As construtoras do viaduto do Carballiño que se veu abaixo en setembro de 2007 aceptan pagar unha maior indemnización civil ás vítimas a cambio de evitar o xuízo
O 7 de setembro de 2007 un viaduto que se estaba a construír sobre o río Arenteiro, no Carballiño, para a liña de AVE Ourense-Santiago veuse abaixo mentres varios obreiros traballaban na colocación dunha das súas lousas superiores. Un capataz vigués de 45 anos da construtora Comsa morreu e outros catro traballadores portugueses resultaron feridos. Este luns, case dez anos despois, estaba fixado o inicio do xuízo penal, con catro técnicos da Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Comsa e FCC, adxudicataria da obra, como imputados aos que a acusación particular pedía catro anos de cárcere por homicidio imprudente e lesións imprudentes. Porén, tras unha negociación previa, as empresas e as súas aseguradoras aceptaron incrementar as indemnizacións a aboar na vía civil a cambio de evitar o xuízo.
As obras do AVE galego acumulan xa sete mortos
A familia do falecido recibirá unha indemnización total de 274.000 euros, dos que xa cobrara 196.000. Pola súa banda, os catro feridos, que tamén recibiran xa parte dos cartos, obterán entre 5.000 e 30.000 euros de indemnizacións totais. As contías supoñen un 40% máis do establecido para os falecementos e as lesións que presentaron os afectados no baremo de accidentes de tráfico, o que se adoita utilizar tamén para outro tipo de sinistros con correccións á alza. Con estas indemnizacións incrementadas na vía civil a cambio de que non se celebrase o xuízo, non haberá pois responsables penais deses feridos nin desa morte, a primeira rexistrada na construción do AVE galego hai dez anos. Unhas obras que acumulan xa sete falecidos, aos que hai que engadir os 80 viaxeiros mortos no accidente de Angrois do que o próximo luns se cumpren catro anos.
Este venres cúmprense 16 anos do inicio das obras da alta velocidade galega
Precisamente este venres cumpriranse 16 anos desde a colocación da simbólica primeira pedra da alta velocidade galega, nas proximidades de Santiago, o 21 de xullo de 2001, a cargo dos presidentes Aznar e Fraga, do ministro Álvarez-Cascos e do conselleiro Cuiña. 16 anos despois, a comezos deste ano Fomento e Xunta volveron dar unha nova data de previsión para a súa entrada en funcionamento total, agora a comezos de 2020.