Adif licita por 105 millóns a metade da variante de Taboadela, o treito máis próximo a Ourense onde os trens seguirán temporalmente pola vía actual e que co PP en Fomento a Xunta xa asumía que non estaría rematada ata 2024
Os trens AVE chegarán este ano a Galicia desde a Meseta, se as probas de seguridade así o permiten, porque a liña de alta velocidade vén de ser rematada desde Zamora ata 17 quilómetros antes de Ourense e nese último treito a vía convencional actual foi adaptada para permitir a súa circulación. Desde ese punto, en Taboadela, ata a estación da cidade aínda non se moveu unha pedra do novo trazado, algo que agora comeza a mudar ao licitar este luns Adif a construción da metade dese último treito por 105 millóns de euros e un prazo máximo de execución de 34 meses.
Tras varias correccións do trazado nos últimos anos por condicionantes ambientais, entre Taboadela e Ourense Adif finalmente dividiu o novo trazado aínda pendente de executarse da coñecida como variante de Taboadela en varios subtreitos. Agora saca a concurso os dous primeiros, Taboadela-Túnel de Rante (80,4 millóns e 34 meses) e Túnel de Rante-Seixalbo (24,6 millóns e 26 meses). En Seixalbo o trazado da nova variante volve cruzarse coa vía convencional actual, polo que o seguinte treito entre ese punto e a estación de Ourense, que inclúe unha nova ponte sobre o río Miño, pode executarse de xeito independente.
O atraso da variante de Taboadela levou á Xunta a dar por roto o Pacto do Obradoiro co socialista José Blanco, pero co PP no ministerio deixou de ser tan importante e o ex-ministro De la Serna dixo que non cría que pagase a pena executala
O atraso de toda a variante de Taboadela vén de hai anos e a posibilidade de que os trens circulen nese último treito antes de Ourense pola vía convencional levou ao ex-ministro popular de Fomento Íñigo de la Serna a dicir a finais de 2016 que non cría que pagase a pena executala. Previamente, cando o ministro era o socialista José Blanco a demora dese treito levou á Xunta a dar por roto o Pacto do Obradoiro que asinara con el para garantir o AVE, pero cos populares no ministerio eses 17 quilómetros deixaron de ser tan importantes.
En abril de 2017 o presidente Feijóo asumía que eses 17 quilómetros de variante non estarían rematados ata 2024, pero igualmente lles restaba relevancia á hora de falar da chegada da alta velocidade pola posibilidade de que os trens circulen pola vía convencional adaptada. Porén, unha vez que os populares deixaron o Goberno de España, hai ano e medio volveron a considerar “indispensable para completar a chegada da alta velocidade”.