Os populares consideran agora novamente “indispensable para completar a chegada da alta velocidade” os 17 quilómetros máis próximos á cidade de Ourense aínda non iniciados, que obrigarán aos trens AVE a empregar durante anos as vías convencionais
“Non creo que debamos centrar o tema na variante de Taboadela”. Así minimizaba o presidente Feijóo en novembro de 2016, cando o PP ocupaba o ministerio de Fomento, o atraso das obras do AVE neses 17 quilómetros máis próximos á cidade de Ourense nos que, tres anos despois, a metade deles con goberno popular, aínda non se moveu unha pedra. A demora dese treito fará que durante anos os trens de alta velocidade teñan que empregar para entrar en Ourense a sinuosa liña convencional actual, que está xa a ser adaptada e mellorada para eses tráficos. Pero se cando gobernaba o PP ese treito non era tan importante, agora que Fomento volve estar en mans dos socialistas, como ata 2011, volve ser “indispensable”.
Este martes os candidatos do PP ao Congreso e o Senado pola provincia de Ourense desprazáronse ata Taboadela, onde se está a construír a conexión entre a liña de alta velocidade, xa practicamente rematada desde Zamora, e as vías convencionais que permitirán aos trens AVE chegar cando menos ata a cidade de Ourense. Alí criticaron o atraso na licitación da variante, que cualificaron agora como “indispensable para completar a chegada da alta velocidade” e consideraron un “atraso” que as obras non fosen licitadas o pasado 1 de xullo despois de que en marzo Adif anunciase de xeito orientativo no Diario Oficial da UE que prevía o inicio desa licitación “durante o 2º semestre de 2019”. Os populares volven así á etapa, con gobernos centrais do PSOE, na que daban ultimatos de 10 días para cumprir os prazos do AVE.
A demora da variante de Taboadela foi un elemento clave para que en 2011 a Xunta dese por roto o Pacto do Obradoiro asinado co socialista José Blanco e mudase a previsión de remate de toda a liña de 2015 a 2018
A cualificación da variante de Taboadela como “indispensable” para considerar completo o AVE galego foi o argumento empregado pola Xunta en 2011 para considerar roto o denominado Pacto do Obradoiro asinado dous anos antes por Feijóo e o daquela ministro José Blanco. Cando daquela o Goberno galego acusou a Fomento de incumprir o cronograma de obras pactado, fíxoo fundamentalmente por ese treito, pero o tempo seguiu pasando e cinco anos de Goberno central popular despois aínda non se movera unha pedra del cando o propio Feijóo cambiaba de parecer.
Hai agora tres anos o daquela ministro popular Íñigo de la Serna considerou que non pagaba a pena facer a variante de Taboadela, declaración que pouco despois rectificou
En novembro de 2016 a variante de Taboadela que provocara a ruptura do Pacto do Obradoiro xa non era considerada o punto máis importante no que centrarse. Nese momento, co PP en Fomento, o que importaba era que, malia que ese tramo se atrasase, os trens de alta velocidade puidesen circular pola vía actual para chegar en tren a Madrid desde Ourense “en menos de tres horas, con variante ou sen variante”.
Tras aquelas palabras de Feijóo, o daquela ministro popular de Fomento, Íñigo de la Serna foi máis alá e dixo publicamente que non pagaba a pena facer ese treito, que cuantificou en preto de 600 millóns despois de que estudos previos do Goberno central o situaran en 300. Fomento acabou rectificando e volvendo incluír a variante de Taboadela nas súas previsións, pero asumindo o propio Feijóo que non estaría rematada ata 2024. En todo caso, argumentaba, iso non significaba que o AVE non chegase ata esa data, senón que o podería facer antes empregando nese último treito a vía convencional adaptada.
Tras todos eses cambios de opinión, este martes, co PSOE de novo á fronte de Fomento, e coas obras xa case rematadas nos 200 quilómetros que separan Zamora e Taboadela, para o PP ese treito de 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense volve ser “indispensable para completar a chegada da alta velocidade”.