Os populares aseguran que se contan con maioría dabondo tras o 29N aprobarán unha contrarreforma do Regulamento parlamentario para que volva ser obrigatorio falar en castelán, medida que tamén aplicarían a organismos como a conferencia de presidentes
O ex-presidente da Xunta e líder estatal do PP presenta o programa do partido para as vindeiras eleccións xerais. Os populares fan públicas 241 das 249 promesas que compoñen a súa oferta para o 29N -as oito restantes, din, divulgaranas durante a campaña- baixo o lema La reconstrucción nacional. O documento, sostén Alberto Núñez Feijóo, pretende ser "a cura coa que sandar unha España ferida", ton de ecos de hai un século que inclúe medidas como restrinxir os espazo públicos para os idiomas oficiais diferentes do castelán ou o amparo legal ás vítimas da ditadura franquista.
Nun contexto no que aseguran pretender "defender a cordialidade", o PP vén presentar dous rangos de idiomas oficiais: "a lingua común", o castelán, e "as linguas cooficiais". A partir de aí, afirman que se puidesen volver gobernar no Estado se disporían a "asegurar que as administracións dos territorios con cooficialidade se dirixan aos cidadáns na lingua oficial ou na cooficial, a elección do cidadán". No caso concreto do Congreso dos Deputados, pola contra, a posibilidade de elixir non existiría, porque volvería ser monolingüe en castelán.
Así, apenas tres anos despois de que, no marco das negociacións do PSOE con forzas soberanistas para a constitución da Mesa da Cámara Alta e a investidura de Pedro Sánchez, finalizase a prohibición de emprega o galego, o éuscaro ou o catalán nos discursos e iniciativas, Feijóo promete volver recuperalo. "O castelán volverá ser a lingua común de traballo no Congreso", prometen, se contan con maioría dabondo para unha contrarreforma do Regulamento que force que "os debates parlamentarios se desenvolvan na lingua común de todos os españois".
[O PP incorpórase ao uso do galego no Congreso tras votar "non" a poder falalo]
Feijóo afirma que estendería a todo o Estado a remuda da Lei de Memoria que xa aplica en autonomías con bipartitos PP-Vox
A prohibición, agrega, estenderíase tamén aos "órganos de máximo nivel de cooperación entre o Goberno de España e as comunidades autónomas", caso da conferencia de presidentes e presidentas, onde volvería ser obrigatorio falar en castelán. "Manteremos a posibilidade de uso das linguas cooficiais no Senado", agregan en referencia á Cámara alta, onde sobre os idiomas oficiais diferentes do castelán pesan restricións que os populares impediron cancelar no mandato que agora remata.
Derrogación da lei de memoria democrática e medios públicos
Noutro treito do programa electoral os populares prometen trasladar ao Estado medidas que xa están a aplicar os gobernos bipartitos que comparten con Vox en varias autonomías, caso de derrogar a Lei de Memoria Democrática, que caricaturizan como "corredactada por Bildu". Atribúen á norma que ampliou a protección e recoñecemento ás vítimas do golpe e da ditadura unha intención de "reescribir a historia dende a manipulación e o enfrontamento".
Se gobernasen, di o programa, substituiríana por unha "norma de concordia" que "protexa a investigación histórica, a reconciliación e o legado constitucional da Transición". Esa norma, din, mantería "con carácter humanitario, a busca e identificación de desaparecidos". O actual Goberno de España foi o primeiro en achegar fondos públicos e promover a procura e dignificación de fosas de persoas asasinadas polos golpistas.
O programa popular contempla unha reforma exprés dos medios públicos estatais para, din, "garantir unha información rigorosa, plural e independente". Con Feijóo na Moncloa, agregan, quedaría "garantida" a "liberdade de prensa"
Outro apartado do programa do PP destaca as promesas en materia de medios públicos de comunicación. Fano para prometer unha reforma legal exprés das leis que regulan Radio Televisión Española e a Axencia Efe para, din, "recuperar a súa independencia" e "garantir unha información rigorosa, plural e independente". Esta semana o colectivo Defende a Galega chegará ao venres negro número 443 para denunciar o que consideran prácticas reiteradas de inxerencia da Xunta no labor dos medios públicos.
[O PP asegúrase o control de RTVE e abre a porta á fin das autonómicas]
Aseguran os conservadores que, se Feijóo chegase á Moncloa, quedaría "garantida" a "liberdade de prensa, o pluralismo informativo e a independencia dos medios de comunicación fronte a calquera inxerencia do poder político". "Reforzaremos a protección dos xornalistas, das súas fontes e do segredo profesional", prometen.