Pontón presenta a 'Axenda Galega': “Pensen en todo o que imos poder facer para mellorar as súas vidas cun BNG máis forte no Congreso”

Presentación da Axenda Galega do BNG cara ao 29N, con Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Olalla Rodil. CC-BY-SA BNG

Ana Pontón lembrou que na pasada lexislatura “un deputado e unha senadora do Bloque coas mans libres conseguiron máis para Galiza que toda a procesión dos caladiños do PP-PSOE”

“Pídolle as galegos e as galegas que pensen en todo o que imos poder facer para mellorar as súas vidas e para defender Galiza en Madrid cun BNG máis forte no Congreso”, recalcou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras recordar que na pasada lexislatura “un deputado e unha senadora do Bloque coas mans libres conseguiron máis para Galiza que toda a procesión dos caladiños do PP-PSOE”. 

O BNG concorre ás eleccións do 29N cun decálogo de compromisos “para defender Galiza en Madrid, conquistar máis dereitos e mellorar a vida da xente”, tal e como destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, que presentou esta “Axenda Galega” xunto ás cabezas de lista pola Coruña, Néstor Rego; Pontevedra, Carme da Silva; Lugo, Olalla Rodil; e Ourense, Noa Presas. 

Ana Pontón, na presentación das cabezas de lista do BNG para as xerais. CC-BY-NC-SA BNG

Poñer a vida das persoas no centro, defender unha economía a favor da xente, ter máis capacidade para decidir sobre o noso e traballar por unha Galiza comprometida coa democracia e coa paz son, precisamente, os eixos da Axenda Galega 

“Nestas eleccións os galegos e as galegas temos a oportunidade de incrementar o peso político de Galiza no Estado, de facernos valer e facernos respectar, e de non permitir o guión da discriminación que practica sistematicamente o bipartidismo, que fai que Galiza sexa terra de sacrificio”, asegurou Pontón,  para destacar que o BNG aspira, co seu decálogo de compromisos, a acadar unha maior representación para seguir dando a batalla por Galiza e pola clase traballadora “con máis forza que nunca” a partir do 29-N.

Con ese obxectivo, pediu concentrar o voto no Bloque porque “se sumamos no BNG o voto de cada persoa que leva Galiza na cabeza e no corazón, seremos unha forza imparable”, dixo, para que a voz dos galegos e galegas “pete na mesa” do Estado, “para defender o País, para conquistar dereitos e para construír un futuro mellor para todos e todas”. 

Poñer a vida das persoas no centro, defender unha economía a favor da xente, ter máis capacidade para decidir sobre o noso e traballar por unha Galiza comprometida coa democracia e coa paz son, precisamente, os eixos da Axenda Galega, segundo informaron desde o BNG.

Nun momento “no que medran os discursos de odio, a xenofobia e a intolerancia”, a aposta do BNG é tamén avanzar en dereitos, en igualdade, en feminismo e en inclusión social. “Neste 29N, nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos e liberdades”, apuntou

“Todo o mundo ten dereito a unha vida digna, a ter un salario decente que lle permita chegar a fin de mes, a ter unha casa na que poder desenvolver o seu proxecto de vida”, asegurou Pontón, que salientou tamén, entre os compromisos do BNG, a defensa dos servicios públicos de calidade, na educación na sanidade ou na atención á dependencia. “Unha vida digna debe ser o normal, non un privilexio”, sintetizou. 

Nun momento “no que medran os discursos de odio, a xenofobia e a intolerancia”, a aposta do BNG é tamén avanzar en dereitos, en igualdade, en feminismo e en inclusión social. “Neste 29-N, nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos e liberdades”, apuntou. 

Entre os compromisos plasmados na Axenda Galega atópase, por outra banda, a defensa dunha economía a favor da maioría, o que significa “poñerlle fin aos privilexios das eléctricas e a ese deseño centralista que fai que a nosa riqueza, como sucede coa enerxía, sirva para desenvolver fundamentalmente o centro do Estado, Madrid, mentres aquí non temos beneficios e si prexuízos”. “Basta de espolio e de que uns poucos fagan negocio co que é de todos e todas”, proclamou. 

Pontón defendeu que Galiza, da man do BNG, precisa ter máis forza ante o Estado tamén para “poder decidir sobre o noso” porque “sabemos que cando deciden por nós desde Madrid, en demasiadas ocasións, Galiza perde”. De aí que avanzar no autogoberno, con máis competencias, sexa outro dos eixos no decálogo nacionalista.

A Axenda Galega consiste tamén nunha Galiza comprometida coa democracia e coa paz, nun escenario no que “non chega con dicir non á guerra”. “A coherencia di que si dicimos non á guerra, hai que frear ese desorbitado incremento do gasto militar, que o único que fai é alimentar a morte e a destrución impedindo ademais que eses recursos vaian para vivenda, dependencia ou atención ás persoas maiores”, argumentou. 

O cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, pola súa banda, centrou a súa intervención na parte económica do decálogo e destacou, neste punto, que “a transición ecolóxica xusta na Galiza pasa imperativamente por acabar co espolio dos nosos recursos naturais e deixar de ser zona de sacrificio para nutrir de millóns de euros ás grandes empresas enerxéticas con sede en Madrid” .

Olalla Rodill detallou que o Bloque defenderá en Madrid a xubilación ordinaria aos 65 anos e blindar o sistema público de pensións “fronte as ameazas do Partido Popular e de Vox” 

A cabeza de lista por Pontevedra Carme da Silva fixo parte na presentación do decálogo subliñando que é preciso actuar en materia de vivenda “con contundencia, urxencia e valentía”. Afeou ao Estado e á Xunta ter tratado a vivenda exclusivamente como un ben de mercado, deixándoa en mans das grandes promotoras e fondos voitre ou actuando nos minutos de desconto.

Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, apelou a todas esas persoas decepcionadas coas promesas incumpridas por parte de PSOE e Sumar: "Uns piden sacrificios e outros que se autodenominan os máis progresistas do mundo non paran de engordar o gasto militar" denunciou Presas, sinalando que o BNG non está "nin para volver atrás coa dereita máis ultra nin para conformarse con que todo siga igual".

A cabeza de cartel por Lugo, Olalla Rodil, explicou que defender “o dereito da xente a vivir dignamente do seu traballo o dunhas pensións xustas” é un dos eixos fundamentais da Axenda Galega do BNG, na que se inclúe, entre outras propostas,  o incremento do Salario Mínimo Interprofesional e as s pensións mínimas até o 60% do salario medio. Detallou, así mesmo, que o Bloque defenderá en Madrid a xubilación ordinaria aos 65 anos e blindar o sistema público de pensións “fronte as ameazas do Partido Popular e de Vox”. “Temos o compromiso firme defender as pensión como unha das grandes conquistas das traballadoras e dos traballadores e un dereito para as futuras xeracións tamén”, salientou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.