil fogares galegos non poden "permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada" por falta de cartos, segundo datos do IGE. Unha situación de pobreza enerxética que a Xunta buscou paliar a través dun "tícket enerxético" que só beneficiou a 14 mil familias, un 6% do total, e cuxa contía, ademais, de entre 90 e 120 euros anuais abondaba para pagar, como moito, dous meses de facturas.

 

Alternativas eléctricas

O acelerado encarecemento que a factura da luz experimentou nos últimos anos, está animando o nacementos de alternativas nas que os consumidores se poden beneficiar de mellores prezos, ademais de aumentar a súa capacidade de decisión sobre o seu consumo eléctrico. Por un lado están as cooperativas de consumo, de carácter horizontal e nas que aos prezos máis reducidos se engaden as vantaxes de ofrecer a distribución de enerxía verde ou a toma de decisións sobre as accións da entidade. Por outro lado están as empresas comercializadoras, que comezan a presentar ofertas diferenciadas das que até agora tiñan as grandes distribuidoras.

Polo que respecta ás alternativas cooperativas, en Galicia destaca a actividade de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega e de Som Energia, con orixe en Cataluña. Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega anunciou este verán o comezo da comercialización de enerxía obtida con fontes renovables para todas as súas persoas socias, primeiro en formato de proba. Som Energia contaba no verán con 15 mil socias e socias en toda España, máis de 200 en Galicia, e esperaba dar servizo a 22 mil fogares en todo o Estado a final de ano, ofrecendo prezos até un 10% máis económicos que a media. Na súa última asemblea, celebrada en xullo, Ana Marco, presidenta do Consello Reitor de Som Energia, animou a cidadanía "a saír do oligopolio de portas xiratorias que actualmente domina o sector e optar por alternativas democráticas e cooperativas como Som Energia”.

Por outra banda, empresas comercializadoras hai moitas, que presentan distintas ofertas que, se se analizan correctamente, escollendo a que máis se axusta ao tipo de consumidor ou consumidora, poden supor un aforro que en ocasións pode chegar a ser grande. Para comparar os seus prezos pódense usar distintas webs que automaticamente informan dos prezos que en cada lugar e para unha determinada potencia contratada e nivel de uso, están dispoñibles para contratar.

Unha familia de Vigo de catro membros, cunha potencia contratada ao redor dos 4.6 kW e cun consumo medio anual de 3850 kW, pode acceder a 17 ofertas distintas con variacións de prezo de case cen euros anuais

Por exemplo, unha familia de Vigo de catro membros, cunha potencia contratada ao redor dos 4.6 kW e cun consumo medio anual de 3850 kW, pode acceder a 17 ofertas distintas, con prezos que oscilan entre os 816 euros por ano da máis barata (Alcanzia Energía), até os 914 euros anuais da máis cara (Iberdrola). Entre elas, outras ofertas de Enara, Audax, EDP, Endesa, Fenie Energía, Iberdrola, Nexus, Som Energía, Aura Energía, Zencer, Aracan, Holaluz, Goiener ou Gesternova, nalgúns anos garantido a orixe verde, da electricidade, e noutro ofrecendo outras vantaxes, coma descontos ou puntos acumulables.

O prezo da electricidade baixou un 10% no primeiro semestre, pero crecerá no conxunto do ano CC-BY-NC-SA shadowstalker
25 mil fogares mudaron o seu contrato grazas á primeira compra colectiva de electricidade da OCU CC-BY-NC-SA Jesús Domínguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.