Adif encarga obras entre Taboadela e Ourense que fan dubidar da prometida nova liña de AVE

Anuncios do Diario da UE e o BOE coas dúas melloras supostamente provisionais para a liña de tren actual entre Taboadela e Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Entre a cidade de Ourense e Taboadela, uns 17 quilómetros ao leste da capital, atópase o único treito do AVE entre Galicia e a Meseta no que aínda non se moveu unha pedra. Tras un cambio de opinión, o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, asegura que segue a estar entre os seus plans executar eses quilómetros, pero como non poderán estar rematados ata ben entrada a próxima década, anunciou que adaptará a sinuosa vía actual para que os trens de alta velocidade a poidan usar de xeito provisional a partir de 2020, cando xa estean en servizo o resto dos treitos. Porén, nos últimos días Adif, a empresa pública xestora das liñas, deu dous pasos administrativos para a adaptación dese treito que fan dubidar das intencións do Goberno. Dúas melloras que para expertos consultados non sería necesario acometer de xeito simultáneo e que ao PSdeG parécenlle excesivas para unha solución que se di provisional á espera do AVE definitivo.

O ente público impulsa ao tempo un cambiador de ancho para os trens e a adaptación das vías actuais á alta velocidade, cando unha soa das dúas actuacións xa garantiría un uso provisional, segundo expertos consultados

A liña de AVE que chegará a Galicia desde a Meseta estase a construír en ancho internacional, pero o treito actual entre Taboadela e Ourense ten ancho ibérico. Cando o resto de treitos do AVE estean rematados, será necesario que os trens cambien o ancho dos seus eixos en Taboadela ou que as vías entre ese punto e Ourense muden ao ancho internacional. A primeira opción, a de mudar os trens sobre a marcha, é a que se viña realizando ata o de agora a medida que as obras do AVE se foron aproximando a Galicia e se instalaron sucesivamente cambiadores de ancho de eixo en Olmedo, Zamora e, o próximo ano, en Sanabria. A segunda opción, a de cambiar as vías ou engadirlles un terceiro carril para o ancho internacional, implicaría mudar tamén os outros treitos de AVE xa en servizo no interior de Galicia que operan actualmente en ancho ibérico, algo que en principio Adif non prevía realizar ata que estivese rematada toda a rede de alta velocidade, xa que á súa vez obrigará a novas actuacións para facilitar o tráfico de mercadorías (en ancho ibérico) aos portos.

Nesta situación, o pasado venres Adif deu un paso administrativo para que en Taboadela os trens cambien o ancho dos seus eixos, e este martes deu outro para que o que se cambie sexan as vías. O venres publicou no Diario Oficial da UE un anuncio previo para a licitación a finais deste ano dun cambiador de ancho e outras actuacións en Taboadela por un importe de cinco millóns de euros máis IVE. E este martes publicou no Boletín Oficial del Estado a información pública das expropiacións necesarias “para a implantación do ancho estándar no traxecto Taboadela-Ourense”.

A simultaneidade de ambas as dúas actuacións fai que o PSdeG considere que Adif aparca a construción da nova vía do AVE nese treito. “O BOE de hoxe e os orzamentos xerais do Estado, que adían ata 2020 as obra reais do novo trazado, supoñen unha sentenza de morte para a variante de Ourense que é fundamental para ter un AVE real, seguro e plenamente operativo”, din os socialistas, que cuantifican en “uns 33 millóns” o que Adif vai investir coas dúas actuacións anteditas nunha “suposta solución provisional” que cualifican de “chapuza soberbia”. O voceiro do PSdeG-PSOE en Ourense, Francisco Fraga, di que supón converter aos galegos en “cidadáns low cost” xa que “terán un AVE que nos seus últimos 17 quilómetros irá máis lento que un coche por unha estrada nacional”.

“Estamos fartos de supostas solucións provisionais que logo son definitivas e isto parece unha máis”, di o PSdeG

“Estamos fartos de supostas solucións provisionais que logo son definitivas e isto parece unha máis”, di Fraga, quen alerta de que “o uso do trazado vello suporá o adiamento sine die da variante” nova e condena os galegos e galegas a “viaxar por 12 curvas como a de Angrois co que iso pode supor para a seguridade e confortabilidade”. Unha afirmación a referida á seguridade que xa fixera no seu momento o portavoz de En Marea, Luis Villares, pero que obvia que un accidente como o de Angrois só podería ocorrer na primeira desa ducia de curvas, e que logo do sinistro todas as curvas similares que requiren dunha forte redución de velocidade están protexidas con sistemas de freado automático que non existían en Santiago.

Adif eleva a 103 millóns o investimento a realizar la liña vella "mentres se tramita e constrúe a variante exterior", para a que non achega ningunha data

Praza.gal preguntou este martes a Adif, antes de que o PSdeG fixese as súas valoracións, se vai realizar as dúas actuacións que agora impulsa, o cambiador de ancho para os trens e modificar o ancho das vías, e por que motivo se cunha soa xa se garantiría a circulación dos trens. Tamén preguntou se realizar as dúas actuacións, coa duplicación de investimentos que supón, implica que a variante de Ourense tardará máis en executarse. Adif contestou emitindo unha nota de prensa na que eleva a 103 millóns de euros o investimento que vai realizar “mentres se tramita e constrúe a variante exterior de Ourense”, contía da que di que 28,1 millóns corresponden coa implantación do ancho internacional e 6,1 millóns co cambiador de ancho e aos que engaden actuacións pendentes de licitar para a electrificación e instalación do sistema de seguridade ERTMS, o propio do AVE, neses 17 quilómetros de vía vella. A empresa pública fala de “adecuación integral da liña para permitir que a alta velocidade chegue canto antes a Ourense e se acorten os tempos de viaxe ata a Meseta”. Na nota, Adif nada contesta á pregunta de se a realización destas actuacións suporá un adiamento da variante exterior, treito para o que non facilita ningunha data.

Situación das obras do AVE entre Zamora e Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.