Un traballador morre e outro resulta ferido nun sinistro cun elevador nas obras da alta velocidade na aínda pendente variante de entrada a Ourense, en San Cibrao das Viñas
As obras de entrada en Ourense da liña de alta velocidade coa Meseta rexistraron na mañá deste martes un accidente laboral no que morreu un traballador "atrapado por unha peza da maquinaria cando se atopaba nun elevador", segundo comunicou a Axencia Galega de Emerxencias. No sinistro resultou tamén ferido outro operario que "sufriu unha lesión nunha perna". Con este accidente xa son cando menos 15 os traballadores falecidos nas obras de construción da alta velocidade en Galicia nas dúas últimas décadas.
Segundo Emerxencias, a chamada de alerta, contra as 10 da mañá, xa apuntou a posibilidade de que o traballador, de 45 anos, estivese falecido, como así confirmaron os servizos sanitarios. O seu corpo tivo que ser liberado polos bombeiros e ata o lugar desprazouse tamén a Garda Civil.
Praza.gal vén recompilando os accidentes laborais mortais no marco dunha serie de reportaxes sobre os outros custos do AVE máis alá dos económicos
Praza.gal vén recompilando desde hai anos os accidentes laborais mortais rexistrados nas obras de alta velocidade en Galicia, no marco dunha serie de reportaxes sobre os outros custos do AVE máis alá dos económicos.
O primeiro do que houbo constancia pública rexistrouse no Carballiño en 2007 e a súa investigación saldouse unha década despois sen culpables penais. Tras aquel caso na construción da liña Ourense-Santiago, os seguintes accidentes producíronse no Eixo Atlántico para despois pasar, como o groso das obras, á liña coa Meseta. A lista inclúe tanto os casos divulgados polos servizos de emerxencias como os recoñecidos polo Goberno de España ou localizados por este diario en sentenzas xudiciais.
No caso da liña de alta velocidade coa Mesete, foi inaugurada hai agora catro anos, pero quedaron pendentes os 17 quilómetros finais de entrada en Ourense, a denominada variante de Taboadela, de xeito que os trens seguen circulando nese treito pola liña antiga. A metade desa variante está actualmente en obras, e é alí, en San Cibrao das Viñas, onde se produciu o accidente deste martes.